Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 27 de abril de 2021 Páx. 21123

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Academia de Enfermaría de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2021 pola que se publica a Resolución do 27 de xullo de 2020 pola que se anuncia a convocatoria de vacantes de académicos de número e correspondentes.

A Xunta de Goberno da Academia de Enfermaría de Galicia, en uso das facultades que ten atribuídas na disposición transitoria segunda dos seus estatutos (DOG núm. 199, do 17 de outubro de 2013), na súa reunión do 27 de xullo de 2020, acordou anunciar, co fin de cumprir as previsións estatutarias contidas no número 1º da devandita disposición, a preceptiva convocatoria de seis vacantes de académicos de número e doce vacantes de académicos correspondentes, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Requisitos.

1.1. Poderán concorrer á convocatoria todos os profesionais da enfermaría que reúnan os requisitos exixidos no capítulo terceiro do título III dos Estatutos da Academia.

1.2. Académicos de número.

Son requisitos específicos desta clase:

a) Posuír obrigatoriamente, cunha antigüidade de polo menos quince anos, o título de diplomado en Enfermaría, graduado en Enfermaría, máster ou doutor, en todo caso enfermeira/o.

b) Contar co aval de tres dos académicos de número.

Méritos:

A calidade de doutor será mérito preferente.

1.3. Académicos correspondentes.

Requisitos específicos:

a) Posuír o título de diplomado en Enfermaría, graduado en Enfermaría, máster ou doutor, en todo caso enfermeira/o. Para os correspondentes comunitarios europeos ou estranxeiros, as exixencias de titulación adaptaranse ás equivalencias legalmente exixidas.

b) Contar co aval de tres dos académicos de número.

Méritos:

Serán méritos preferentes a calidade de doutor ou de membro dunha sociedade científica da enfermaría.

1.4. Todos os requisitos e méritos enumerados nos puntos anteriores deberán ser posuídos polos candidatos no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse en posesión destes ata a súa investidura como académicos.

2. Solicitudes.

2.1. Os que desexen tomar parte nesta convocatoria deberán solicitalo por medio dunha instancia dirixida ao presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, no prazo de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2.2. Á instancia deberán xuntar:

a) Fotocopia do DNI, NIF ou pasaporte.

b) Documentación acreditativa das titulacións que posúa.

c) Aval de tres académicos de número.

d) Méritos que desexen alegar.

2.3. A presentación de solicitudes farase na sede da Academia, avenida da Coruña nº 104, entreplanta B, 27003 Lugo, ben presencialmente, por carta certificada, ou ben por calquera outro medio admitido en dereito que permita ter constancia fiel da súa recepción.

2.4. Os erros de feito que poidan advertirse poderán emendarse, en calquera momento, de oficio ou por petición da persoa interesada ata nos 10 días hábiles posteriores á finalización do prazo de presentación de candidaturas.

Admisión de persoas aspirantes.

3.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, o presidente da Academia de Enfermaría de Galicia ditará, no prazo máximo de seis meses, resolución que se publicará no DOG e na cal se declarará aprobada a lista provisional de persoas admitidas e, se for o caso, excluídas, con mención expresa neste caso do motivo que produce a exclusión.

3.2. A resolución a que se refire a base anterior establecerá un prazo de dez días hábiles para a emenda de erros ou para a formulación, se é o caso, de reclamacións contra a lista provisional, que deberán ser resoltas pola Xunta de Goberno no prazo de cinco días hábiles desde a conclusión do prazo anterior.

Transcorrido este prazo, a lista de aspirantes admitidos quedará elevada a definitiva e publicarase no DOG.

4. Cualificación.

4.1. A Xunta de Goberno queda constituída en tribunal cualificador das solicitudes.

4.2. A Xunta de Goberno poderá, se o considera necesario, valerse para a súa decisión de asesores especialistas.

4.3. A resolución da Xunta de Goberno será inapelable e publicarase no DOG.

Lugo, 11 de marzo de 2021

Isidoro Rodríguez Pérez
Presidente da Academia de Enfermaría de Galicia