Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 6 de abril de 2021 Páx. 17909

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 16 de marzo de 2021 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Redondela, no ámbito de Leitón-Cidadelle (Pontevedra).

O Concello de Redondela remite a documentación relativa a esta modificación puntual de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e nos artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Unha vez analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Redondela conta cunhas normas subsidiarias de planeamento (NNSS) aprobadas definitivamente o 6.11.1987 (publicación no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 14.4.1988).

I.2. Mediante a Resolución do día 29 de xuño de 2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático decide non someter a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento no ámbito de Leitón-Cidadelle, concello de Redondela, ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG núm. 141, do día 24.7.2018, expte. 2018AAE2188).

I.3. Consta informe técnico municipal do día 7.2.2019, informe xurídico do día 7.2.2019, informe de Secretaría do día 20.2.2019 e informe de Intervención do día 20.2.2019.

I.4. A modificación puntual apróbaa inicialmente o Pleno da corporación municipal o día 28.2.2019, e sométese a información pública durante o prazo de dous meses, mediante publicación no DOG núm. 63, do día 1.4.2019 e no periódico Faro de Vigo do día 6.3.2019. Consta certificado de Secretaría do día 7.6.2019 de que durante este período non foron presentadas alegacións.

I.5. Foron solicitados informes ao Ministerio de Economía e Empresa, á Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (consta informe do día 28.3.2019), á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (consta informe do día 9.11.2018), á Dirección Xeral de Aviación Civil, Ministerio de Fomento (consta informe do día 10.1.2019), á Delegación do Goberno, que remite informes asinados os días 10.5.2019 e 10.9.2019 e xunta informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do día 30.4.2019. Consta tamén informe da Subdirección Xeral do Patrimonio do Ministerio de Defensa do día 3.4.2019.

I.6. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron solicitados informes sectoriais ao Instituto de Estudos do Territorio (consta informe asinado o día 10.7.2019), á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (consta informe do día 22.5.2019), ao Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra (consta informe do día 6.5.2019), á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (consta informe do día 17.4.2019) e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (consta informe do día 27.9.2019). Consta informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do día 17.2.2021.

Non contestaron a solicitude de informe Augas de Galicia, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Mos, Pazos de Borbén, Soutomaior e Vigo, e recibiuse a contestación do Concello de Vigo.

I.7. Consta informe técnico do día 6.4.2020, informe xurídico do día 6.4.2020, informe de Secretaría do día 20.5.2020 e da secretaria-interventora o día 27.8.2020, e informe de Intervención do día 21.5.2020.

I.8. O Pleno da corporación aproba provisionalmente esta modificación puntual en sesión do día 28.5.2020.

I.9. O Concello de Redondela achega o documento aprobado provisionalmente, segundo o establecido no artigo 60.13 da LSG, que foi obxecto de requirimento.

I.10. Consta informe técnico do día 18.11.2020, informe xurídico do 18.11.2020, informe de Secretaría do día 19.11.2020 e informe de Intervención do día 19.11.2020.

I.11. O Pleno da corporación aproba provisionalmente esta modificación puntual en sesión do día 26.11.2020 e achega o documento aprobado provisionalmente, dando resposta aos requirimentos realizados.

II. Obxecto da modificación puntual (MP).

II.1. O obxecto desta MP é adaptar o planeamento vixente:

– De cara a integrar no planeamento a dotación educativa aprobada mediante a Orde do Consello da Xunta de Galicia do día 5.10.2017, na cal se aproba o proxecto público educativo para un novo CEIP en Cidadelle-Chapela (Redondela) como proxecto público de urxencia ou excepcional interese, como consecuencia da execución do proxecto de ampliación de capacidade da AP-9 e o seu anexo de obra singular da ampliación da ponte de Rande de febreiro de 2010, e se ordena ao Concello de Redondela o inicio do procedemento de alteración da ordenación urbanística correspondente.

– Para recoñecer a realidade rural dunha pequena peza.

II.2. Con esta finalidade, propóñense unha serie de cambios que se poden resumir do seguinte xeito:

a) Delimítase o ámbito da modificación sobre a maior parte do solo urbanizable residencial 1-3, unha parte do camiño de subida a Maceira, a conexión viaria coa N-552 de cara a recoñecer a ampliación do trazado da subida a Buraca (situado en solo urbano) e unha pequena parte de solo rústico contiguo polo norte, cunha superficie total de 3,66 ha.

b) Altérase a clasificación do solo urbanizable residencial 1-3 Cidadelle, do camiño de subida a Maceira e do solo rústico contiguo polo norte incluídos na delimitación sinalada no punto anterior, que pasan a ser solo urbano consolidado para a implantación dunha dotación pública.

c) Recoñécese a condición de solo de núcleo rural da parcela edificada situada na zona sur do ámbito delimitado e contigua ao núcleo rural existente.

d) Reclasifícanse como solo rústico as superficies «residuais» do ámbito de solo urbanizable residencial 1-3 Cidadelle que non se inclúen no ámbito desta modificación puntual, en concordancia cos solos rústicos contiguos: solo rústico de protección ordinaria na zona oeste e solo rústico de protección de augas na zona norte e leste.

e) Intégrase no ámbito a reserva de equipamento educativo recollida no proxecto público aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, xunto cunha reserva de equipamento dotacional múltiple e de espazos libres na zona norte.

f. Catalóganse dous elementos con valores etnolóxicos próximos ao ámbito (fichas MO1 e MO2) e un tramo do Camiño de Santiago (ficha CA01).

III. Análise e consideracións.

III.1. As razóns de interese público exixidas no artigo 83.1 da LSG para calquera modificación do PXOM xustifícanse na necesidade de posibilitar o desenvolvemento dun proxecto público educativo para un novo CEIP en Cidadelle, nunha área en que as normas subsidiarias prevén usos residenciais, incrementando o solo dedicado a usos dotacionais, espazos libres e zonas verdes, e recoñecendo a realidade existente, tanto en relación coas afeccións como con elementos patrimoniais e realidade rural.

III.2. En relación co indicado no informe realizado pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o día 11.6.2018, no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, cómpre sinalar que non se axustou o ámbito da modificación puntual a todas as actuacións previstas no documento.

En todo caso, deben emendarse as erratas detectadas no documento tanto na cualificación do ámbito dotacional e residencial como naquelas lendas que identifican os sistemas xerais de espazos libres e equipamentos «propostos» como «privados».

III.3. A modificación puntual é conforme cos criterios, principios e normas establecidos polo POL para o planeamento urbanístico.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desa consellería.

IV. Proposta.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento no ámbito de Leitón-Cidadelle, concello de Redondela (Pontevedra), condicionada á emenda do indicado no punto III.2 .

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda