Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 12 de abril de 2021 Páx. 18617

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 31 de marzo de 2021 pola que se modifica a Orde do 30 de novembro de 2020 pola que se establece a compensación económica aos colexios de avogados polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta durante o cuarto trimestre de 2020 e o primeiro, segundo e terceiro trimestres de 2021.

O artigo 24 da nosa Constitución garántelles o dereito fundamental a obteren a tutela efectiva dos xuíces e tribunais a todas as persoas no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos e, así mesmo, á defensa e á asistencia de letrado. Este dereito fundamental compleméntase co disposto no artigo 119 da Carta magna, onde se establece que a xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei e, en todo caso, respecto de quen acredite insuficiencia de recursos para litigar.

Coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, esta materia foi obxecto dunha fonda reforma e, como consecuencia do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, polo que lle foron transferidos pola Administración do Estado a Galicia os medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, entre os cales se atopa o aboamento da compensación económica aos colexios de avogados e de procuradores dos tribunais polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta, a Comunidade Autónoma galega realizou o desenvolvemento normativo da dita Lei 1/1996, nun primeiro momento a través do Decreto 146/1997 e, posteriormente, coa pertinente reforma deste para a súa necesaria adaptación ao contexto actual, mediante o vixente Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño.

Por outra banda, con data do 20 de outubro de 2017 a Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega asinaron un acordo para establecer o baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta destes profesionais, cun ámbito temporal que abarca desde o 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2021. O dito acordo establece que para o período comprendido entre o 1 de outubro de 2019 e o 30 de setembro de 2021, as bases e módulos de compensación se actualizarán conforme o IPC galego do ano anterior, que no ano 2019 foi do 0,7 %.

Así mesmo, a Orde 2 de agosto de 2012 desenvolve a regulación das certificacións e xustificacións trimestrais establecidas no Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

Con data do 11 de decembro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 30 de novembro de 2020 pola que se establece a compensación económica aos colexios de avogados polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta durante o cuarto trimestre de 2020 e o primeiro, segundo e terceiro trimestres de 2021. No entanto, neste módulo non se inclúen as posibles situacións extraordinarias que se poidan suscitar en determinados procesos excepcionais nos cales a actuación do avogado supere notablemente a carga de traballo que se pode considerar ordinaria para cada tipo de procedemento.

Por este motivo, e para estes casos excepcionais, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, co fin de evitar que o avogado designado non poida desenvolver o seu traballo cos mínimos medios técnicos, materiais, humanos ou económicos precisos para prestar a asistencia que ten encomendada e de garantir o adecuado dereito á defensa, procede a articular un sistema complementario para a necesaria asistencia e apoio institucional, así como os oportunos mecanismos de apoio económico con cargo aos seus orzamentos de gastos, para así lograr a maior eficacia posible na asignación de recursos económicos asociados ao dereito de asistencia xurídica gratuíta.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 30 de novembro de 2020

A Orde do 30 de novembro de 2020 pola que se establece a compensación económica aos colexios de avogados polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta durante o cuarto trimestre de 2020 e o primeiro, segundo e terceiro trimestres de 2021 modifícase nos seguintes termos:

Un. Engádese o artigo 5, coa seguinte redacción:

«Artigo 5

Cando un procedemento xudicial teña carácter excepcional e extraordinario, no cal a actuación do avogado supere notablemente a carga de traballo que se pode considerar ordinaria para cada tipo de procedemento, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e o correspondente colexio de avogados poderán formalizar un convenio cuxa finalidade sexa articular os medios técnicos, materiais, humanos ou económicos precisos para facer posible en óptimas condicións a defensa xurídica de quen teña recoñecido o dereito de asistencia xurídica gratuíta, de modo que se garanta a tutela xudicial efectiva de acordo co establecido no artigo 24 da Constitución española».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo