Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 4 de febreiro de 2021 Páx. 7288

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2021 pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito da convocatoria para o ano 2020 dos programas de fomento de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas, do Plan estatal de vivenda 2018-2021 (código de procedemento VI422E).

Feitos:

Primeiro. O 26 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 6 de febreiro de 2020 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2020.

Segundo. No ordinal décimo terceiro da dita resolución convócanse as subvencións dos programas de fomento de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade (liña A) e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas (liña B) do Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), para o exercicio 2020, con carácter plurianual (código de procedemento VI422E).

Terceiro. O punto 3 do ordinal vixésimo da Resolución do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras destes dous programas establece que para os efectos de adoptar as correspondentes resolucións de concesión das axudas se terá en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no Rexistro da correspondente Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo; considerarase data de presentación aquela en que a solicitude quedase validamente presentada, por terse cuberto en forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria. Así mesmo, establece que dentro das solicitudes presentadas terán prioridade aquelas que, dentro do prazo de presentación de solicitudes, conten con licenza de obras ou comunicación previa, acompañada da declaración responsable prevista no ordinal décimo cuarto punto 1.j) e, finalmente, as que só conten con solicitude de licenza ou con comunicación previa.

Cuarto. Unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas coa documentación completa, a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito para a anualidade 2020 tivo a data de entrada no Rexistro da correspondente Área Provincial do IGVS o día 22.11.2020, ás 21.57 horas, para o programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade (liña A), e o día 2.11.2020, ás 19.17 horas, para o programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade (liña B).

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O punto 2 do ordinal vixésimo segundo da Resolución do 15 de xullo de 2019 establece que serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Segunda. Os artigos 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 32 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establecen que cando o procedemento administrativo establecido non leve consigo o esgotamento do crédito nun único acto de concesión, senón que a súa disposición se realice en actos sucesivos, o órgano xestor deberá publicar, no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web, o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

En virtude do exposto anteriormente, e de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Dar a coñecer o esgotamento do crédito autorizado para a anualidade 2020 do programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade (liña A), con data do 22.11.2020, ás 21.57 horas, e do programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade (liña B), con data do 2.11.2020, ás 19.17 horas, destinados a sufragar as subvencións para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas do Plan 2018-2021.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo