Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 8 de marzo de 2021 Páx. 13676

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 23 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e outras entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT300A).

BDNS (Identif.): 551303.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán solicitar as axudas as asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, e outras entidades que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, legalmente constituídas, e que teñan como obxecto principal o desenvolvemento de accións relacionadas co Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable das entidades solicitantes.

3. Non se permitirá a presentación de solicitudes conxuntas por varias entidades.

4. Cada entidade poderá presentar un máximo de dúas solicitudes, unha solicitude por cada unha das liñas establecidas no artigo 1.

Segundo. Obxecto e réxime

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto fomentar a estabilidade e consolidación das asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e aqueloutras entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, como entidades imprescindibles no fomento da peregrinación xacobea, na acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago e na promoción da cultura xacobea (código de procedemento CT300A), con dúas liñas de actuación:

Liña 1: Proxectos relacionados coa acollida aos peregrinos que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia: nesta liña subvencionaranse accións de dotación de servizos, accesibilidade, novas tecnoloxías e sustentabilidade ambiental, formación e programas de hospitaleiros voluntarios e accións de mellora de albergues.

Liña 2: Proxectos relacionados co estudo e a documentación do fito xacobeo, coa difusión da cultura xacobea e publicacións relativas á difusión da cultura xacobea.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 23 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e outras entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT300A).

Cuarto. Importe

Estas subvencións imputaranse á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.781.0, proxecto 2015 00005, cun crédito de 150.000 €, 50.000 € para a liña 1 e 100.000 € para a liña 2, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

O prazo de xustificación das presentes axudas remata o 31 de outubro de 2021.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2021

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia