Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 16 de marzo de 2021 Páx. 15027

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 4 de marzo de 2021 pola que se convocan, para o ano 2021, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero con financiamento do pacto de Estado contra a violencia de xénero (códigos de procedemento VI482C e VI482D).

BDNS (Identif.): 552871.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index)

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias da concesión inicial deste programa as seguintes unidades de convivencia:

a) As das mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantivese sobre ela unha relación de dominación.

Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa, con resultado de morte.

b) As das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.

2. Para os efectos deste programa, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan e gozan dunha mesma vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

3. Poderán ser beneficiarias da prórroga da axuda prevista no artigo 8 das bases reguladoras aquelas persoas que, resultando beneficiarias desta axuda e non tendo perdido o dereito mediante a oportuna resolución, finalicen o seu período de desfrute durante o ano 2021 e cumpran os requisitos previstos no ordinal 5º.3 desta resolución. O cómputo dos ingresos e a comprobación dos datos necesarios para a concesión da prórroga realizarase conforme ao establecido nesta resolución. A duración máxima da axuda, incluídas as prórrogas, non poderá exceder dos tres anos nin, en todo caso, do 31 de decembro de 2022, data de fin da vixencia do pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2021, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, así como a prórroga destas axudas para todas as persoas que resultasen beneficiarias deste programa nos anos 2019, 2020 e 2021, con financiamento do pacto de Estado contra a violencia de xénero (códigos de procedemento VI482C e VI482D, respectivamente).

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas na Orde do 11 de abril de 2019 publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 78, do 24 de abril de 2019.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia coa seguinte distribución plurianual:

Anualidade

Aplicación orzamentaria

Importe

2021

08.81.451B.480.3

863.000 €

2022

08.81.451B.480.3

1.300.000 €

Total

2.163.000 €

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará o día 10 de decembro de 2021 e, en todo caso, co esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

2. A prórroga da axuda poderase solicitar dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo