Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 12 de xaneiro de 2021 Páx. 1275

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 232/2020, do 17 de decembro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-840, Porzomillos-Oza dos Ríos, puntos quilométricos 5+444-6+729, de clave AC/18/162.06, no concello de Oza-Cesuras (A Coruña).

Antecedentes:

Primeiro. O día 13 de xaneiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 7) o Anuncio do 3 de xaneiro de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do Itinerario peonil e ciclista na AC-840. Porzomillos-Oza dos Ríos, puntos quilométricos 5+444-6+729, de clave AC/18/162.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise dos informes e certificados presentados, o 10 de xullo de 2020 apróbase o expediente de información pública e posteriormente, con data do 24 de novembro de 2020, apróbase definitivamente o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-840 Porzomillos-Oza dos Ríos, puntos quilométricos 5+444-6+729, de clave  C/18/162.06.

Este proxecto ten por obxecto a execución dunha senda peonil e ciclista na marxe dereita da estrada AC-840, no treito que comeza no núcleo rural de Porzomillos (punto quilométrico 5+444) e finaliza antes do núcleo urbano de Oza dos Ríos (punto quilométrico 6+826,50), no concello de Oza-Cesuras, co obxectivo de mellorar as actuais prestacións da estrada permitindo un movemento seguro de peóns e ciclistas entre Porzomillos e Oza dos Ríos.

O itinerario executarase en formigón coloreado ou saburra artificial en función do tipo de solo que se atravese (urbano ou rústico respectivamente), cunha largura entre 2 m (mínimo) e 3,25 m, e rematado cun bordo de formigón.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de decembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-840 Porzomillos-Oza dos Ríos, puntos quilométricos 5+444-6+729, de clave AC/18/162.06.

Santiago de Compostela, dezasete de decembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade