Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 15 de marzo de 2021 Páx. 14825

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 1 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Talento sénior), e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento IN858A) (axudas para as empresas).

BDNS (Identif.): 552776.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.

Segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do Programa Talento Sénior da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación públicos ou privados non universitarios situados en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo de 3 anos de persoal de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia.

Este programa ten entre os seus obxectivos a atracción e o retorno de investigadores doutores ou profesionais de alta cualificación con máis de 5 anos de experiencia profesional para desenvolver a súa carreira profesional en empresas e centros de investigación, así como estimular a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación para acometer proxectos de I+D+i.

Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as ditas axudas para o ano 2021 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN858A).

As axudas concedidas ás empresas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude de que o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 960.000 €, coa seguinte distribución anual:

Beneficiarios

Aplicación

Código do proxecto

2021

2022

2023

Total

Empresas

06.A2.561A.470.0

2016 .4

200.000 €

96.000 €

96.000 €

392.000 €

Organismos de investigación

06.A2.561A.480.0

2016 .4

280.000 €

144.000 €

144.000 €

568.000 €

Total

480.000 €

240.000 €

240.000 €

960.000 €

O crédito destinado para as axudas ás empresas é dun total de 392.000 €.

A contía da axuda en concepto de incentivo á contratación variará en función da retribución bruta do persoal de alta cualificación por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a 3 anos, coas seguintes características para as empresas:

– Salario mínimo bruto entre 40.000 e menos de 50.000 €: intensidade da axuda: 40 %.

– Salario mínimo bruto desde 50.000 e menos de 60.000 €: intensidade da axuda: 45 %.

– Salario mínimo bruto desde 60.000 e menos de 70.000 €: intensidade da axuda: 50 %.

– Salario mínimo bruto superior a 70.000 €: intensidade da axuda: 55 %.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2021

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación