Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 22 de xaneiro de 2021 Páx. 3948

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 30 de decembro de 2020 pola que se modifica parcialmente a Orde do 17 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2020 e 2021 (código de procedemento TR301V).

A Lei 30/2015, do 9 de setembro (BOE núm. 217, do 10 de setembro), pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, recolle a planificación e o financiamento do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema.

O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo (BOE núm. 159, do 5 de xullo), polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, amplía este marco normativo e regula no seu artigo 25 as axudas e bolsas que poden percibir as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas.

A Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo (BOE núm. 78, do 1 de abril), pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, regula no seu capítulo IV as diferentes tipoloxías de bolsas e axudas.

Neste senso, o artigo 23.2 da citada orde ministerial dispón que as administracións públicas competentes establecerán nos seus respectivos ámbitos as contías, os prazos de solicitude e a concesión das bolsas e axudas previstas, e no seu anexo II determina as súas contías máximas.

A Orde do 17 de novembro de 2020 (DOG núm. 235, do 20 de novembro), estableceu as bases reguladoras e procedeu á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2020 e 2021 (código de procedemento TR301V).

Posteriormente, a publicación da Orde TES/1109/2020, do 25 de novembro (BOE núm 311, do 27 de novembro), modificou a Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

A Orde TES/1109/2020, dada a diversidade da casuística derivada da xestión das iniciativas de formación profesional para o emprego, modifica a Orde TMS/368/2019, entre outras cuestións, no relativo á determinación polas administracións competentes da axuda que percibirán as persoas traballadoras desempregadas pola utilización de transporte público interurbano para asistir ás actividades formativas.

Con este criterio, no punto un do seu artigo único, a Orde TES/1109/2020 modifica o segundo parágrafo do artigo 21.1 da Orde TMS/368/2019, que queda redactado do seguinte xeito:

«Os traballadores desempregados que utilicen a rede de transportes públicos urbanos para asistir á formación poderán ter dereito a percibir unha axuda, cuxo importe máximo se establece no anexo II. No caso de que sexa preciso utilizar outro transporte público para o desprazamento, a Administración pública competente para o aboamento da axuda determinará o modo de acceso, a sua contía e sistema de xustificación».

Consecuentemente con todo o anteriormente exposto, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG núm. 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Modificación da Orde do 17 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2020 e 2021 (código de procedemento TR301V).

Artigo 1. Modificación do punto 1 do artigo 6, sobre axudas de transporte, das bases reguladoras

O artigo 6.1 queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 6. Axudas de transporte

1. As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación ás cales se refire esta orde terán dereito a unha axuda de transporte público, que variará segundo o seu carácter urbano ou interurbano:

a) Axuda de transporte público urbano: o alumnado que utilice a rede de transporte público urbano para asistir á formación terá dereito a percibir unha axuda de 1,5 € por día de asistencia.

b) Axuda de transporte público interurbano: o alumnado cuxo enderezo de intermediación laboral estea localizado nun concello distinto a aquel en que teña lugar a acción formativa e deba empregar o transporte público interurbano para asistir á acción formativa terá dereito a percibir unha axuda de 7 € por día de asistencia.

Serán subvencionables as solicitudes de axudas de transporte público interurbano que correspondan a cursos iniciados a partir do día 28 de novembro de 2020 incluido, data de entrada en vigor da Orde TES/1109/2020.

Para teren dereito á súa percepción deberán presentar unha declaración responsable, incluída no anexo I, en que se explicite a liña ou as liñas de transporte público, urbano e/ou interurbano, que precisen utilizar para asistir á acción formativa.

Disposición adicional primeira. Anexo I

Modifícase o anexo I, relativo ao modelo de solicitude, para os efectos de que as persoas interesadas poidan solicitar a axuda por transporte público interurbano, de ser o caso.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2020

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file