Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 17 de marzo de 2021 Páx. 15171

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Becerreá para a delimitación do núcleo rural da Venda de Cruzul.

O 29 de decembro de 2020 tivo entrada no Servizo de Urbanismo a documentación de referencia, remitida polo Concello de Becerreá, para os efectos da súa aprobación definitiva.

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), establece no artigo 83.6 que as modificacións dos instrumentos de planeamento urbanístico que teñan por obxecto a delimitación de solo de núcleo rural se tramitarán segundo o procedemento establecido no artigo 78.

Analizado o expediente e o proxecto de modificación datado en decembro de 2020, asinado pola enxeñeira Belinda Yepes Jiménez, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Becerreá conta cunhas normas subsidiarias de planeamento (NSP), aprobadas definitivamente con data do 28 de abril de 1995 pola Comisión Provincial de Urbanismo.

I.2. Tramitación do expediente. De acordo coa documentación remitida polo Concello, cómpre mencionar as seguintes actuacións máis salientables:

• Proxecto para a tramitación ambiental datado en maio de 2017.

• Informe ambiental estratéxico do 27.5.2017.

• Aprobación inicial polo Pleno do Concello do 30.10.2017.

• Anuncios de exposición pública e notificacións a propietarios realizados en xaneiro de 2018, publicación no DOG, nos diarios El Progreso e La Voz de Galicia o 5.1.2018.

• Informes sectoriais emitidos por: Subdelegación do Goberno (9.3.2018), Telecomunicacións (5.3.2018 (desf.) e 4.3.2020), CHC (10.4.2018 (desf.) e 23.5.2019 (condicionado) e 28.4.2020), AXI (14.3.2018), DXPC (9.4.2018), IET (16.4.2018), DXCACC sobre solos contaminados (3.5.2018) e Ministerio de Fomento (29.1.2018, 7.1.2019 (desf.), 23.5.2019 e 11.10.2019).

• Proxecto para a primeira aprobación provisional datado en outubro de 2019.

• Informe técnico municipal previo á AP do 29.10.2019.

• Informe xurídico da secretaria do Concello previo á AP do 30.10.2019.

• Certificación do acordo de aprobación provisional adoptado o 13.11.2019.

• Certificación do acordo da segunda aprobación provisional adoptado o 28.5.2020.

• Certificación do acordo da terceira aprobación provisional adoptado o 31.8.2020.

• Certificación do acordo da cuarta aprobación provisional adoptado o 17.12.2020.

II. Aspectos xerais. Contido.

Proponse a delimitación do asentamento poboacional da Venda de Cruzul, cunha superficie bruta duns 15.967 m2, na cal se diferencian dúas áreas de núcleo rural tradicional (NRT) e outras dúas de núcleo rural común (NRC), cunha superficie bruta global de 6.612 m2 e 8.355 m2, respectivamente.

O proxecto delimita o núcleo, define o trazado da rede viaria existente, regula as condicións urbanísticas aplicables no núcleo e cataloga construcións de carácter tradicional, incorporando medidas de protección. Non identifica dotacións existentes nin previstas.

A delimitación está afectada pola estrada N-VI e principalmente polo seu ramal de enlace coa saída 451 da autovía A-6, ambas as dúas de titularidade estatal.

III. Análise e observacións.

III.1. O asentamento delimitado conta co topónimo oficial da Venda de Cruzul, recoñecido no Nomenclátor oficial de entidades da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000).

III.2. A delimitación dun núcleo rural non delimitado no planeamento en vigor xustifica o interese público da modificación.

III.3. En canto ao requirimento desta DXOTU do 4.12.2020, púidose comprobar que foron emendadas as obxeccións formuladas. En todo caso, observáronse certos erros materiais:

– As superficies reflectidas na ficha do núcleo e no número 4.2.1.4 non coinciden coas reflectidas no cadro do número 4.3.2 da memoria. De igual modo, o número de parcelas edificadas e edificables non son correctas.

– Deberanse eliminar as referencias a NRC-02 e NRT-03 que xa non pertencen á delimitación proposta.

– No número 4.4 da memoria xustificativa faise referencia, errónea, ao núcleo de Escornabois.

– Nos artigos 2, 3, 4, 5, 6 e no número 5.1 do estudo económico faise referencia, errónea, a un plan xeral de ordenación municipal.

– No artigo 2 da ordenanza reguladora do NHT semella que falta a letra e) Tipoloxías edificatorias, punto que si se recolle no artigo 3 da ordenanza reguladora do NC.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral que teña por obxecto delimitacións de solo de núcleo rural correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Becerreá para a delimitación do núcleo rural da Venda de Cruzul, con suxeición ao cumprimento do sinalado no punto III.3 desta resolución.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, esta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíqueselle ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2021

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo