Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 2021 Páx. 2058

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade da resolución de concesión das axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa Infraestruturas estratéxicas abertas), promovidas por grandes empresas galegas.

Mediante a Resolución do 10 de xuño de 2020 (DOG núm. 122, do 22 de xuño), publicáronse as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa Infraestruturas estratéxicas abertas), promovidas por grandes empresas galegas, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2020, en réxime de concorrencia competitiva.

As ditas bases establecen, no seu artigo 11.4, que a resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da resolución definitiva do 10 de decembro de 2020 de concesión das axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa Infraestruturas estratéxicas abertas), promovidas por grandes empresas galegas, no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe Consulta de resolucións definitivas, http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas). O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Habilítase un prazo de 10 días naturais para que os interesados accedan á oficina virtual do Igape, no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe Consulta de resolucións definitivas, http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas), utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente, para descargar a súa resolución individual. Transcorrido o devandito prazo desde a posta á disposición da resolución individual sen que se acceda ao seu contido, entenderase rexeitada.

Segundo. As resolucións individuais, segundo o establecido no punto primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se acceda ao seu contido. Non obstante, previamente poderá interpoñer un recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se acceda ao seu contido.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica