Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 10 de marzo de 2021 Páx. 14109

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 4 de marzo de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción: acondicionamento de aparcadoiro de servizo á estrada AC-862 (Narón), de clave AC/20/131.10.

Antecedentes:

Pola Resolución do director da Axencia Galega de Infraestruturas do 3 de marzo de 2021 aprobouse provisionalmente, para os efectos do trámite de información pública, o contido do documento do proxecto de construción: acondicionamento de aparcadoiro de servizo á estrada AC-862 (Narón), de clave AC/20/131.10.

O presente proxecto ten por obxecto definir un aparcadoiro con carácter de elemento funcional vinculado á estrada AC-862 e á vía de acceso ao novo centro de saúde en Narón, mellorando a seguridade viaria na estrada de Castela e reducindo o risco de accidentes, así como solucionar o problema do estacionamento derivado da construción do centro de saúde.

Considerando todo o exposto e o establecido na normativa vixente,

RESOLVO:

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 21.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e no artigo 50 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, o mencionado documento sométese ao trámite de información pública durante un período de trinta (30) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial Galicia, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular por escrito, ante a Axencia Galega de Infraestruturas, as observacións que crean convenientes relativas á concepción global do trazado deseñado.

Segundo. Do mesmo xeito, sométese o presente proxecto a información pública para os efectos do establecido no Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, en relación coa protección do dominio público hidráulico e coas actuacións neste ou na súa zona de policía.

Terceiro. A exposición ao público, para os efectos da presente resolución, realízase na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), no Servizo de Infraestruturas da Coruña (rúa Vicente Ferrer, 2, 15008 A Coruña) e na Casa do Concello de Narón (praza de Galicia, s/n, 15570 Narón. A Coruña).

Así mesmo, na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade
(https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/organizacion/c/CIV_Axencia_Galega_de_Infraestruturas), atópase á disposición dos interesados o proxecto de construción.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas