Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 2021 Páx. 10668

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 9 de febreiro de 2021 pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia/Patata de Galicia e do seu consello regulador.

O regulamento vixente da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu consello regulador aprobouse mediante a Orde da Consellería do Medio Rural do 26 de xullo de 2010 (DOG núm. 144, do 29 de xullo) e modificouse posteriormente mediante a orde desa mesma consellería do 13 de febreiro de 2017 (DOG núm. 37, do 22 de febreiro).

Esta indicación xeográfica inscribírase anteriormente no Rexistro Europeo de Denominacións de Orixe Protexidas e Indicacións Xeográficas protexidas mediante o Regulamento (CE) nº 148/2007 da Comisión, do 15 de febreiro.

Por outra parte, por petición do citado consello regulador, a Consellería do Medio Rural tramitou ante a Comisión Europea en 2016 unha modificación do prego de condicións que servira de base para a inscrición no rexistro europeo desta indicación xeográfica. A devandita solicitude de modificación aprobouse definitivamente mediante a publicación do Regulamento de execución (UE) nº 2020/645 da Comisión, do 7 de maio (DOUE núm. L 151, do 14 de maio).

Son varias as modificacións que se introduciron nese prego de condicións, pero as máis relevantes son dúas. A primeira sería a inclusión de dúas novas variedades de patacas, a agre e a fina de Carballo, que se veñen sumar á Kennebec, que era ata agora a única variedade admitida. A segunda modificación importante foi a extensión a todo o territorio galego da área xeográfica delimitada, fronte á situación anterior, na que a produción se limitaba a catro zonas, en concreto as de Bergantiños, Terra Chá-A Mariña, Lemos e A Limia.

Estes cambios no prego de condicións e algún outro de menor importancia afectan o contido do regulamento desta indicación xeográfica e do seu consello regulador, polo que se fai necesaria a súa modificación. Dado que as modificacións afectan directa ou indirectamente un gran número de artigos de tal regulamento, parece oportuno aprobar un novo texto completo que substitúa o anterior.

De acordo co anterior, o pasado día 25 de agosto, o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia culminou o proceso para a reforma do seu regulamento, coa súa aprobación polo Pleno e a posterior remisión á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Segundo o exposto, tras a proposta do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia e de acordo co establecido na Lei 2/2005, de 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu consello regulador

Apróbase o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu consello regulador, que figura como anexo desta orde.

Disposición derrogatoria única. Derrogación da Orde do 26 de xullo de 2010

Queda derrogada a Orde do 26 de xullo de 2010, da Consellería do Medio Rural, pola que se aprobou o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu consello regulador.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia
e do seu consello regulador

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1. Base legal da protección

De acordo co disposto no Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios; na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, quedan amparadas coa indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia as patacas que, ademais de ter as características definidas neste regulamento, cumpran na súa produción, envasado e comercialización todos os requisitos exixidos por este, polo prego de condicións e pola lexislación vixente.

Artigo 2. Extensión da protección

1. A indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia quedará protexida fronte a un uso distinto ao regulado na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; neste regulamento e demais normativa concordante.

2. A protección outorgada esténdese ao nome da indicación, tanto na súa versión en galego (Pataca de Galicia) como en castelán (Patata de Galicia), aplicados á pataca de consumo das variedades Kennebec, agre e fina de Carballo, coas características definidas neste regulamento.

Artigo 3. Órganos competentes

1. A defensa da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así como o fomento e control da calidade das patacas amparadas queda encomendado ao Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, á Xunta de Galicia, á Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ao Goberno de España e á Comisión Europea, no ámbito das súas respectivas competencias.

2. O órgano competente para o control e a certificación das patacas da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia será o seu consello regulador, a través dun órgano integrado na súa estrutura de acordo co disposto na letra b) número 1 do artigo 15 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, segundo o establecido no capítulo IV deste regulamento.

Artigo 4. Manual de calidade

A consellería competente en materia de agricultura aprobará, tras a proposta do Pleno do Consello Regulador, o Manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas (en diante Manual de calidade), documento no cal se recollerán as normas complementarias de aplicación da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, en particular, as relativas ao proceso de control e certificación.

CAPÍTULO II

Características do produto e presentación

Artigo 5. Características do produto

1. O produto amparado pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia son tubérculos da especie Solanum tuberosum L destinados ao consumo humano que cumpren os requisitos exixidos por este regulamento, polo prego de condicións e pola lexislación vixente.

2. As patacas deberán ter o aspecto varietal característico. Serán patacas enteiras e exentas de ablacións ou golpes, sas, limpas e coa pel ben formada, firmes e sen xermolar, exentas de defectos externos, manchas, feridas, deformacións ou coloracións, humidade adecuada e sen sabores ou olores estraños.

3. As características morfolóxicas e a súa cor varían en función da variedade de que se trate, como se resume na seguinte táboa:

Variedade

Kennebec

Agre

Fina de Carballo

Forma

Redonda a oval

Oval alongada

Redondeada

Ollos

Moi superficiais

Moi superficiais

Profundos

Cor da pel

Amarela clara

Amarela

Amarela clara

Cor da carne

Branca

Amarela

Branca

4. Independentemente da variedade de que se trate, as patacas acollidas a esta indicación xeográfica teñen unha pel de aparencia lisa e fina e caracterízanse por una textura firme ao tacto e cremosa ao seren cocidas, consistente en boca. A súa calidade para o consumo é excelente, e destaca polo seu contido en materia seca e por manter as súas calidades de cor, aroma e sabor despois de seren cociñadas.

5. As patacas deberán ter un calibre mínimo de 35 mm. Con todo, admitirase a comercialización de patacas cun calibre comprendido entre 18 mm e o mínimo citado, baixo a denominación de «pataca miúda fóra de calibre», ou outra designación de venda equivalente.

A homoxeneidade do calibre non é obrigatoria naqueles envases de venda dun peso neto superior a 5 quilogramos. Nos envases de venda de peso neto inferior ou igual a 5 quilogramos, a diferenza entre as unidades maior e menor non será superior a 35 mm.

O calibre virá dado pola lonxitude en mm ao lado da retícula dunha malla cadrada, pola que de forma natural e máis axustada poidan pasar os tubérculos.

6. As características analíticas das patacas protexidas son:

– Contido en materia seca: superior ao 18 %.

– Contido en azucres redutores: inferior ao 0,4 %.

7. Para o control do cumprimento das características recollidas neste artigo admitiranse as tolerancias que en cada momento estableza a normativa sobre calidade comercial das patacas de consumo.

CAPÍTULO III

Produción e envasado

Artigo 6. Zona de produción e envasado

A área de produción e envasado do produto amparado pola indicación xeográfica protexida abrangue a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7. Variedades

Unicamente se poderán amparar baixo a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, patacas de consumo das variedades Kennebec, agre e fina de Carballo, procedentes de semente certificada ou reemprego controlado procedente da propia explotación.

Artigo 8. Prácticas culturais

1. A produción dos tubérculos realizarase seguindo as prácticas de cultivo tradicionais, de acordo co establecido no prego de condicións e deberá ser o máis esmerada posible para conseguir unha calidade óptima.

2. Respectaranse as seguintes normas:

a) Non se poderán cultivar patacas de consumo dous anos consecutivos na mesma parcela.

b) Non se permitirá o uso de pataca de semente de reemprego procedente doutras zonas ou doutras explotacións.

c) O Consello Regulador poderá recomendar prácticas de fertilización e tipos de fertilizantes a utilizar, de xeito que se respecte o uso dos fertilizantes orgánicos como fertilización de fondo e que a relación C/N sexa equilibrada. Tamén poderá establecer recomendacións sobre tratamentos fitosanitarios.

d) O labor de aporcado ou práctica cultural substitutoria será obrigatorio.

e) A data límite de aplicación da última rega será dun mes antes da recolleita.

3. As patacas das parcelas nas que non se apliquen as prácticas culturais anteriores ou nas que as plantas non presenten un desenvolvemento vexetativo correcto e acorde coas súas características varietais, non poderán ser amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

4. O Consello Regulador poderá establecer normas complementarias en relación coas prácticas culturais encamiñadas a mellorar a produtividade e a calidade das patacas amparadas. As ditas normas incluiranse no Manual de calidade.

Artigo 9. Recolección

1. A recolección debe efectuarse coa pel da pataca moi ben suberizada (tubérculos maduros), procurando que os apeiros de recolección estean perfectamente regulados.

2. A recolección realizarase co maior esmero, danando o menos posible os tubérculos. Evitarase en todo momento mesturar pataca procedente de parcelas inscritas no rexistro do Consello Regulador con outras que procedan de predios non inscritos, aínda que as variedades colleitadas sexan Kennebec, agre ou fina de Carballo ou o propietario sexa titular de outros predios inscritos.

Artigo 10. Producións máximas

1. As producións máximas admitidas para comercializar baixo o amparo da indicación xeográfica protexida serán de 25.000 kg/ha en secaño e 40.000 kg/ha en regadío para las variedades Kennebec e Fina de Carballo e de 30.000 kg/ha en secaño e 50.000 kg/ha en regadío para a variedade agre.

2. Estes límites poderán ser modificados en determinadas campañas polo Consello Regulador, por iniciativa propia ou por petición en tempo e forma dos produtores interesados, despois das oportunas comprobacións. No caso de que tal modificación se produza, non poderá superar en máis do 25 % os límites establecidos no parágrafo anterior.

Artigo 11. Transporte

O transporte dos tubérculos susceptibles de seren protexidos pola indicación xeográfica, desde o produtor ata o almacenista ou envasador, debe realizarse por separado de outros tubérculos non amparables, en vehículos acondicionados para o efecto e dotados cun sistema de carga e descarga que minimice os danos.

Artigo 12. Almacenaxe

1. A almacenaxe das patacas de consumo amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia deberá efectuarse en instalacións situadas dentro da zona de produción delimitada no artigo 6 deste regulamento e inscritas no correspondente rexistro do Consello Regulador.

2. Antes do almacenamento, o local que acollerá a produción deberá estar totalmente limpo e desinfectado.

3. O local estará debidamente acondicionado, ben ventilado, fresco, sen humidade e en condicións de semiescuridade. A temperatura de almacenamento recoméndase que estea entre 12 e 18 ºC, para favorecer a cicatrización. Durante o período de conservación é recomendable que á temperatura se sitúe ao redor de 6-7 ºC e a humidade relativa sobre o 85-90 %. Durante a clasificación dos tubérculos é recomendable que a temperatura se sitúe ao redor dos 12 ºC, para evitar os danos producidos por golpeo.

4. Para o seu almacenamento, os tubérculos estarán exentos de terra adherida e deberán eliminarse aqueles que presenten anomalías a simple vista, afectados por xeadas ou síntomas de enfermidades, que deberán sacarse fóra do local por ser importantes focos de infección.

5. O Consello Regulador poderá aprobar normas complementarias relacionadas coa almacenaxe, encamiñadas a favorecer a conservación dos tubérculos. Ditas normas incluiranse no Manual de calidade.

6. No mesmo local admitirase a almacenaxe de patacas aptas para seren amparadas pola indicación xeográfica con outras que non reúnan tal condición, sempre que se realice independentemente, en diferentes zonas do almacén, delimitadas e identificadas previamente, co obxectivo de garantir e permitir en todo momento o seu estrito control por parte dos inspectores do Consello Regulador.

Artigo 13. Envasado

1. O envasado e a etiquetaxe de pataca protexida deberán ser realizados exclusivamente en instalacións con condicións axeitadas situadas dentro da área de produción e inscritas no correspondente rexistro do Consello Regulador, perdendo a pataca, no caso contrario, o dereito ao uso da indicación xeográfica.

2. Os modelos de envases serán aprobados polo Pleno do Consello Regulador con carácter previo á súa utilización comercial e non poderán ser utilizados para ningún outro fin.

3. O acondicionamento, manipulación e envasado das patacas de consumo amparadas pola indicación xeográfica deberá realizarse separadamente, de xeito que non poida existir confusión, á hora do seu procesado, con outras patacas non amparadas.

4. Con carácter previo ao envasado é necesario realizar a selección, de xeito que se cumpran as características do produto establecidas no artigo 5.

5. A pataca de consumo amparada pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, deberá comercializarse en envases novos, limpos e de material axeitado para favorecer unha correcta ventilación, conservación e transporte do produto, e cumprir coas normas de etiquetaxe vixentes, así como o establecido neste regulamento e na documentación técnica de certificación do Consello Regulador recollida no Manual de calidade.

6. Os envases autorizados polo Consello Regulador serán os que permitan un contido neto de 15, 10, 5, 4, 3, 2 e 1 kg de tubérculos.

Excepcionalmente, logo dunha solicitude ao respecto, poderase autorizar o uso de envases de 20 e 25 kg para o seu emprego con destino á restauración, hostalaría e outras colectividades que así o demanden.

7. O contido de cada envase debe ser homoxéneo en canto a características e calibre, formando lotes en función da súa procedencia e envasado.

8. As patacas amparadas con destino a produto transformado non necesitarán ir en ningún tipo de envase e poderanse comercializar a granel, identificando en cada momento o lote do que proceden, reflectido na factura, albará ou documento acreditativo que emita a empresa transformadora para poder seguir a rastrexabilidade das patacas.

Capítulo IV

Control e certificación

Sección 1ª. Organización do Consello Regulador para a realización
do control e a certificación

Artigo 14. Órgano de control e certificación e Comité de Certificación

1. Para o ámbito competencial da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia constitúese no seo do seu consello regulador un Órgano de control e certificación, que terá a responsabilidade sobre o control e a certificación das patacas amparadas pola marca de conformidade da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

2. O Órgano de control e certificación do Consello Regulador actuará con autonomía dos seus órganos de goberno, de acordo co establecido no artigo 15.1.b) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

3. O Órgano de control e certificación contará con persoal técnico con funcións inspectoras e de control, que serán habilitados pola consellería competente en materia de agricultura e que actuarán baixo a dirección da persoa que ostente a dirección técnica.

4. O Órgano de control e certificación do Consello Regulador contará co Comité de Certificación, órgano colexiado encargado da toma de decisión en relación coa certificación realizada polo Consello Regulador da indicación xeográfica protexida.

Artigo 15. Actividade dos inspectores do Órgano de control e certificación

1. De acordo co que se establece no artigo 54 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, no exercicio das súas funcións, o persoal do órgano de control e certificación que realice actuacións de inspección e que estea habilitado pola consellería competente en materia de agricultura, terá a consideración de axente da autoridade e poderá solicitar a colaboración de calquera administración pública, das organizacións profesionais e das organizacións de consumidores. Así mesmo, poderá solicitar a axuda que precise das forzas e corpos de seguridade.

2. Cando, no exercicio das súas funcións, o persoal inspector do órgano de control e certificación, debidamente habilitado pola consellería competente en materia de agricultura, detecte irregularidades que poidan ser constitutivas de infracción, os feitos serán postos en coñecemento da devandita consellería para o inicio, se procede, do correspondente procedemento sancionador.

Artigo 16. Funcións e composición do Comité de Certificación

1. Son funcións do Comité de Certificación as seguintes:

a) Emitir informe preceptivo e vinculante sobre as solicitudes de inscrición dos operadores nos rexistros do Consello Regulador e de ampliación ou modificación que afecten ao alcance da certificación concedida, así como sobre a suspensión temporal ou a retirada definitiva da dita certificación.

b) Emitir informe preceptivo e vinculante sobre a certificación ou non de produtos, nos casos en que se presenten non conformidades que os afecten.

c) Colaborar co Pleno na aplicación e desenvolvemento das normas técnicas e procedementos de control, que se integrarán no Manual de calidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida .

2. O Comité de Certificación estará integrado, polo menos, por tres membros e a súa composición será a establecida no Manual de Calidade.

Artigo 17. Funcionamento do Comité de Certificación

1. Os membros do Comité de Certificación estarán obrigados a actuar con total imparcialidade e manterán a confidencialidade sobre as deliberacións e calquera aspecto que afecte aos expedientes examinados.

2. O Comité de Certificación reunirase cunha frecuencia mínima semestral ou con maior frecuencia cando as solicitudes de certificación ou as actividades de control e certificación así o requiran.

