Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 9 de febreiro de 2021 Páx. 8239

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 29 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a revisión da autorización ambiental integrada para o vertedoiro de residuos non perigosos no concello da Rúa, provincia de Ourense (expediente 2018-IPPC-M-95).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro) regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro de 2013) regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– «Proyecto básico para la revisión de la autorización ambiental integrada de un vertedero de residuos no peligrosos en A Rúa de Valdeorras (Ourense). Diciembre 2020».

Para que calquera interesado poida consultalos e, se for o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que coide oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medioambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2020

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental,
Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO I

Memoria resumo

Clave do expediente: 2018-IPPC-M-95.

Peticionario: Concello da Rúa de Valdeorras.

CIF: P3207300I.

Enderezo social: praza José Antonio Míguez Freire, nº 1, 32350 A Rúa, Ourense.

Localización da instalación: polígono empresarial As Pedreiras, 32350 A Rúa, Ourense.

Actividade: xestor de eliminación de residuos non perigosos.

Descrición: a instalación consta dun vaso de vertedura para a eliminación mediante depósito en vertedoiro dun único residuo que é a fracción de refugo dos recortes de moqueta de diversos tipos, dos automóbiles, codificado co código LER 191208 «tecidos».

As augas residuais procedentes do vaso de vertedura, lixiviados, trátanse en balsas de decantación antes de vertelas ao terreo. As augas residuais pluviais que se recollen na cuneta perimetral que percorre a vía externa do vaso de vertedura trátanse nunha balsa de decantación antes de vertelas ao terreo.