Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 20 de xaneiro de 2021 Páx. 3298

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 2021 pola que se convoca un posto de persoal directivo.

En virtude do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución.

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá o proceso de selección que se inclúen no anexo II. Para participar nesta convocatoria os/as candidatos/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Terceiro. A presente convocatoria e as distintas resolucións que se diten ao longo do proceso de selección publicaranse na páxina web http://gain.xunta.gal, na epígrafe de procesos selectivos. A resolución que poña fin ao proceso de selección publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal de selección poderán ser impugnados polos/polas interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2021

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I

Código: EI.A11.00.003.15770.001.

Denominación do posto: director/a da Área de Servizos.

Dependencia: Axencia Galega de Innovación.

Localidade: Santiago de Compostela.

Forma de provisión: persoal directivo (artigo 79 da Lei 16/2010, do 17 de decembro).

Directivo do grupo III, nivel 2.

Tipo de persoal: alta dirección/funcionario (subgrupo A1).

ANEXO II

Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto de director/a
da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de director/a da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación.

Artigo 2. Vínculo

O vínculo coa persoa seleccionada formalizarase mediante un contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, excepto no suposto en que a persoa seleccionada sexa funcionaria de carreira pertencente ao grupo A, subgrupo A1, en que o vínculo se formalizará mediante libre designación.

O/a director/a estará suxeito ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

De acordo co artigo 34.5 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, os contratos laborais de alta dirección do persoal directivo incluirán un pacto de permanencia e non competencia poscontractual polos dous anos seguintes á extinción do contrato.

Artigo 3. Requisitos dos/das aspirantes

Os/as aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:

a) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.

b) Non padecer enfermidade nin estar afectados por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

c) Ter cumpridos os dezaseis anos.

d) Non ter sido separados/as do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitados/as por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

e) Non atoparse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para os empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario, ou para exercer funcións similares ás que desenvolvían no caso de persoal laboral, en que fose separado ou inhabilitado.

f) Estar en posesión dunha titulación universitaria de licenciatura ou grao.

De ser o caso, para as titulacións obtidas no estranxeiro, deberan posuír a credencial que acredite a súa homologación ou validación.

g) Requisito lingüístico.

Acreditar o coñecemento do idioma galego presentando o título do Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Unha vez realizada a segunda fase do proceso de selección, no caso de que a persoa proposta polo tribunal como director/a da Área de Servizos non cumpra este requisito, deberá superar unha proba de dominio do idioma galego. Esta proba consistirá nunha tradución galego-castelán e outra castelán-galego. A súa valoración será apto ou non apto.

Non obstante, tamén se poderán presentar a esta proba as persoas candidatas que, aínda que non resultasen propostas polo tribunal, superasen a segunda fase e non cumpran o requisito lingüístico, co fin de permitir a súa selección, de superar a proba, se a persoa inicialmente proposta non consegue a cualificación de apto.

O lugar, a data e a hora anunciaranse na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

Para a realización da dita proba o tribunal poderá requirir o asesoramento de persoal cualificado na materia.

Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato.

Artigo 4. Solicitudes e prazo de presentación

As solicitudes para participar na presente convocatoria poderanse presentar por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento xenérico PR004A), https://sede.xunta.gal; no Rexistro da Axencia Galega de Innovación (rúa Airas Nunes, s/n, 15702 Santiago de Compostela), ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso deberá remitirse unha copia escaneada ao seguinte enderezo de correo electrónico: persoal.gain@xunta.gal; e antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, a solicitude rexistrada e a relación individualizada dos méritos que se aleguen (anexo IV).

A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.

Na solicitude os/as aspirantes deberán presentar declaración responsable de que reúnen todos e cada un dos requisitos exixidos.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Axencia Galega de Innovación para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.

Así mesmo, deberá presentar copia cotexada do título universitario exixido ou certificación académica que acredite ter realizados os estudos para a obtención do título ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do título académico.

Deberá xuntarse a copia cotexada do título acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Coa solicitude tamén deberá relacionar de xeito individualizado cada un dos méritos que alegue e xuntar a documentación acreditativa deles para a súa valoración, ben orixinal ou fotocopia cotexada. Os méritos alegados relacionaranse no anexo IV desta convocatoria e poderase indicar un mesmo mérito en varias das alíneas do artigo 7 das bases. En ningún caso, a relación feita polo/a aspirante vinculará a resolución final do tribunal.

Asemade, coa solicitude terá que achegarse o plan de actuación (recollido no artigo 7 das presentes bases) en soporte papel e en formato electrónico.

O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos das notificacións e serán de responsabilidade do/da aspirante tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará o décimo quinto día hábil, contado desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Para calquera aclaración ou información adicional os/as interesados poderán dirixirse á Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación a través do enderezo de correo electrónico: persoal.gain@xunta.gal

Artigo 5. Admisión de aspirantes

Tras a finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación, a Axencia Galega de Innovación ditará resolución en que aprobe as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

A lista publicarase na páxina web da Axencia Galega de Innovación e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución en que se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

Artigo 6. Tribunal de selección

O tribunal de selección será nomeado por resolución da Dirección da Axencia Galega de Innovación e será constituído unha vez publicada na web da Axencia Galega de Innovación a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

Artigo 7. Desenvolvemento do proceso de selección

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase polo procedemento de concurso. O proceso consistirá en dúas fases. A puntuación máxima do proceso de selección é de 100 puntos.

A primeira fase, eliminatoria, consistirá na baremación de méritos alegados e valoración do plan de actuación da Área de Servizos.

A segunda fase consistirá na defensa do plan de actuación.

7.1. Primeira fase.

A puntuación máxima desta primeira fase é de 90 puntos, conforme a seguinte distribución:

7.1.1. Valoración dos méritos, cunha puntuación máxima de 60 puntos, na cal se terán en conta os seguintes aspectos:

a) Formación (máximo 15 puntos).

a.1) 1 punto por dispor dunha titulación universitaria con materias relativas á innovación.

a.2) 2 puntos por cada curso de posgrao impartido por centros oficiais de titularidade pública ou privada homologada.

a.3) 3 puntos por cada titulo de doutor expedido por centros oficiais de titularidade pública ou privada homologada.

a.4) 2 puntos por cada máster.

a.5) Por asistencia a cursos impartidos por organismos oficiais cunha duración igual ou superior a 100 horas lectivas no ámbito da investigación, innovación e transferencia tecnolóxica e o emprendemento: 1 punto por cada curso ata un máximo de 5.

b) Experiencia (máximo 45 puntos).

b.1) Experiencia en tarefas de obtención de financiamento e seguimento de proxectos innovadores de empresas financiados por organismos estatais, ata un máximo de 17 puntos:

1. Proxectos individuais: 1 punto por cada proxecto con orzamento superior a 500.000 €.

2. Proxectos cooperativos: 2 puntos por cada proxecto con orzamento superior a 1.000.000 €.

b.2) Experiencia en tarefas de obtención de financiamento e seguimento de proxectos innovadores de programas europeos de axudas á innovación de empresas no programa marco da Unión Europea: 3 puntos por cada proxecto financiado, ata un máximo de 12 puntos.

b.3) Experiencia en actividades de divulgación a empresas de liñas de financiamento, nacional ou internacional, á I+D+i: 2 puntos por cada xornada acreditada como relator, ata un máximo de 10 puntos.

b.4) Experiencia en materia de I+D+i na xestión de deducións fiscais, agrupacións de interese económico e outros instrumentos financeiros, ata un máximo 6 puntos:

1. Por cada proxecto de orzamento superior a 100.000 €: 1 punto.

2. Por cada proxecto de orzamento superior a 200.000 €: 2 puntos.

7.1.2. Plan de actuación.

Terá unha puntuación máxima de 30 puntos.

As persoas aspirantes deberán presentar un plan de actuación para a Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación en que se recolla a estratexia integral de dinamización das pemes no ecosistema galego que se desenvolverá a medio prazo. Este plan deberá conter as principais accións que poñer en marcha, indicando unha planificación estimada delas e o modelo de seguimento e avaliación que se aplicará.

O plan non poderá superar os 50 folios de extensión, a dobre espazo por unha soa cara, letra Arial, tamaño 11.

O plan valorarase conforme os seguintes criterios:

– Adecuación do plan proposto ás prioridades e recursos da Gain, entendida como unha axeitada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para afrontar as tarefas e conseguir os obxectivos que se propoñen no plan proposto.

– Impacto e sustentabilidade, grao en que os efectos transformadores derivados da posta en marcha do plan proposto poderán ser sostidos no tempo.

– Contido innovador do plan proposto, en que se valore a novidade do proxecto e a súa potencial achega inspiradora para futuras iniciativas.

Para proceder á valoración do plan de actuación o/a candidato/a deberá obter, cando menos, 30 puntos na epígrafe de méritos (artigo 7.1.1).

Para acceder á segunda fase do procedemento selectivo, a persoa candidata deberá obter, cando menos, unha puntuación total de 40 puntos na primeira fase. Calquera candidato/a cunha puntuación inferior á sinalada será excluído/a do procedemento de selección.

O tribunal de selección disporá da facultade de non convocar á defensa do plan de actuación -segunda fase- a aquelas persoas candidatas que, aínda superando os 40 puntos exixidos na primeira fase, dispoñan dunha puntuación cuxo valor numérico imposibilite matematicamente seren seleccionados/as en relación co resto de candidatos/as.

A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/as aspirantes publicarase na páxina web da Axencia Galega de Innovación e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución en que se aprobe a lista coas puntuacións definitivas da primeira fase. Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

Os/as candidatos/as que superen a 1ª fase do procedemento selectivo serán convocados cunha antelación mínima de tres días hábiles dende a publicación da lista coas baremacións definitivas para a defensa dos plans de actuación.

7.2. Segunda fase: defensa do plan de actuación da Área de Servizos.

Non é eliminatoria. A puntuación máxima correspondente a esta fase é de 10 puntos.

A data e o lugar establecidos para a defensa dos plans de actuacións serán publicados na web da Axencia Galega de Innovación cunha antelación mínima de corenta e oito horas. Non obstante, en función da situación derivada da pandemia da COVID-19 poderá realizarse a través de videoconferencia.

Os/as candidatos/as deberán presentarse á proba provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Deberán presentar nun tempo máximo de 20 minutos o seu plan e responder todas aquelas preguntas e cuestións que permitan valorar a idoneidade da proposta, sen que o tempo de resposta compute para os efectos da duración prevista neste punto.

7.3. Cualificación e lista de persoas seleccionadas.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada unha das fases.

En caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa que obtivese maior puntuación nas distintas fases do procedemento selectivo e pola orde establecida nel (1º baremación de méritos e valoración do plan de actuación; 2º defensa do plan de actuación).

De persistir o empate, resolverase a favor do/da aspirante que teña a maior puntuación na epígrafe de experiencia laboral. Se aínda así persiste o empate, resolverase por sorteo.

Unha vez finalizado o proceso de selección, o tribunal publicará na páxina web da Axencia Galega de Innovación as puntuacións obtidas polos aspirantes con indicación do candidato/a seleccionado/a. Establécese un prazo de tres días, contado desde o seguinte ao da publicación na páxina web, para presentar alegacións. A estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución definitiva.

O tribunal elevará á Dirección da Axencia Galega de Innovación a proposta a favor do/da aspirante que teña obtido a maior puntuación.

O nomeamento corresponde ao Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación, por proposta motivada da dirección.

De non presentarse solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de se considerar que ningún dos candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da Dirección da Axencia Galega de Innovación.

A resolución que poña fin ao proceso de selección publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Forma de acreditación e valoración dos méritos

A formación acreditarase mediante a presentación de fotocopia cotexada dos títulos ou certificados correspondentes á especialización, doutoramento, máster ou posgrao nos ámbitos establecidos, así como ás actividades formativas.

A experiencia profesional acreditarase mediante a presentación dos documentos seguintes:

• No caso de servizos prestados por conta allea, será preciso informe da entidade pública/privada en que consten as actividades ou tarefas desenvoltas durante o período de duración do contrato.

• No caso de servizos profesionais desenvoltos por conta propia, será preciso achegar algún dos documentos seguintes: copia do contrato de prestación de servizos ou carta acreditativa/informe da entidade pública/privada para a cal se desenvolveron.

En ambos os casos, o documento que se presente deberá conter a información suficiente que permita valorar a experiencia alegada.

O tribunal non valorará aqueles méritos das persoas aspirantes que non estean acreditados, nin aqueles acadados con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, ... de ... de 20...

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO III

MODELO DE SOLICITUDE

DATOS PERSOAIS

Primeiro apelido

Segundo apelido

Nome

DNI

Data nacemento

Domicilio, rúa e nº

Provincia

Localidade

Teléfono

Correo electrónico

NO CASO DE PRESTAR SERVIZOS NA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA:

Vínculo xurídico

Categoría profesional

Situación administrativa

Destino actual

Dependencia

Localidade

SOLICITO: ser admitido/a na convocatoria para prover o posto de persoal directivo denominado director/a da Área de Servizos, con código EI.A11.00.003.15770.001, anunciada pola Resolución do 8 de xaneiro de 2021, ao considerar que reúno os requisitos exixidos.

(Lugar, data e sinatura)

Axencia Galega de Innovación

R/ Airas Nunes, s/n

15703 Santiago de Compostela

ANEXO IV

MODELO DE RELACIÓN DE MÉRITOS ALEGADOS

(Descrición sucinta dos méritos alegados e artigo das bases onde se mencionan, por exemplo: 7.1.1. letra a); 7.1.1. letra b)1, etc.)

Núm.

Descrición do mérito

Artigo