3. A convocatoria para a reunión do Comité de Certificación farase por escrito, mediante correo postal, electrónico ou fax, e cunha antelación mínima de 48 horas previas á reunión.

4. Para a válida constitución do Comité de Certificación será necesaria a presenza de todos os seus membros.

5. Os acordos do Comité de Certificación serán adoptados por unanimidade.

6. Os informes emitidos polo Comité de Certificación conterán todos os acordos tomados na sesión, actuando como acta desta, a cal estará asinada por todos os seus membros.

7. No Manual de calidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida poderán recollerse normas complementarias en relación ao funcionamento do Comité de Certificación.

Artigo 18. O Comité Consultivo

1. Para garantir a imparcialidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia no proceso de certificación, este contará co apoio do Comité Consultivo, no cal estarán representadas todas as partes significativamente interesadas no dito proceso, de acordo co establecido na norma UNE-EN-ISO/IEC 17065.

2. De acordo co recollido na alínea anterior, neste comité estarán representados os operadores inscritos, os consumidores e expertos en certificación de produto, sen que haxa predominio dun interese en particular.

3. No Manual de calidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida estableceranse as normas en relación coa constitución e funcionamento do Comité Consultivo.

Artigo 19. Funcións do Comité Consultivo

As funcións do Comité Consultivo son:

a) Colaborar na formulación das políticas relacionadas coa imparcialidade das actividades de certificación.

b) Contrarrestar calquera tendencia por parte dos órganos do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida a permitir que consideracións comerciais ou doutra índole interfiran na prestación sistematicamente obxectiva das actividades de certificación.

c) Aconsellar en aspectos que afecten á confianza na certificación, como a transparencia ou a percepción do público.

d) Estudar as reclamacións presentadas contra as decisións do Comité de Certificación.

Sección 2ª. Control e certificación da produción

Artigo 20. Autocontrol

Os controis de calidade e rastrexabilidade sobre o produto serán responsabilidade, en primeira instancia, dos distintos operadores inscritos nos correspondentes rexistros da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia. Estes operadores deberán contar no seu proceso produtivo con sistemas de traballo que permitan asegurar, en calquera etapa deste, tanto a rastrexabilidade do produto como o cumprimento das especificacións deste regulamento e do Manual de calidade.

Artigo 21. Procedementos para o control da produción

1. No Manual de calidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia recolleranse os procedementos que se empregarán para a realización dun control efectivo sobre todos os procesos de produción, almacenamento e envasado das patacas que pretendan utilizar o aval de certificación da denominación.

2. Todas as persoas físicas ou xurídicas titulares de bens inscritos nos rexistros, as plantacións, as instalacións e os produtos estarán sometidas ao control levado a cabo polo Órgano de control e certificación co obxecto de verificar que os produtos que posúan a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia cumpren os requisitos deste regulamento e demais normativa aplicable.

3. Os controis basearanse en inspeccións das plantacións, almacéns e plantas envasadoras, revisión da documentación e un control do cumprimento das características do produto descritas neste regulamento.

4. O proceso de control e certificación implicará a toma de mostras aleatoria do produto, que se someterá a análises das súas características. O Comité de Certificación, á vista do resultado das análises así como dos demais datos derivados das auditorías, resolverá o que proceda en relación coa certificación.

Artigo 22. Control dos volumes de produción

O Órgano de control e certificación verificará en cada campaña as cantidades de pataca certificadas pola indicación xeográfica protexida que foron expedidas ao mercado por cada firma inscrita no rexistro de almacéns e plantas envasadoras. Confirmará así que é coherente en relación coas cantidades producidas ou adquiridas aos produtores censados no rexistro de plantacións. Tamén comprobará a coherencia entre as cantidades producidas e declaradas por cada agricultor e os rendementos na campaña.

Artigo 23. Declaracións para o control

1. Co obxecto de poder controlar os procesos de produción, colleita, almacenaxe e envasado, así como os volumes de existencias e canto sexa necesario para poder acreditar a orixe e a calidade das patacas certificadas pola indicación xeográfica protexida, as persoas físicas ou xurídicas titulares das plantacións e das instalacións de almacenaxe e envasado estarán obrigadas a cumprir coas seguintes formalidades:

a) Todos os titulares de plantacións susceptibles de producir patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia presentarán ao Órgano de control e certificación unha declaración de sementeira anual. Nela especificarase o seguinte:

– Variedade sementada.

– Cantidade e procedencia de cada variedade de semente.

– Superficie de cada variedade sementada.

– Datos de identificación das parcelas utilizadas con tal fin.

– Calquera outro dato que o Órgano de control e certificación poida considerar necesario para unha axeitada realización da súa función.

b) Todas as persoas físicas ou xurídicas que teñan instalacións inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras levarán un libro de control, segundo o modelo recollido no Manual de calidade, no que figurarán diariamente e durante a campaña os datos seguintes:

– Variedade, cantidade e procedencia das patacas adquiridas.

– Data de envasado, cantidade e procedencia.

– Calquera outro dato que o Órgano de control e certificación poida considerar necesario para unha correcta execución das súas tarefas.

Así mesmo, nos quince primeiros días de cada mes, presentarán ao Órgano de control e certificación unha declaración onde se reflictan todos os datos do mes anterior. Será suficiente cunha copia dos asentos que figuren no mencionado libro.

2. O Órgano de control e certificación poderá solicitar calquera outra declaración complementaria que fose necesaria para un adecuado control da produción.

3. As declaracións especificadas neste artigo non poderán facilitarse nin publicarse máis que de forma xeral, sen referencia ningunha de carácter individual.

Artigo 24. Control na circulación do produto

Toda expedición de patacas con dereito a protección que se realice antes da súa etiquetaxe regulamentaria entre persoas físicas ou xurídicas inscritas nos correspondentes rexistros, aínda que pertenzan á mesma razón social, deberá ir acompañada dun volante de circulación, segundo se estableza no Manual de calidade, ademais da documentación requirida pola lexislación vixente.

O establecido no parágrafo anterior tamén será exixible no caso de expedicións que teñan lugar entre unha firma inscrita e outra que non o estea.

Artigo 25. Control na almacenaxe e envasado

As instalacións de almacenaxe e as industrias de procesamento inscritas someteranse ás normas establecidas no Manual de calidade para efectuar o seu control, cumprindo en todo momento as condicións de almacenaxe e separación do produto, para garantir, en todo caso, a orixe e a calidade dos produtos protexidos pola indicación xeográfica protexida.

Artigo 26. Contraetiqueta

Os envases das patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida levarán unha contraetiqueta codificada que incluirá o logotipo da denominación que figura no anexo deste regulamento. Esta contraetiqueta será controlada, subministrada e expedida polo Consello Regulador, de acordo coas normas establecidas no Manual de calidade. O dito distintivo será colocado, ou estará impreso no envase, en todo caso, antes da expedición e de forma que non permita unha segunda utilización.

Artigo 27. Non conformidades detectadas e o seu tratamento

1. De acordo coa norma UNE-EN-ISO/IEC 17065, sobre criterios xerais que deben cumprir as entidades que realizan a certificación de produto, defínense como non conformidades as desviacións respecto aos requisitos establecidos para o produto ou respecto aos requisitos de certificación establecidos pola entidade que a realiza.

2. As non conformidades serán documentadas pola dirección técnica do Órgano de control e certificación e avaliadas polo Comité de Certificación, que emitirá informe sobre a situación da certificación dos produtos e/ou medios de produción afectados. O dito informe pode determinar a suspensión temporal e mesmo a retirada definitiva da certificación ao operador, o que suporía, tras o acordo do Pleno e a instrución do correspondente expediente, a baixa definitiva do rexistro. Tanto a suspensión como a baixa deberán ser comunicadas pola presidencia do Consello Regulador ao operador afectado de forma razoada. A dirección técnica poderá tomar a decisión da suspensión provisoria ata a toma de decisión definitiva polo Comité de Certificación.

3. As patacas que o Órgano de control e certificación non considere aptas para ser amparadas, ademais de perderen o dereito ao uso da denominación, deberán permanecer inmobilizadas e perfectamente identificadas, baixo a súa supervisión. O Órgano de control e certificación vixiará en todo momento o destino desas patacas que, en ningún caso, poderán ser protexidas coa indicación xeográfica.

4. Cando o Órgano de control e certificación do Consello Regulador detecte unha non conformidade que poida ser constitutiva de infracción, dará conta dos feitos á consellería competente en materia de agricultura para a incoación, se procede, do correspondente expediente sancionador.

5. No Manual de calidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia especificarase o procedemento que se aplicará ás non conformidades detectadas.

Capítulo V

Rexistros

Artigo 28. Rexistros do Consello Regulador

1. O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de plantacións.

b) Rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

2. O Consello Regulador poderá establecer subdivisións dentro dos rexistros citados anteriormente, se así o considera oportuno para un mellor control e xestión dos inscritos.

3. As empresas que ademais de envasar se dediquen á produción de pataca, deberán estar inscritas en ambos rexistros.

4. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribirse naqueles outros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente.

5. O Órgano de control e certificación efectuará inspeccións ou auditorías periódicas para comprobar a efectividade de canto se dispón neste capítulo.

Artigo 29. Solicitude de inscrición nos rexistros

1. As solicitudes de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador, achegando os datos, documentación e comprobantes que en cada caso sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes, utilizando os impresos que dispoña o Consello Regulador.

2. Formulada a petición, as solicitudes transmitiranse ao Órgano de control e certificación para os efectos de comprobar o cumprimento de todos os requisitos necesarios para a inscrición.

3. De ser o caso, tras o informe favorable do Comité de Certificación, o Consello Regulador emitirá un certificado acreditativo da inscrición, indicando a actividade ou actividades para as cales queda inscrito.

4. De acordo co establecido na alínea 5 do artigo 8 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, o Órgano de control e certificación denegará, de forma motivada, a inscrición daqueles solicitantes que non cumprisen os requisitos establecidos, o cal será comunicado ao interesado polo Consello Regulador. Contra esta decisión poderase interpoñer reclamación ante o Comité Consultivo, de acordo co recollido no Manual de calidade.

Artigo 30. Rexistro de plantacións

1. No rexistro de plantacións unicamente poderán inscribirse as parcelas que estean situadas na zona de produción e que, ademais de reunir as condicións establecidas neste regulamento e na documentación técnica de certificación recollida no Manual de calidade do Consello Regulador, poidan destinar toda ou parte da súa colleita de pataca de consumo para ser envasada e comercializada baixo o abeiro da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

2. Na inscrición figurarán:

– Os datos identificativos do titular da explotación.

– A denominación de cada parcela, lugar, termo municipal e referencia catastral.

– A superficie de cada unha das parcelas nas que estea previsto cultivar patacas de consumo das variedades Kennebec, agre ou fina de Carballo susceptibles de seren amparadas baixo a indicación xeográfica protexida.

– Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das parcelas inscritas.

3. O Consello Regulador entregará ao titular da plantación un certificado acreditativo da inscrición, sempre e cando cumpra todos os requisitos establecidos e conte co ditame favorable do Comité de Certificación. No certificado indicarase a actividade para a que queda inscrito.

Artigo 31. Rexistro de almacéns e plantas envasadoras

1. No rexistro de almacéns e plantas envasadoras inscribiranse todas aquelas instalacións de almacenaxe e envasado situadas dentro da zona de produción que así o soliciten e que o Órgano de control e certificación considere que son aptas, de acordo cos requisitos deste regulamento e os establecidos na documentación técnica de certificación recollida no Manual de calidade do Consello Regulador, para almacenar e envasar patacas de consumo que poidan optar a seren amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

2. Na inscrición figurarán:

– A denominación ou razón social da empresa.

– O seu domicilio legal.

– A localidade e concello onde estean situadas as súas instalacións.

– O sistema e a capacidade de almacenaxe.

– O sistema, a maquinaria e a capacidade de envasado.

– Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das instalacións.

Así mesmo, no caso de sociedades exixirase documentación acreditativa de tal condición e o nome do xerente ou responsable.

3. Ademais dos datos que figuran no punto 2 anterior, achegarase a documentación xustificativa da inscrición naqueles rexistros nos que esta fose obrigatoria para o exercicio da actividade.

4. O Consello Regulador entregará ao titular un certificado acreditativo da inscrición, sempre e cando cumpra todos os requisitos establecidos e conte co ditame favorable do Comité de Certificación. No dito certificado indicarase a actividade para a que queda inscrito.

Artigo 32. Vixencia e renovación das inscricións

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será indispensable cumprir en todo momento os requisitos impostos polas normas da denominación e demais normativa de aplicación e deberase comunicar calquera variación que afecte aos datos achegados coa inscrición nun prazo máximo dun mes. O Consello Regulador, logo do informe vinculante do Comité de Certificación e despois da instrución e resolución do correspondente expediente, poderá suspender provisionalmente ou definitivamente as inscricións cando os seus titulares non se ateñan a tales prescricións.

2. As inscricións nos rexistros renovaranse de acordo cos períodos que se establecen no Manual de Calidade e como máximo cada catro anos, tanto no caso do de plantacións como no de almacéns e plantas envasadoras. O Órgano de control e certificación fará as comprobacións oportunas para verificar que se seguen a cumprir os requisitos necesarios.

Artigo 33. Baixa nos rexistros

1. A baixa nos rexistros pode ser voluntaria ou consecuencia da incoación e resolución dun expediente.

Cando a baixa veña motivada pola incoación e resolución dun expediente sancionador, deberá transcorrer un ano para proceder a unha nova inscrición. Esta limitación non será aplicable no caso de cambio de titularidade.

2. Será motivo de baixa a falta de actividade na denominación por un período superior a dous anos, tanto no caso de plantacións como no de plantas envasadoras.

3. Quen se dea de baixa nun rexistro deberá cumprir as obrigas pendentes co Consello Regulador.

CAPÍTULO VI

Dereitos e obrigas dos inscritos

Artigo 34. Dereito ao uso da denominación

1. Só as persoas físicas ou xurídicas con parcelas inscritas no rexistro de plantacións poderán producir pataca de consumo que poida optar a ser envasada e amparada pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

2. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan as instalacións de almacenaxe e envasado inscritas no correspondente rexistro poderán almacenar e envasar pataca de consumo apta para ser amparada por esta indicación xeográfica e expedila ao mercado debidamente identificada para a súa comercialización.

Artigo 35. Obrigas xerais

1. Polo mero feito da inscrición nos rexistros correspondentes, as persoas inscritas quedan obrigadas ao cumprimento do disposto no regulamento da denominación, así como no Manual de calidade do Consello Regulador. Tamén estarán sometidos aos acordos que, dentro das súas competencias, adopten a consellería competente en materia de agricultura e o Consello Regulador.

2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para poderen beneficiarse dos servizos que preste o Consello Regulador, as persoas inscritas deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións.

3. As persoas físicas e quen representen ás persoas xurídicas inscritas nos rexistros de Consello Regulador, están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou outros órganos electorais nas ocasións en que fosen nomeados.

4. Sen prexuízo do establecido no número 4 do artigo 47, o incumprimento do indicado nas alíneas 1 a 3 anteriores poderá comportar a suspensión por un período de ata dous anos nos dereitos do inscrito, trala decisión do Pleno do Consello Regulador, logo da instrución do correspondente expediente. A reiteración na mesma falta poderá ocasionar a baixa definitiva. A resolución de suspensión ou baixa poderá ser recorrida ante a consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 36. Obrigas específicas en relación coa produción e o envasado

1. Só poderá aplicárselle a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia á pataca procedente das instalacións inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras, que fose producida, recolleitada, transportada, almacenada e envasada conforme as normas establecidas neste regulamento, e cumpran as condicións físico-químicas e organolépticas establecidas no artigo 5.

2. O dereito ao uso da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e dos seus símbolos, anagramas ou logotipo, en propaganda, publicidade, documentación, precintas e etiquetas é exclusivo das firmas inscritas nos rexistros de almacéns e plantas envasadoras do Consello Regulador e baixo a aprobación deste. Non obstante, o Consello Regulador poderá autorizar que nos envases de patacas procesadas se indique que están elaboradas con patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia cando a materia prima estea controlada polo Órgano de control e certificación do Consello Regulador e se cumpran as condicións deste regulamento e as que para o efecto se establezan no seu Manual de calidade.

Artigo 37. Marcas, nomes comerciais e razóns sociais

A utilización polos inscritos nos rexistros do Consello Regulador das marcas, nomes comerciais e razóns sociais axustarase ao disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

De acordo co anterior, no caso de que unha mesma marca, nome comercial ou razón social se utilice para a comercialización de patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e outras de similares características que carezan dela, deberán introducirse na etiquetaxe, presentación e publicidade destes produtos elementos suficientes que permitan diferenciar de xeito claro e sinxelo o produto con indicación xeográfica do que non a ten, para evitar, en todo caso, a confusión nas persoas consumidoras.

Artigo 38. Etiquetaxe

1. As etiquetas das patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia axustaranse, con carácter xeral, ao disposto na lexislación vixente en materia de etiquetaxe, así como ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. Nas etiquetas correspondentes ás marcas propias de cada planta envasadora, utilizadas nas patacas amparadas, debe figurar obrigatoriamente e de forma destacada, como mínimo nun terzo da cara principal do envase, o logotipo da denominación e a mención indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, e o identificador europeo das indicacións xeográficas protexidas, ademais dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente.

3. Nos envases destinados a comercialización de pataca amparada pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, deberase indicar de maneira clara e visible cal é a variedade envasada.

4. No caso de envasado por encargo, deberá figurar sempre o nome ou razón social da planta envasadora. Non se admite, para as patacas protexidas por esta indicación xeográfica protexida, a súa substitución polo número de rexistro da planta envasadora.

Artigo 39. Logotipo da denominación

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia adoptará como logotipo da denominación o que figura no anexo deste regulamento.

2. O Consello Regulador poderá facer obrigatorio que no exterior dos locais de almacenaxe e envasado inscritos, nun lugar destacado, figure unha placa onde se reproduza o logotipo da indicación xeográfica protexida, de acordo coas normas que se recollan ao respecto no Manual de calidade.

3. Os establecementos de venda polo miúdo e os da restauración que comercialicen produto da denominación poderán utilizar o seu logotipo para identificar os produtos acollidos á súa protección, facéndoo sempre de xeito que non dea lugar á confusión do consumidor.

CAPÍTULO VII

O Consello Regulador

Artigo 40. Natureza e ámbito competencial

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia é unha corporación de dereito público á cal se atribúe a xestión da denominación, coas funcións que determina a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores e demais normativa que lle sexa de aplicación. Ten personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O ámbito competencial do Consello Regulador está limitado ás patacas protexidas pola denominación en calquera das súas fases de produción, colleita, almacenaxe, selección, envasado, circulación e comercialización e ás persoas inscritas nos diferentes rexistros.

3. O Consello Regulador actuará en réxime de dereito privado e exercerá toda clase de actos de administración e xestión, agás nas actuacións que impliquen o exercicio de potestades ou funcións públicas, nas cales deberá suxeitarse ao dereito administrativo. Para estes efectos, de acordo co artigo 32.5 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, enténdese que están suxeitas a dereito administrativo as actuacións do Consello Regulador en materia de xestión de rexistros, de xestión e réxime de cotas, a aprobación de etiquetas e a autorización de marcas, o réxime electoral e o réxime disciplinario, así como a responsabilidade patrimonial que derive das súas actuacións suxeitas a dereito administrativo.

4. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador exerceraa a consellería competente en materia de agricultura. De acordo con isto, a actividade do Consello Regulador está sometida ao control da Administración, de acordo co establecido nos artigos 18 e 21 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e nos artigos 30 a 33 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

5. Consonte os parágrafos 3 e 4 anteriores, as decisións que adopten os órganos de goberno do Consello Regulador cando exerzan potestades administrativas poderán ser impugnadas ante a persoa titular de consellería competente en materia de agricultura na forma e nos prazos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 41. Órganos de goberno do Consello Regulador

Os órganos de goberno do Consello Regulador son: o Pleno, a Presidencia, a Vicepresidencia Primeira, a Vicepresidencia Segunda e a Comisión Permanente.

Ademais, o Pleno poderá crear comisións para tratar ou resolver asuntos específicos.

Artigo 42. O Pleno: composición e funcións

1. O Pleno está constituído por:

a) Cinco vogais en representación do sector produtor, elixidos democraticamente por e entre os titulares de parcelas de cultivo inscritas no Rexistro de Plantacións.

b) Cinco vogais en representación do sector industrial, elixidos democraticamente por e entre os titulares de instalacións de almacenaxe e envasado inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

2. O Pleno actuará baixo a dirección da persoa que exerza a Presidencia, que tamén formará parte del, e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, da persoa que exerza a secretaría do Consello Regulador.

3. A consellería competente en materia de agricultura poderá designar ata dúas persoas que actuarán como delegadas da Administración e que asistirán ás reunións do Pleno con voz pero sen voto.

4. O réxime de funcionamento e as funcións do Pleno, así como os dereitos e deberes dos seus membros, serán os contidos no capítulo IV do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 43. A Presidencia

1. A Presidencia do Consello Regulador será exercida pola persoa que elixa o Pleno, co voto favorable da maioría dos seus membros.

2. O presidente ou presidenta non ten por que ter a condición previa de vogal. No caso de que así for, deixará a súa vogalía, que será ocupada polo seu substituto legal, de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

3. As funcións da Presidencia, así como as causas de cesamento do seu titular e demais cuestións relativas a este órgano serán as recollidas no citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 44. As vicepresidencias

1. O Consello Regulador terá dúas vicepresidencias, a Vicepresidencia Primeira e a Vicepresidencia Segunda, que serán exercidas polas persoas elixidas por e entre os vogais do sector produtor unha, e por e entre os vogais do sector envasador a outra.

2. As Vicepresidencias serán rotatorias no tempo de mandato. No primeiro pleno que realice o Consello Regulador, logo da súa constitución e nomeamento da Presidencia e Vicepresidencias, acordarase cal das dúas Vicepresidencias é a primeira durante os dous primeiros anos de mandato. De non haber acordo, decidirase por sorteo.

3. As persoas que exerzan as Vicepresidencias substituirán, pola súa orde de prelación, o presidente ou presidenta nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

4. As Vicepresidencias exercerán, ademais, aquelas funcións que lle sexan delegadas pola Presidencia.

Artigo 45. A Comisión Permanente

1. A Comisión Permanente estará formada pola Presidencia, ou calquera das dúas Vicepresidencias e, se así o decide o Pleno, un ou varios dos seus vogais, e o/a secretario/a do Consello Regulador.

2. O Pleno do Consello Regulador establecerá cales son as funcións especificas que se lle encargan. Todas as resolucións que adopte a Comisión Permanente comunicaránselle ao Pleno do Consello Regulador na primeira reunión que este teña.

Artigo 46. O persoal do Consello Regulador

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia contará co persoal necesario, contratado en réxime de dereito laboral, de acordo co establecido no artigo 27 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. Este persoal rexerase, de non existir un convenio propio, polo mesmo convenio colectivo co do persoal laboral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e, na súa falta, polo convenio do persoal laboral da Xunta de Galicia.

2. O Consello Regulador contará cunha persoa designada polo Pleno que exercerá a secretaría, que terá como funcións específicas as sinaladas no punto 2 do artigo 28 do citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

3. Para os labores de control o Consello Regulador disporá dunha unidade composta polo persoal necesario que, integrada no órgano de control e certificación, actuará baixo a responsabilidade do director técnico e de acordo cos requisitos sinalados na letra b) da alínea 1 do artigo 15 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Capítulo VIII

Réxime económico e contable

Artigo 47. Recursos económicos

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador poderá contar cos recursos económicos establecidos na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

2. Conforme coa citada normativa, establécense as cotas que deberán aboar os inscritos:

a) Os titulares de plantacións:

– Cota de inscrición: ata 100 €. Satisfarase no momento de realizar a alta no Consello Regulador.

– Cota de renovación do rexistro: ata 100 €. Satisfarase con periodicidade cuadrienal, coincidindo coa renovación dos datos do rexistro.

– Cota en función da actividade do inscrito na denominación: satisfarase anualmente ata o 2 % do valor potencial teórico en orixe das patacas certificadas.

– Cota por hectárea de sementeira declarada: ata 100 € por hectárea. Satisfarase anualmente coincidindo coa declaración de sementeira.

– Cota pola prestación de servizos relativos ao control e a certificación: satisfarase de acordo coas tarifas que estableza o Consello Regulador.

b) Os titulares de plantas envasadoras:

– Cota de inscrición: ata 100 €. Satisfarase no momento de realizar a alta no Consello Regulador.

– Cota de renovación do rexistro: ata 100 €. Satisfarase con periodicidade cuadrienal, coincidindo coa renovación dos datos do rexistro.

– Cota en función da actividade do inscrito na denominación: satisfarase anualmente, nun ou en varios pagamentos segundo determine o Consello Regulador, e poderá chegar ata o 2 % do valor potencial teórico en orixe das patacas envasadas.

– Cota pola prestación de servizos relativos ao control e a certificación: satisfarase de acordo coas tarifas que estableza o Consello Regulador.

– Cota polo servizo de expedición de contraetiquetas: será satisfeito polas plantas envasadoras que utilicen contraetiquetas nas patacas envasadas baixo a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e o seu importe será o dobre do valor material de produción e distribución das contraetiquetas.

3. O Pleno do Consello Regulador fixará para cada ano os prezos unitarios das patacas e as contraetiquetas, para os efectos do cálculo das cotas correspondentes. Tamén aprobará o valor das cotas de carácter fixo e as porcentaxes das variables. Cando non se fixen novos valores, enténdense vixentes os do ano anterior.

4. O Pleno do Consello Regulador fixará o prazo para o pagamento de cada tipo de cota. En caso de non se satisfacer o pagamento no prazo voluntario, o Consello Regulador poderá fixar outro prazo adicional para exixir o pagamento. En caso de que nese prazo adicional non se realizase o pagamento, o inscrito poderá ser suspendido nos seus dereitos na denominación ata que liquide a débeda co Consello Regulador. Se no prazo dun ano o inscrito non liquidar a débeda, poderá ser dado de baixa definitivamente, sen prexuízo da obrigatoriedade do seu pagamento de acordo co establecido nos artigos 33 e 35.

Artigo 48. Réxime contable

O réxime contable do Consello Regulador é o que se determina no artigo 19 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e mais no artigo 31 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Capítulo IX

Réxime electoral

Artigo 49. Réxime electoral do Consello Regulador

O réxime electoral do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia é o contido no capítulo VI do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Capítulo X

Infraccións, sancións e procedemento

Artigo 50. Base legal

O réxime sancionador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia é o establecido no título VI da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

Complementa a disposición legal mencionada o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, polo que se refire á toma de mostras e análises; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e cantas disposicións estean vixentes no seu momento sobre a materia.

ANEXO DO REGULAMENTO

Logotipo da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia

missing image file

missing image file