Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 4 de febreiro de 2021 Páx. 7290

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2021 pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito da convocatoria para o ano 2020 do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan de vivenda 2018-2021, correspondente ás áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas (código de procedemento VI408H).

Feitos:

Primeiro. O 26 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 6 de febreiro de 2020 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2020.

Segundo. No ordinal décimo cuarto da dita resolución convócanse, para o exercicio 2020, as subvencións do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021) correspondentes ás áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas (código de procedemento VI408H).

Terceiro. O punto 2 do ordinal trixésimo primeiro da Resolución do 20 de xuño de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras deste programa, establece que serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será o da maior antigüidade da data de resolución da cualificación definitiva. No caso de igualdade da data de resolución da cualificación definitiva, atenderase á orde cronolóxica de entrada da solicitude completa no correspondente rexistro da área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos na resolución de convocatoria.

Cuarto. Unha vez tramitadas as solicitudes presentadas coa documentación completa, a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito para a anualidade 2020 tivo entrada no rexistro da correspondente área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo o día 30.9.2020.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O punto 2 do ordinal trixésimo primeiro da Resolución do 20 de xuño de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras deste programa, establece que serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Segunda. Os artigos 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 32 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establecen que cando o procedemento administrativo establecido non supoña o esgotamento do crédito nun único acto de concesión, senón que a súa disposición se realice en actos sucesivos, o órgano xestor deberá publicar, no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web, o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

En virtude do exposto anteriormente, e de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Dar a coñecer o esgotamento do crédito autorizado para a anualidade 2020 do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan 2018-2021, correspondente ás áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas, con data do 30.9.2020.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo