Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 15 de marzo de 2021 Páx. 14881

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Narón (expediente-e IN407A 2019/108-1).

Expediente-e: IN407A 2019/108-1.

Promotor: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Instalación: LMT, CT e RBT Vilar-San Mateo e anexo 1.

Concello: Narón.

Feitos:

1. O 24 de maio do 2019, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública das instalacións do proxecto de execución nomeado LMT, CT e RBT Vilar-San Mateo co fin de atender ao aumento de potencia requirida e situar o transformador no centro de cargas. Con data do 6 de outubro de 2020, a dita empresa solicita a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública das modificacións contidas no anexo 1 do proxecto para a LMT, CT e RBT Vilar-San Mateo na traza proxectada alicerzándose na proposta feita polas persoas titulares das parcelas afectadas pola traza inicial.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Acordo de información pública: 29 de outubro de 2020.

– DOG: 19 de novembro de 2020.

– BOP: 3 de novembro de 2020.

– Xornal La Voz de Galicia: 4 de novembro de 2020.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo o certificado municipal do secretario xeral do Concello de Narón do 4 de xaneiro de 2021.

3. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública, José Pérez López, María José Vázquez Lorenzo e Josefa Fernández Santiago achegaron unhas alegacións. A estas alegacións déuselles traslado á empresa promotora, que respondeu en defensa dos seus intereses.

4. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, Servizo de Infraestruturas Agrarias-Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña; Augas de Galicia-Consellería de Infraestruturas e Mobilidade; AESA-Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana e o Concello de Narón. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos polos organismos afectados de Augas, AESA e o concello. A Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural manifestou que o proxecto non afecta ningún ben da súa consellería.

5. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron un informe favorable sobre a solicitude de autorización.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e o artigo 39.a) do Decreto 230/2021, do 11 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

2. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas:

– Liña eléctrica de media tensión aérea a 15 kV cunha lonxitude de 531 m, con orixe no apoio número 43-A10 existente da LMT SMR711 (expediente: 27.047), no treito da derivada ao CT Confurco (expediente 47/03), condutor tipo LA-56 mm² Al e remate no CT Vilar (proxectado).

– Centro de transformación intemperie Vilar, cunha potencia de 100 kVA e unha relación de transformación de 15.000/400 V.

4. Na visita de campo realizada para examinar o lugar da instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume sinaladas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

5. Respecto das alegacións formuladas por José Pérez López (predios números 19, 20, 24 e 28) e María José Vázquez Lorenzo (predio número 23) propuxeron unha traza alternativa ao do proxecto. Na súa resposta, UFD Distribución Electricidad, S.A. aceptou a dita proposta que se describe no anexo 1. Na RBDA asociada ao anexo 1 non están as persoas alegantes.

Respecto das alegacións formuladas por Josefa Fernández Santiago (predios números 10 e 27) verbo do predio 10 alega:

• Que a afección lineal sobre o predio é maior do sinalado.

• Que a afección sobre o seu predio é maior do sinalado por mor das limitacións que impón a Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

• Propón unha traza alternativa para afectar o menos posible os intereses da afectada.

• Alega unhas indemnizacións as que entende que tería dereito polos danos que sufriría no caso de se construír a liña.

A resposta de UFD Distribución Electricidad, S.A. resumiríase do seguinte xeito:

• Ratifícanse na afección ao predio que aparece na RBDA e manifesta que cando se proceda ao levantamento de actas previas á ocupación, se poderá verificar a afección real ao predio e se deixará constancia das árbores que se vexan afectadas.

• A empresa promotora invoca o artigo 13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, para xustificar a súa posición sobre as afeccións declaradas.

• No anexo ao proxecto contémplase a colocación dun apoio na situación solicitada pola alegante.

• Será o Xurado de Expropiación de Galicia o encargado de valorar os prexuízos ocasionados á persoa que reclama ao abeiro da lexislación aplicable, a fin de que non se produza unha perda no patrimonio da súa propietaria.

6. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

a) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación de distribución eléctrica.

b) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

c) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescripcións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

d) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que considere pertinente.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 19 de febreiro de 2021

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña