O Concello de Vilarmaior (A Coruña) considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.
A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro, que aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais.
Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de xaneiro de dous mil vinte e un,
DISPÓN:
Artigo único
Aprobar a bandeira do Concello de Vilarmaior, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:
«O pano verde e unha banda amarela, cargada con tres crucetas vermellas e patadas e acompañada de seis aneis amarelos, dispostos tres a cada lado».
Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dous mil vinte e un
Alberto Núñez Feijoo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo
ANEXO