Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 12 de xaneiro de 2021 Páx. 1457

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto de Estudos do Territorio

ANUNCIO do 28 de decembro de 2020 polo que se acorda someter a información pública o proxecto do Plan galego de cartografía e información xeográfica.

O artigo 14 do Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, regula o procedemento de elaboración e aprobación do Plan galego de cartografía e información xeográfica.

Tras o acordo do Consello da Xunta de Galicia de autorizar o inicio da súa tramitación na reunión do 20 de abril de 2017, a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía aprobou, o 18 de novembro de 2019, a redacción da proposta inicial do Plan galego de cartografía e información xeográfica, que xa foi sometida á fase de consulta.

Continuando coa súa tramitación, de conformidade co disposto no Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e a Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, co fin de garantir unha maior participación da cidadanía neste trámite administrativo,

ACORDO:

Primeiro. Someter a información pública, durante un prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia o proxecto do Plan galego de cartografía e información xeográfica.

Segundo. O texto do proxecto poderá consultarse no portal de transparencia da Xunta de Galicia https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/procedementos-de-informacion-publica.

Terceiro. As persoas físicas e xurídicas interesadas e a cidadanía en xeral poderán presentar as alegacións que consideren oportunas a este proxecto:

• Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo:

departamento.xuridico.iet@xunta.gal.

• Alternativamente, mediante a presentación dun escrito dirixido ao Instituto de Estudos do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2020.

Francisco Barea Paz
Director do Instituto de Estudos do Territorio