Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 15 de xaneiro de 2021 Páx. 2487

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT207A).

BDNS (Identif.): 544224.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano, dadas de alta cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano na epígrafe IAE 961.1 e con sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano, previamente a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle televisivo privada nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos por todas as empresas que a integran no momento da súa constitución. A agrupación non poderá disolverse ata que rematase o prazo de prescrición para o reintegro e as infraccións previsto polos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

Segundo. Finalidade

Fixar as bases que regularán o réxime de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, establecidas pola Agadic para contribuír ao fomento da produción de obras audiovisuais galegas, dentro do marco das competencias deste organismo, e realizar a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT207A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT207A).

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 2.500.000 euros, distribuídos por anualidades: 250.000 euros para o exercicio 2021, 563.000 euros para o exercicio 2022, 723.000 euros para o exercicio 2023 e 964.000 para o exercicio 2024, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gasto da Agadic, coa seguinte distribución:

2021

2022

2023

2024

Modalidade A, B, C, E

220.000 €

503.000 €

723.000 €

964.000 €

Modalidade D

30.000 €

60.000 €

Total

250.000 €

563.000 €

723.000 €

964.000 €

– 90.000 euros para a modalidade D, con carácter bianual: 30.000 para a anualidade 2021 e 60.000 para a anualidade 2022.

– 2.410.000 euros para o resto das modalidades, con carácter cuatrianual: 220.000 euros para a anualidade 2021, 503.000 euros con cargo ao exercicio 2022, 723.000 euros con cargo ao exercicio 2023 e 964.000 con cargo ao exercicio 2024. Deste orzamento, 1.687.000 euros resérvanse para as modalidades A1, A2, B e C, sen prexuízo de reasignar as cantidades entre as distintas modalidades se non hai suficientes proxectos que acaden a puntuación exixida.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais