Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 28 de xaneiro de 2021 Páx. 5265

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2021, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade á convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de secretario/a xeral da Deputación Provincial de Ourense.

A Deputación Provincial de Ourense aprobou a convocatoria e as bases para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de secretario/a xeral, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior envío ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública para os efectos da publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa proposta da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Local e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e o artigo 22 do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

RESOLVO:

Dar publicidade á convocatoria e ás bases que rexerán a mesma, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión polo sistema de libre designación, do posto reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional que se indica a seguir:

Corporación: Deputación Provincial de Ourense.

Posto: secretario/a xeral.

Subescala: secretaría.

Categoría: superior.

Nivel complemento destino: 30.

Complemento específico anual: 47.371,52 euros.

Requisitos: os recollidos nas bases que figuran como anexo.

Coñecemento lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2021

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración local

ANEXO

Bases que rexen a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de secretario/a xeral da Deputación Provincial de Ourense

1. Obxecto.

As presentes bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para a provisión do posto de secretario/a xeral da Deputación Provincial de Ourense, reservado a personal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría, categoría superior, polo sistema de libre designación establecido no artigo 92.bis.6 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no artigo 45 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter nacional e nos artigos 19 e 36 e seguintes do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal.

2. Corporación.

Deputación Provincial de Ourense.

3. Denominación e clase do posto.

Secretario/a xeral da Deputación Provincial de Ourense.

O posto está reservado a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de secretaría, categoría superior.

4. Característica do posto.

4.1. O posto a cubrir está incluído na relación de postos de traballo (RPT) aprobada polo Pleno da Deputación na sesión con data do 21.12.2018, e publicada no BOP de Ourense, número 292, con data do 22.12.2018.

4.2. O complemento de destino asignado ao posto é o correspondente ao nivel 30.

4.3 Sistema de provisión segundo prevé a RPT: libre designación.

4.4. O complemento específico anual fixado para o posto, referido ao ano 2020, é de 47.371,52 euros brutos.

5. Requisitos para o seu desempeño.

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeñar o posto, no caso de ser nomeado:

1º. Estar integrado/a na subescala de secretaría, categoría superior. Non poderá concorrer a esta convocatoria o persoal funcionario que se atope nas circunstancias establecidas no artigo 36.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, e no artigo 28.2.a) e b) do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

2º. Acreditar o coñecemento do idioma galego mediante a presentación do certificado de lingua galega (Celga 4) ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. No seu defecto, a persoa interesada deberá realizar unha proba de carácter eliminatorio, a valorar como «apto» ou «non apto», destinada a avaliar un grao de coñecemento equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente (artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia).

6. Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse á Presidencia da Deputación Provincial de Ourense e presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dentro do prazo dos quince días hábiles seguintes ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado (artigo 46.3 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo), debendo indicarse nestas, ademais do contido mínimo establecido no artigo 66.1 da citada Lei 39/2015, o número de rexistro persoal, a situación administrativa na que se atope a persoa solicitante e o seu destino; e deberán vir acompañadas da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados na base 5.

Á instancia achegarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI.

b) Certificado que acredite o coñecemento da lingua galega, Celga 4 ou o seu equivalente.

c) Documentación acreditativa da titulación académica.

d) Documentación acreditativa da condición de funcionario/a da Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría, categoría superior.

e) Currículo no que a persoa aspirante especifique, nun máximo de 15 páxinas (caras), a súa traxectoria profesional especificando os postos de traballo desempeñados na Administración, outros títulos académicos ou profesionais obtidos, os cursos realizados así como os impartidos, os traballos e estudos publicados no campo da investigación científico-xurídica, así como outros méritos e aptitudes que reúne para ocupar o posto, que deberán estar directamente relacionados coas funcións atribuídas a este.

Deberán acompañarse os documentos acreditativos dos méritos alegados mediante certificacións ou copias. Non serán valorados os méritos que non queden debidamente acreditados, en todos os seus aspectos, dentro do prazo de presentación de instancias.

7. Nomeamento.

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia procederá, no prazo dun mes, no seu caso, e tras verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nestas bases, a ditar a resolución correspondente, que deberá estar motivada con referencia ao cumprimento dos requisitos, a observancia do procedemento, a competencia para o nomeamento, os concretos criterios de interese xeral elixidos como prioritarios para decidir o nomeamento, e as condicións profesionais tidas en conta para apreciar a maior idoneidade do/da funcionario/a nomeado/a; e da que informará ao Pleno da Corporación, e dará traslado á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e ao ministerio competente en materia de función pública para publícación no BOE (artigo 46.3 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo).

8. Toma de posesión.

Os prazos para a toma de posesión serán os establecidos no artigo 41 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo e 34 do Decreto 49/2009; en consecuencia, será de tres días hábiles tratándose de postos de traballo na mesma localidade ou dun mes en caso contrario. Os ditos prazos contaranse a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse no prazo de tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución sobre o nomeamento no BOE.

9. Impugnación.

Contra a presente resolución e cantos actos administrativos se deríven dela as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Presidencia da Deputación Provincial de Ourense, nos termos e prazos sinalados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (un mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación); ou directamente recurso contencioso-administrativo nos termos e prazos sinalados na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (dous meses contados a partir da mesma data).