Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 9 de marzo de 2021 Páx. 13815

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade do acordo entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSIF e FETE-UGT polo que se engade unha nova disposición transitoria ao texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias (publicado pola Resolución do 28 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Diario Oficial de Galicia número 131, do 11 de xullo).

O 26 de febreiro de 2021, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSIF e FETE-UGT acordaron engadir unha disposición transitoria terceira ao Acordo do 20 de xuño de 1995 sobre o acceso á función pública docente en calidade de profesor interino e substituto (texto refundido polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparte ensinanzas distintas das universitarias, publicado pola Resolución do 28 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Diario Oficial de Galicia núm. 131, do 11 de xullo).

Con base no disposto no artigo 38 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, procede ordenar a publicación da citada modificación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo o dito,

ACORDO:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSIF e FETE-UGT polo que se engade unha disposición transitoria segunda ao texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO

Engádese unha disposición transitoria terceira ao Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparte ensinanzas distintas das universitarias.

No próximo mes de xuño do ano 2021 prevese o comezo do desenvolvemento dos procedementos selectivos de ingreso e acceso a distintos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, convocados pola Orde do 24 de febreiro de 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 50, do 13 de marzo.

A situación epidemiolóxica actual motivada pola COVID-19 desaconsella a aplicación de medidas con repercusións negativas nos intereses daquelas persoas que, por diversas circunstancias, decidan non presentarse a estes procedementos selectivos.

Por esta razón, engádese unha disposición transitoria terceira ao Acordo do 20 de xuño de 1995, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria terceira

O persoal docente interino e substituto que presta servizos en calquera especialidade na Comunidade Autónoma de Galicia non estará obrigado a participar nos procedementos selectivos para ingreso nalgún corpo da función pública docente que se realicen no ano 2021.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021».