Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 11 de xaneiro de 2021 Páx. 1012

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugamento social (código de procedemento VI422F).

O artigo 88 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establece que as administracións públicas poderán adoptar medidas dirixidas a impulsar a posta no mercado de vivendas en alugamento cos obxectivos prioritarios de mobilizar as vivendas baleiras e de favorecerlle o acceso á vivenda de colectivos singulares. No seu artigo 90 sinálase que a rehabilitación do patrimonio inmobiliario residencial será obxecto de atención prioritaria por parte das administracións públicas con competencia en materia de vivenda como forma de garantir o dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada e como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do ambiente, da paisaxe e do territorio.

Son moitos os concellos de Galicia que dispoñen dun patrimonio edificatorio que pode ser obxecto dun uso residencial mediante as oportunas actuacións de rehabilitación. Por outra banda, o proceso de despoboamento da zona rural fai necesaria unha política encamiñada a fixar poboación nestas zonas, e a vivenda é unha necesidade básica para esta misión. Con este dobre obxectivo, no Diario Oficial de Galicia núm. 8, do 14 de xaneiro de 2020, publicouse a Orde do 23 de decembro de 2019, pola que se establecían as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal. Non obstante, coa finalidade de mellorar a consecución dos citados obxectivos, desde o Instituto Galego da Vivenda e Solo apróbase, a través da presente resolución, un novo programa de axudas dirixido a rehabilitar os edificios e as vivendas de titularidade municipal susceptibles dun uso residencial, para que poidan destinarse, en réxime de alugamento, á vivenda habitual e permanente de unidades de convivencia con escasos recursos económicos.

Ademais, mediante esta resolución introdúcese un incremento da contía das axudas para o suposto de que as vivendas obxecto da actuación estean situadas no ámbito dunha área Rexurbe, de conformidade co Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 18 de novembro de 2020 polo que se establecen as directrices que deben seguir as distintas consellerías na tramitación dos plans de dinamización das áreas Rexurbe.

Ao mesmo tempo, actualízase o texto de conformidade coas novas guías de textos normalizados.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto da resolución

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social, co obxecto de que se destinen, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con escasos recursos económicos. O código de procedemento é VI422F.

Segundo. Obxecto das axudas

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para que poidan rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal e as adxudiquen, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).

Terceiro. Actuacións subvencionables

1. Considerarase actuación subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade. Entre as condicións de habitabilidade poderanse contemplar a execución de medidas que eviten a entrada no edificio do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

2. As actuacións subvencionables incluirán, para os efectos de determinación do custo total das obras, as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén será subvencionables os gastos xerais de estrutura que inciden sobre o contrato, de conformidade co artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas (gastos xerais e beneficio industrial). No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Non obstante o anterior, non se aboarán as facturas correspondentes ás obras executadas con anterioridade ao ano natural en que se publique a resolución de convocatoria. Exceptúanse as facturas correspondentes a actuacións preparatorias, as referidas a adquisicións de material previas e/ou a pagamentos anticipados nas cales a execución de obra se realice, igualmente, no ano natural en que se publique a resolución de convocatoria.

Cuarto. Requisitos das actuacións

1. Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

– Que todas as actuacións que se vaian realizar se axusten á normativa técnica e urbanística en vigor e cumpran a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

– Que as actuacións non estean rematadas na data da presentación da solicitude.

– Que o número de vivendas resultantes da actuación de rehabilitación non sexa superior ao número de demandantes de vivendas inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia nese concello na data da presentación da correspondente solicitude de subvención.

2. O prazo de execución das actuacións virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder 16 meses.

3. Na execución das actuacións que afecten fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Quinto. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística ata a data da publicación da correspondente convocatoria.

b) Contar cun número de demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia no seu concello cando menos igual ao de vivendas para as cales se solicita a axuda.

c) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, cuxo prazo de presentación estivese vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sexto. Contía da axuda

1. As axudas poderán acadar ata o 90 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 40.000 euros por vivenda rehabilitada, ou de 48.000 euros, no caso de vivendas situadas no ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago. No suposto de que a edificación que se vaia rehabilitar estivese situada nun ámbito declarado área Rexurbe, as citadas con cantidades incrementaranse en 2.000 euros por vivenda.

Para estes efectos, enténdese por ámbito histórico:

1º. Os que conten con declaración de conxunto histórico-artístico ou similar.

2º. As zonas ou contornos de protección delimitados, afectados pola declaración dun ben de interese cultural oficialmente aprobado.

3º. Os inmobles que figuren nun catálogo de protección oficialmente aprobado.

4º. Os conxuntos, zonas ou centros históricos así definidos no planeamento.

Así mesmo, para estes efectos, enténdese por ámbito dos Camiños de Santiago o comprendido na declaración de Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago realizada o 17 de decembro de 2010 pola Comisión Bilateral de Vivenda Xunta de Galicia-Ministerio de Fomento e as súas posteriores ampliacións.

2. A subvención poderá ter carácter plurianual e as anualidades distribuiranse en función do prazo de execución comunicado polo concello, sen que en ningún caso o importe da última anualidade poida ser inferior ao 20 % do importe total da subvención concedida.

Sétimo. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), e que se incorpore como anexo da correspondente resolución de convocatoria. Deberá dirixirse á Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) onde estea situada a edificación ou a vivenda.

2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta resolución, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas.

3. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, a persoa titular da alcaldía ou a persoa en que esta delegue.

4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365 ).

5. No formulario de solicitude realizaranse as declaracións que se determinen na resolución de convocatoria.

Oitavo. Documentación complementaria

Os concellos deberán achegar coa solicitude a documentación que se estableza na correspondente resolución de convocatoria.

Noveno. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algúns dos concellos interesados presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. Os concellos responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o IGVS poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa ou entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste presencialmente dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que o concello interesado se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro da persoa que ostente a titularidade da Alcaldía ou da persoa en quen este delegue.

b) Número de identificación fiscal do concello.

2. No caso de que os concellos se opoñan á consulta, deberán indicalo no oportuno recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso do concello para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar aos concellos a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos interesados deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segundo. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS na que estea situado o concello solicitante.

2. A competencia para resolver corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo terceiro. Procedemento de concesión

1. As subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, de conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O procedemento iniciarase de oficio, mediante a correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), da resolución de convocatoria ditada pola persoa titular da Presidencia do IGVS.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria e, en todo caso, rematará co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

4. Se a solicitude non reúnen algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase ao concello solicitante para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. Unha vez completado o expediente e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Xefatura da Área Provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo cuarto. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización. Ademais, fixará a contía da subvención concedida que, de ser o caso, poderá ter carácter plurianual.

2. Para a concesión das axudas atenderase á orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución e na correspondente resolución de convocatoria.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous (2) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima o concello interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.

Décimo quinto. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se for o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

2. Así mesmo, a resolución de concesión poderá ser modificada nos termos sinalados no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, para o caso de reaxuste de anualidades ou modificación na execución de obras por causa de imprevistos.

Décimo sexto. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas as solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución, as relativas a actuacións que polas súas características non poidan ser executadas no prazo máximo fixado na correspondente resolución e aquelas outras en que o número de vivendas resultantes da actuación de rehabilitación sexa superior ao número de demandantes de vivendas inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia nese concello, na data da presentación da correspondente solicitude de subvención.

Décimo sétimo. Xustificación da subvención

A xustificación da execución das obras subvencionadas realizarase conforme ao seguinte procedemento:

1. O concello beneficiario deberá comunicar á correspondente área provincial do IGVS o remate das obras nun prazo máximo de quince (15) días. Este prazo comezará a contarse desde a súa finalización ou desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación das obras. A comunicación deberá facerse por vía electrónica, conforme o anexo que se publique xunto á resolución de convocatoria, no cal se deberá facer unha declaración de estar ao día no cumprimento de obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, para poder proceder ao pagamento de acordo co artigo 60.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Xunto co citado anexo deberá xuntarse, segundo os casos, a seguinte documentación:

A. Para o caso de xustificar a comunicación parcial das obras:

– Certificación expedida pola secretaría do concello, co visto e prace da persoa titular da alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da parte executada da subvención, na cal se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que se certifica, así como os conceptos e contías relativos aos gastos totais soportados polo concello e imputables a esta certificación, coa seguinte relación: identificación da persoa acredora; número de factura ou documento equivalente; certificación da obra; importe; data de emisión e recoñecemento da obriga polo órgano competente.

A citada conta xustificativa incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención, de acordo co establecido no artigo 8 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións a entidades locais galegas.

O importe xustificado á conta non poderá ser superior, en ningún caso, ao 80 % do total da subvención concedida.

– Memoria explicativa das obras realizadas.

– Fotografías que mostren as obras realizadas.

– Documentos acreditativos dos gastos realizados con medios e recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia no punto anterior.

– Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e a súa procedencia.

– Copia de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

B. Para o caso de xustificar a comunicación final das obras:

1. Co remate das obras deberá presentarse, ademais da documentación sinalada no punto anterior, unha certificación da secretaría do concello acreditativa desta circunstancia, acompañada da súa acta de recepción, indicando que se cumpriu a finalidade da subvención. Non será necesario achegar a copia das tres ofertas sinaladas no parágrafo anterior no caso de telas presentado con anterioridade.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o concello beneficiario presente a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo de dez (10) días.

3. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa da subvención con posterioridade ao 30 de outubro da anualidade por xustificar, salvo que o requirimento sinalado no punto anterior se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data.

4. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, logo ded solicitude do concello, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

5. No caso de non terse presentado a xustificación da anualidade correspondente nos prazos indicados nin terse procedido a un reaxuste das anualidades, perderase o dereito ao cobramento da parte da subvención correspondente á citada anualidade, o que será notificado ao concello interesado a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

6. O gasto subvencionable determinarase, logo da comprobación da total execución das obras e a emisión do informe favorable dos servizos técnicos das correspondentes áreas provinciais do IGVS, en atención á certificación municipal sinalada no número 1.A deste mesmo ordinal e ao artigo 58 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

7. Presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Área Provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo oitavo. Pagamento das subvencións

O pagamento realizarase por transferencia bancaria na conta de titularidade municipal sinalada para o efecto no anexo I polo concello beneficiario.

Décimo noveno. Obrigas dos concellos

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas dos concellos beneficiarios as seguintes:

1. Executar as actuacións subvencionadas nas condicións e prazos indicados que consten na resolución de concesión.

2. Destinar a vivenda rehabilitada durante un prazo non inferior a vinte anos, contado desde o día seguinte ao da finalización das obras, ao alugamento de unidades de convivencia que cumpran os requisitos previstos nesta resolución.

3. Acreditar documentalmente ao IGVS a efectividade dos pagamentos realizados nos prazos establecidos no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

5. Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do IGVS, de conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. As demais obrigas que derivan desta resolución.

Vixésimo. Perda e reintegro da subvención

1. Ademais das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, determinará a perda da subvención a non execución das obras dentro do prazo establecido na resolución de concesión, así como a falta de comunicación da finalización das obras ou da presentación da xustificación da subvención no prazo establecido na correspondente resolución de convocatoria.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puideren corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Poderá ser causa de perda e posterior reintegro da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

Vixésimo primeiro. Compatibilidade das subvencións

As subvencións previstas nesta resolución son compatibles coas axudas que se poidan recibir para as mesmas actuacións, sempre que o importe de todas elas non supere o seu custo, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante o anterior, estas axudas serán incompatibles coas do programa autonómico de infravivenda.

Vixésimo segundo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo terceiro. Transparencia e bo goberno

1. Na tramitación do procedemento deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4.2.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, os concellos beneficiarios están obrigados a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por este das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo cuarto. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, o seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Vixésimo quinto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión deste programa.

Vixésimo sexto. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo sétimo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo