Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 27 de abril de 2021 Páx. 21030

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2021 pola que se ordena a publicación do Acordo do Pleno do 18 de marzo de 2021 que convoca o II Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz.

Dando cumprimento ao disposto na base 2 do Acordo do Pleno do 23 de setembro de 2019, polo que se crea o Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión (DOG núm. 215, do 12 de novembro),

RESOLVO:

Ordenar a publicación do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 18 de marzo de 2021, polo que se convoca o II Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2021

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Convocatoria do II Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz

O Consello de Contas de Galicia, como órgano de control externo con competencias en materia de prevención da corrupción, ten grande interese en promover a investigación en materias relacionadas con esta competencia e en coñecer aquelas iniciativas de carácter científico que poidan contribuír á análise dos temas propios das súas funcións de colaborar coas administracións públicas na implantación de sistemas de prevención e de manuais de xestión de riscos de corrupción; de comprobar os sistemas de prevención que se poñan en marcha; de asesorar sobre os instrumentos normativos máis axeitados para previr a corrupción; e de fomentar na sociedade civil e, particularmente, no ámbito empresarial, a transparencia e o comportamento ético nas súas relacións co sector público.

Unha das formas de contribuír a este obxectivo consiste en empregar instrumentos que incentiven a elaboración de traballos relacionados coa prevención da corrupción no sector público, nas súas diversas vertentes, como son os premios de investigación.

O Pleno do Consello de Contas de Galicia, en sesión do 23 de setembro de 2019, creou o Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz para promover a investigación en materias relacionadas coa prevención da corrupción nas administracións publicas e aprobou as bases reguladoras para a súa concesión, que foron obxecto de publicación mediante Resolución do 29 de outubro de 2019 (DOG núm. 215, do 12 de novembro).

En virtude do disposto na base 2, o Pleno do Consello de Contas de Galicia, na súa sesión do 18 de marzo de 2021, acordou a convocatoria do premio correspondente á edición de 2021, que se rexerá polas seguintes disposicións:

Primeira. Convocatoria

Convócase o II Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz correspondente á edición de 2021, de acordo coa base 2 do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019, polo que se crea o Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión, publicado mediante Resolución do 29 de outubro de 2019 (DOG núm. 215, do 12 de novembro).

Segunda. Requisitos e procedemento

Os requisitos e o procedemento de concesión do premio serán os recollidos no Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019, no cal se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.

Terceira. Participantes

De acordo coa base 4 do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019, poderán concorrer ao premio os autores ou coautores de traballos de investigación que teñan o seu domicilio en calquera dos Estados membros da Unión Europea, que poderán ter a condición de persoa física ou grupo de investigación, composto por persoas físicas, baixo a coordinación dun dos seus integrantes, que actuará como representante do grupo e responsable do traballo para os efectos oportunos.

Non poderán concorrer ao premio:

Aquelas persoas que tiveran a condición de membro ou persoal do Consello de Contas de Galicia nos dous anos anteriores á convocatoria do premio.

Aquelas persoas que obtiveran o primeiro premio nas dúas edicións anteriores á convocatoria do premio.

Aquelas persoas que formaran parte do xurado nas dúas edicións anteriores á convocatoria do premio.

Cuarta. Prazo de presentación

En cumprimento da base 5 do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019, establécese que o prazo de presentación das solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 31 de outubro de 2021.

Quinta. Designación do xurado

De conformidade co disposto na base 9 do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019 e en cumprimento do acordo do Pleno do Consello de Contas do 18 de marzo de 2021, o xurado estará composto por:

Presidente: José Antonio Redondo López.

Vogais:

Antonio Arias Rodríguez.

María Concepción Campos Acuña.

María Inmaculada Valeije Álvarez.

Secretario: Ulpiano Leandro Villanueva Rodríguez.

Sexta. Prazo para a resolución do xurado

De conformidade co establecido na base 11 do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019, o prazo para a emisión da resolución do xurado finalizará o 30 de novembro de 2021.

Sétimo. Dotación económica

A dotación económica do II Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz é de 4.500 euros, distribuídos da seguinte forma:

Primeiro premio: 3.000 euros.

Segundo premio: 1.500 euros.

Accésits: no caso de seren declarados desertos o primeiro e o segundo premios, poderanse conceder ata tres accésits de 1.000 euros cada un.

Esta contía imputarase á partida orzamentaria 02.01.111C.481.01 do orzamento do Consello de Contas para o exercicio 2021.

Oitava. Modelo de solicitude e impreso de participación

Publícanse o modelo de solicitude e o impreso de participación que figuran como anexos I e II do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019.

Novena. Entrada en vigor

A presente convocatoria entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file