Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 26 de xaneiro de 2021 Páx. 4443

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 7/2021, do 14 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de mellora do saneamento no núcleo da Igrexa, pertencente ao concello de Muras (Lugo).

O Concello de Muras, en sesión do día 30 de xuño de 2020, acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto de mellora do saneamento no núcleo da Igrexa, pertencente ao Concello de Muras, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos cales se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

Con data do 7 de setembro de 2020 tivo entrada no Rexistro do Portelo Único da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Muras e parte do expediente. Con datas do 15 e 23 de setembro de 2020, o Concello remitiu a documentación complementaria. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais logo previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, pola necesidade urxente de contar cun sistema de depuración para augas negras xeradas no núcleo da Igrexa, xa que na actualidade estas augas se están a verter directamente ao rio Landro, co dano ambiental que isto supón para o río.

Para os veciños do núcleo do Viveiró é de interese xeral contar cun servizo actualizado de canalización e depuración das augas residuais xeradas nas súas vivendas e negocios, xa que sen este servizo non se poderían garantir unhas medidas mínimas de salubridade.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catorce de xaneiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de mellora do saneamento no núcleo da Igrexa, pertencente ao Concello de Muras, no termo municipal de Muras (Lugo). Débense obter, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, as autorizacións que foren necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, catorce de xaneiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo