Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 2021 Páx. 2051

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria (código de procedemento IN421L).

BDNS (Identif.): 543591.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector de produción agrícola primaria.

Para efectos desta resolución consideraranse sector de produción agrícola primaria as actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases da 1.11 á 02.40 do CNAE-2009, ambas incluídas. Tamén serán subvencionables as actividades comprendidas no IAE que se correspondan con estas clases do CNAE 2009.

Para os efectos destas bases defínese empresa conforme o recollido no artigo 1 do anexo I do Regulamento UE 651/2014.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na alínea anterior.

Segundo. Obxecto

A instalación de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 28 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria (código de procedemento IN421L).

Cuarto. Contía

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2021 e imputaranse ás aplicacións orzamentarias 06.A3.733A.770.0. e 06.A3.733A.770.1, ascendendo o importe total asignado a esta convocatoria a 2.500.000 €.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Distribución por liña de axuda

Aplicación orzamentaria

Total (€)

RT-Proxectos de enerxías renovables térmicas

06.A3.733A.770.1

500.000,00

RE-Proxectos de enerxías renovables eléctricas

06.A3.733A.770.1

1.500.000,00

PAE-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética

06.A3.733A.770.0

500.000,00

Total

2.500.000,00

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se, pasados dous meses desde a apertura do prazo de solicitudes, nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles e noutra das epígrafes existe listaxe de espera.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 31.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados nestas bases reguladoras.

De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal).

3. A presente convocatoria tramitarase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións quedará condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

4. A contía da axuda será do 30 % do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 euros por proxecto e de 300.000 € por empresa, salvo no suposto de instalacións de autoconsumo colectivo, en que se establece unha axuda máxima de 500.000 € por proxecto e de 500.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado desde o día seguinte ao da publicación das presentes bases no DOG. Se a finalización do prazo coincidir en día inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020

Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia