A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, regula os aspectos esenciais da Comisión de Heráldica de Galicia, configurándoa como o órgano consultivo da Xunta de Galicia a que lle corresponde emitir informe vinculante nos procedementos de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos ou bandeiras das entidades locais.
Mediante o Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, regúlase a composición e funcionamento da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, así como a adscrición desta á consellería competente en materia de réxime local.
O artigo 6 do Decreto 19/2010 recolle a composición e o nomeamento dos seus membros. O número 3 deste artigo 6 sinala que as persoas membros da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia serán nomeadas por un período de 5 anos.
O artigo 7.1.c) establece como motivo de perda da condición de membro da Comisión de Heráldica a expiración do período para o cal se nomeou. O actual membro da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, Jaime Bugallal y Vela, foi nomeado mediante a Orde do conselleiro competente en materia de réxime local do 22 de outubro de 2015 (DOG núm. 210, do 4 de novembro).
O artigo 7.2 do citado Decreto 19/2010 establece que, de producirse algunha vacante entre as persoas membros da Comisión de Heráldica por calquera dos motivos enumerados, se realizará, no prazo de tres meses, a súa cobertura.
En virtude do exposto,
DISPOÑO:
Nomear a persoa que a continuación se relaciona membro da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, en calidade de vogal:
– Manuel José Recuero Astray, catedrático de Historia Medieval da Universidade da Coruña.
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2021
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e Conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo