Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 29 de marzo de 2021 Páx. 16869

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se recoñece o breaking como especialidade deportiva.

I

O break dance ou breaking (B-boying) é unha danza social que forma parte da cultura do Hip Hop xunto co Graffiti o Rap e o Djing. Este elemento nace nas comunidades dos barrios neoiorquinos como o Bronx e Brooklyn na década de 1970.

Pódense definir como elementos do breaking:

O top rock (baile de pé): é a carta de presentación de cada bailarín, no cal se pode ver parte do estilo, musicalidade e orixinalidade. Segundo conta o pioneiro «Spy» en «The freshest kids», un paso fundamental no primeiro top rock era o chamado indian step, unha adaptación dun baile ritual dos indios americanos que incluía saltos curtos con caídas nun xeonllo, erguerse e xiros leves mentres se movían os brazos.

O footwork (traballo de pés e mans no chan): este é o piar máis complexo desta danza, que require de moita técnica, postura e creatividade para desagregar e enlazar os pasos fundamentais e poder ser máis orixinal; esta rama conta con dúas sub-ramas chamadas back bone e floor rocks. Poderíamos dicir que o back bones é levar algúns movementos de foot works ao nivel da parte alta do lombo e os floor rocks (chegados grazas a Spy, viría ser fluír a nivel do chan, xa sexa polo lombo, peito e cadeira. Tamén cabe destacar que existen outros traballos que son complementos para o footwork como o legs-work e o hands-work.

O power moves (movementos de forza ou movementos de dificultade): é importante mencionar que estes movementos requiren de forza abdominal e de brazos, axilidade, flexibilidade e disciplina, o cal supón un adestramento específico. Esta rama conta cunha subrama chamada tricks; un exemplo pode ser o fusionar un freeze (ex. air chair) con power (ex. hand hop) = saltos en air chair.

E o freeze (posturas conxeladas corporais): consiste en quedar «conxelado» ou quieto nunha posición que se pode combinar e enlazar con outras ramas de baile ou pasar a outro freeze en calquera momento da entrada, se así se quere. Pódense executar en calquera momento pero o máis importante é saber cando executalos, a musicalidade á hora de marcar un beat. A variedade de freezes e a dificultade que poidamos agregar ao movemento son fundamentais.

Desde hai dous de anos, a especialidade breaking é atendida pola Federación Española de Baile Deportivo. En 2019 celebrouse o primeiro campionato de España oficial de breaking organizado pola Federación Española de Baile Deportivo. As competicións nacionais oficiais de breaking da Federación Española de Baile Deportivo réxense polo Manual de competicións de breaking da Federación Española. Este manual é complementario ao Código de competición e será de obrigado cumprimento en calquera campionato que se realice en territorio español e que, sendo autorizado pola Federación Española de Baile Deportivo, sexa puntuable para o ranking nacional, campionato de España e campionatos autonómicos.

Actualmente as competicións que a Federación Española de Baile Deportivo quere organizar para este ano 2021 son, por unha parte, os campionatos de España, e por outra, un circuíto nacional con varias probas que servirá para establecer un ránking nacional que, pola súa vez, serviría para confeccionar os distintos equipos nacionais, ben sexa para a súa participación en campionatos de Europa, do Mundo ou xogos olímpicos.

En Galicia estímase que actualmente existen uns 150 practicantes de breaking. O lugar de práctica acostuma ser asociacións culturais ou clubs de baile privados e estímase en 10 o número de locais en que se practica o breaking. Neste senso, desde hai máis de dez anos vense celebrando un «campionato galego» organizado polo colectivo cultural Vella Escola.

O breaking xa estivo presente nos Xogos Olímpicos da Xuventude de Verán de Bos Aires en 2018 xunto a outras 33 especialidades deportivas. En decembro de 2019, o Comité Olímpico Internacional confirmou que o breaking volvería estar presente nos Xogos Olímpicos da Xuventude de Verán de Dakar (Senegal), inicialmente programados para 2022 pero que se pospoñen para 2026 debido á situación de pandemia mundial.

O 7 de decembro de 2020 o COI confirmou o breaking como deporte olímpico para os Xogos Olímpicos de París 2024. Participarán nestes xogos 16 homes e 16 mulleres, que competirán en eliminatorias 1 vs 1.

II

A Lei 3/2012, do 2 de abril, de deporte de Galicia, establece que corresponde á Administración autonómica recoñecer as modalidades e as especialidades deportivas (artigos 5.1.letra k) e 17.1), entendendo por especialidade deportiva aquela práctica deportiva que, malia non reunir os requisitos para ser considerada modalidade deportiva, ten singularidade na súa práctica, aínda que vinculada ou organizada dentro dunha modalidade deportiva tanto por razóns históricas da súa práctica como pola existencia dun elemento de práctica común a todas elas. Neste suposto a modalidade deportiva en que se inclúe a especialidade do break dance é o baile deportivo.

III

Segundo se establece no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte é «o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de deportes, sen prexuízo das demais competencias que teña legal ou regulamentariamente atribuídas» (artigo 5.1).

IV

De acordo co referido, e visto o cumprimento pola práctica do breaking das condicións, criterios e parámetros técnico-deportivos necesarios para que a citada actividade poida ser recoñecida como especialidade deportiva, e consonte as atribucións conferidas pola Lei 3/2012, do 2 de abril, de deporte de Galicia, nos seus artigos 5 e 17,

RESOLVO:

Primeiro. Recoñecer como especialidade deportiva en Galicia o breaking e autorizar a inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia das entidades deportivas que a practiquen.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento de todos os interesados.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a Secretaría Xeral para o Deporte, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2021

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte