Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 25 de marzo de 2021 Páx. 16457

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se acorda a incoación do procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Amancia González Hortas.

Amancia González Hortas, con DNI 33659847Z, nada en Castro de Rei (Lugo) o 21 de xaneiro de 1931, faleceu o 10 de agosto de 2015 na Residencia Asistida de Persoas Maiores San Xoán de Castro de Rei, con derradeiro domicilio, segundo o padrón municipal de habitantes, no lugar do Curro de Riba, parroquia de Azúmara, municipio de Castro de Rei, datos que figuran comprobados, xunto co da súa veciñanza civil galega, no informe preliminar do 22 de febreiro de 2021, do Servizo de Protección e Defensa Patrimonial da Subdirección Xeral do Patrimonio, emitido logo da realización das actuacións previas precisas que levan a considerar procedente a apertura de procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato da causante, pola presunta ausencia doutros herdeiros con dereito a suceder preferente ao da Administración autonómica, de conformidade co disposto na Lei 2/2006 de dereito civil de Galicia.

Segundo o anterior, en exercicio das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio nos artigos 4 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 4 e 7 do Decreto 11/2021, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, e de acordo co artigo 20 bis da Lei 33/2003, de patrimonio das administracións públicas,

ACORDO:

1º. Incoar procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Amancia González Hortas.

2º. Publicar a presente resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, área temática de Patrimonio. Este anuncio pódese consultar na seguinte ligazón: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios.

Unha copia desta resolución será remitida para a súa exposición pública, por prazo non inferior a un mes, no taboleiro de anuncios do Concello de Castro de Rei, así como no de calquera outro en que durante a instrución do procedemento se detecten bens da persoa causante.

O prazo máximo ordinario para a resolución deste procedemento é dun ano contado desde a data de adopción deste acordo.

Con anterioridade á resolución do procedemento, calquera interesado poderá presentar alegacións ou achegar documentos ou outros elementos de xuízo que considere oportunos, que se dirixirán á Consellería de Facenda e Administración Pública, Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, Subdirección Xeral do Patrimonio, código expediente ABI/2016/0002, Edificio Administrativo San Caetano, bloque nº 3, 15781 Santiago de Compostela.

Contra esta resolución non se poderá interpoñer recurso, conforme o establecido no artigo 112 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as alegacións de oposición a este acto de trámite sexan consideradas na resolución que poña fin a este procedemento, contra a que se poderá presentar en tempo e forma o correspondente recurso.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2021

Mª Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública