Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 12 de abril de 2021 Páx. 18782

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2019/227-4).

Feitos.

Primeiro. O 16 de decembro de 2019, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS SDM711 CT RBT Sello.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que a instalación consiste no recuamento da rede aérea de media tensión que alimenta o centro de transformación aéreo Sello (36A562) que será substituído por un novo centro de transformación prefabricado manobra exterior e de potencia nominal 400 kVA/15 kV. As obras sitúanse no lugar do Sello, na parroquia de Cabral, no concello de Vigo (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

Terceiro. Mediante escrito do 2 de xuño de 2020, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica referida ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución do 2 de xuño de 2020 publicada nos seguintes medios:

DOG: 22 de xuño de 2020.

BOPPO: 17 de xuño de 2020.

Xornal Faro de Vigo: 17 de xuño de 2020.

Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo durante o prazo regulamentario conforme certificado expedido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por Pilar Álvarez Álvarez. A seguir resúmese o seu contido:

Oposición total á expropiación pola carencia de utilidade pública que xustifique a ocupación urxente pola empresa promotora.

Grave menoscabo á súa propiedade, pois a tornaría inedificable conforme os parámetros fixados no PXOM en vigor. Ademais, alega a posibilidade de opcións alternativas e menos gravosas.

Declara que o proxecto non cumpre o PXOM actualmente en vigor en Vigo.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

En relación coa carencia de utilidade pública alegada pola afectada, UFD remite ao artigo 54 da Lei 24/2013, do 6 de novembro, pola que se regula o sector eléctrico, e ao artigo 140.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

No tocante a que a expropiación causaría unha serie de prexuízos, UFD manifesta que será no expediente de expropiación onde poderá presentar a correspondente folla de aprecio coas alegacións e probas pertinentes para a valoracións dos bens da súa propiedade afectados pola declaración de utilidade pública.

En relación coas opcións alternativas, UFD afirma que tiveron en conta varias opcións e que recolleron no proxecto presentado a máis tecnicamente viable. Así mesmo, invocan o disposto no artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro.

En relación co cumprimento da normativa urbanística vixente no termo municipal de Vigo, UFD destaca que o proxecto cumpre con todas as especificacións e previamente a execución das obras obterá a preceptiva licenza municipal de obras.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, emitiron informe favorable sobre a solicitude de autorización e declaración de utilidade pública.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas máis salientables do proxecto LMTS SDM711 CT RBT Sello, para a que UFD Distribución Electricidad, S.A. solicita a autorización administrativa de previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, son:

LMT aérea a 15 kV con condutor tipo LA-30, con orixe no apoio de celosía proxectado (C-1000-14) e final no apoio de celosía proxectado (C-1000-14).

Retensamento de van. LMT subterránea a 15 kV con condutor tipo RHZ de 1.124 metros de lonxitude, con orixe no PAR nº 2 sobre canalización existente e final no CT proxectado Sello.

Centro de transformación, con relación 15.000/400 V a 400 kVA.

As instalacións están situadas no lugar do Sello, na parroquia de Cabral, no concello de Vigo (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor, exponse o seguinte:

Segundo o obxecto do proxecto asinado polo enxeñeiro técnico industrial Pedro Tizón Barro, así como a presentación da solicitude de declaración de utilidade e a achega da relación de bens e dereitos afectados, a empresa UFD Distribución Electricidad cumpre cos requisitos da normativa para solicitar a declaración de utilidade pública.

Por outra parte, no que atinxe ao grave menoscabo da propiedade da afectada, cómpre indicar que o valor das afeccións se poderá pór de manifesto na presentación da folla de aprecio no correspondente expediente expropiatorio de acordo do artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

Sobre opcións alternativas menos gravosas, cabe indicar que non se xustifica por parte de Pilar Álvarez o cumprimento conxunto dos números do artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro.

En relación co incumprimento da normativa urbanística vixente, cabe indicar que esta xefatura territorial non é competente en materia de urbanismo, polo que será o Concello de Vigo, no procedemento de autorización de execución das obras, o que terá que verificar se se cumpre ou non o previsto na materia urbanística, xa que as autorizacións administrativas previa e de construción se outorgan sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS SDM711 CT RBT Sello, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 15 de marzo de 2021

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra