Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 13 de abril de 2021 Páx. 19025

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Sanxenxo (expediente IN407A 2020/178-4).

Feitos:

Primeiro. O 27 de outubro de 2020, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada substitución apoio 9PC5DE00 da VLG802 e instalación de TLC.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a substitución do apoio HV-630/11 por un apoio C-3000/14 no circuíto aéreo da liña de media tensión VLG802 e a retirada da derivación que parte do apoio existente que está en desuso. No apoio proxectado instalarase un telecontrol, retensando o van existente e volvendo a tender un van novo. As obras sitúanse no lugar de Aios, na parroquia de Noalla, no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas que non emitiron ningún condicionado ao respecto.

Terceiro. Mediante escrito do 16 de novembro de 2020, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica referida ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora. Ademais, para aqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, o 3 de decembro de 2020 e o 11 de decembro de 2020 publicouse o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG) e taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado (BOE), respectivamente, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución do 16 de novembro de 2020 publicada nos seguintes medios:

DOG: 11 de decembro de 2020.

BOPPO: 1 de decembro de 2020.

Xornal Faro de Vigo: 25 de novembro de 2020.

Taboleiro de anuncios do Concello de Sanxenxo do 3 de decembro de 2020 ao 22 de xaneiro de 2021 conforme certificado expedido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por CYC Piñeiro, S.L. A seguir resúmese o seu contido:

Alega que as parcelas afectadas se encontran dentro do solo SU4, onde se van construír 71 vivendas, que ten formalizada unha solicitude de recuamento do tramo de liña aérea que cruza a urbanización e outra solicitude dunha instalación dun centro de transformación onde cre que poden situar o telecontrol.

Declara que non procede a colocación dun apoio nin dun telecontrol nun tramo de liña en que solicitaron o recuamento por non ser viable a LMTA existente coa construción de vivendas da urbanización.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

Declara que teñen unha solicitude de recuamento aberta relacionada con este proxecto, pero non se encontra ratificada polo cliente. Tamén alega que se o cliente ratifica o recuamento se procederá á solicitude de desistencia da tramitación deste expediente administrativo.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente emitiron informe favorable sobre a solicitude de autorización e declaración de utilidade pública.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas máis salientables do proxecto substitución apoio 9PC5DE00 da VLG802 e instalación de TLC, para a que UFD Distribución Electricidad, S.A. solicita a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, son:

LMT aérea a 20 kV, con condutor LA-110, de 25 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente 9PCCTSIL//32 da LMT VLG802 e final no apoio proxectado C-3000/14, que substitúe o 9PC5DE00 da VLG802, e no cal se instala un telecontrol. Retensado do van contiguo proxectado.

A instalación está en Aios, Noalla, concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor exponse o seguinte:

En relación coa solicitude de recuamento cabe remitir á contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A. en que destaca que se o cliente ratifica o recuamento se procederá á desistencia da tramitación deste expediente administrativo. Ademais CYC Piñeiro, S.L. non xustifica o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regula as actividades de transporte, distribución, comercialización e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Conforme con todo o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada substitución apoio 9PC5DE00 da VLG802 e instalación de TLC (expediente IN407A 2020/178-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 16 de marzo de 2021

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra