Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 8 de febreiro de 2021 Páx. 7665

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 20/2021, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello da Pontenova da estrada provincial LU-P-4805 na súa totalidade.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello da Pontenova o 3.6.2020 solicita á Deputación Provincial de Lugo o cambio de titularidade da estrada provincial LU-P-4805 de Boulloso por Dodrín a Figueirúa. Xustifica a solicitude baseándose no seu uso exclusivamente para comunicacións locais, xa que comunica tres núcleos de poboación da parroquia de Conforto (Mamede, Dodrín e Figueirúa) cunha estrada de titularidade autonómica LU-704 sen continuidade cara a outros núcleos de poboación. A dita estrada comeza na estrada autonómica LU-704, e conta cunha lonxitude de 5.567 m.

A Deputación Provincial de Lugo, o 29.9.2020, dá a súa conformidade ao cambio de titularidade que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de xaneiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello da Pontenova na súa totalidade de:

Clave

Denominación

PQi

PQf

LU-P-4805

Boulloso (LU-704)-Dodrín-Figueirúa

0+000

5+567

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello da Pontenova deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre Concello e Deputación.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello da Pontenova, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xaneiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade