Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Venres, 23 de abril de 2021 Páx. 20552

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2021 pola que se modifica a Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU300A).

O 23 de marzo de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU300A).

Ben que a dita resolución recolle que as actuacións subvencionadas son financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, non se recollen todas as previsións exixidas pola normativa europea, polo que procede a modificación daquela convocatoria para incluír un novo artigo que dea publicidade a estes requirimentos.

O artigo que se incorpora ás bases reguladoras é informativo e aclaratorio do cumprimento de determinadas obrigas que resultan exixibles pola aplicación directa da normativa comunitaria e do seu desenvolvemento, motivo polo que non incide na presentación de documentación e non procede iniciar un novo período de presentación de solicitudes, sen prexuízo de que se amplíe o prazo inicialmente previsto.

Aquelas solicitudes que se presentaron poderán renunciar á solicitude presentada, entendendo que, se non o fan, procede continuar coa tramitación da solicitude xa presentada.

En consecuencia, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU300A)

Un. Modifícase o artigo 8 da Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU300A), que queda redactado da seguinte maneira:

«O prazo de presentación de solicitudes rematará o 7 de maio de 2021».

Dous. Incorpórase un novo artigo 25 á Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU300A), que queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 25. Financiamento no marco do eixe REACT-UE

1. As actuacións que se prevén son susceptibles de ser financiadas ao 100 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19.

Consonte o indicado no punto anterior, é de aplicación a normativa autonómica e estatal reguladora de subvencións e tamén serán de aplicación as seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

c) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020, modificada pola Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro.

2. De acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto.

3. Son condicións e requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria:

a) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a subvención.

b) Que, os beneficiarios coñecen e asumen a obriga de manter no seu patrimonio o investimento subvencionado durante un período mínimo de tres (3) anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, quedando obrigado a comunicar de inmediato o posible incumprimento da dita obriga, de terse producido, e ao reintegro no dito suposto da subvención percibida.

c) Que o solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude, de forma que calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer estes feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-efondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/ snca-olaf.

d) Manter os investimentos en infraestruturas ou produtivos durante un prazo mínimo de 5 anos desde o pagamento final ao beneficiario, de acordo co artigo 71.1 do Regulamento 1303/2013.

e) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

4. Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións:

a) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública.

b) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e verificacións que realicen o organismo intermedio, a autoridade de xestión e a autoridade de control, e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.

f) Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

g) Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

h) Segundo o establecido no artigo 15, ordinal 3º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo VII destas bases, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

i) Facilitar a recolla de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.

j) En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá:

1º. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, recoñecer o apoio dos fondos Feder ao proxecto incluíndo a imaxe institucional da Xunta de Galicia e mostrando o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao Fondo que dá apoio á operación co lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

2º. Durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento, o beneficiario informará o público do apoio obtido dos fondos Feder:

• Facendo unha breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña del, da operación, de maneira proporcional ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión.

• Colocando, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira da Unión nun lugar ben visible para o público.

O Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 específica, nos artigos 3 e 4, a forma en que debe crearse o emblema e as características técnicas del e, no artigo 5, as características técnicas das placas fixas e dos carteis publicitarios temporais e permanentes.

5. Para xustificar a subvención concedida, xunto co anexo II deberá presentarse, ademais da documentación prevista no artigo 22.3 desta resolución de convocatoria, unha certificación expedida pola secretaría ou persoa responsable do control de legalidade da entidade beneficiaria en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga referencia á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención.

6. Establécense os seguintes criterios de gradación por posibles incumprimentos da normativa reguladora dos fondos europeos:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Suporá a perda da subvención de forma proporcional ao período en que se incumpra o requisito non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período exixible.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores ao pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

7. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 na súa condición de organismo intermedio en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión, segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

A aceptación da axuda implica, ademais, a aceptación da inclusión do beneficiario na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda:

http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-Eres/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

8. No exercicio das súas responsabilidades en materia de información, comunicación e visibilidade, de conformidade co artigo 115, números 1 e 3, e co anexo XII, os Estados membros e as autoridades de xestión garantirán que os beneficiarios potenciais, os beneficiarios, os participantes, os destinatarios finais dos instrumentos financeiros e o público en xeral sexan conscientes da existencia e do volume dos recursos REACT-UE e do apoio adicional que estes proporcionan.

Os Estados membros e as autoridades de xestión explicarán claramente que a operación en cuestión se financia como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19 e garantirán a plena transparencia, utilizando, cando sexa adecuado, as redes sociais.

As referencias ao fondo, fondos ou fondos EIE na sección 2.2 do anexo XII completaranse coa referencia «Financiado como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19», cando o apoio financeiro ás operacións se preste con cargo aos recursos REACT-UE.

9. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf».

Disposición adicional única. Solicitudes presentadas

As solicitudes de subvencións presentadas ao abeiro da Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU300A), continuarán sendo tramitados por Augas de Galicia salvo que o solicitante presente unha renuncia expresa á súa tramitación dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2021

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia