Mediante Resolución con data do 18 de decembro de 2020 encoméndase ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar a execución dun servizo de transporte aos centros públicos competencia da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social con vixencia ata o 31 de decembro de 2021.
Coa finalidade dar cumprimento ao disposto no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o contido mínimo da dita resolución:
– Actividade. Servizo consistente no traslado dos usuarios designados pola Consellería de Política Social aos seguintes centros públicos: Centro Ocupacional O Saiar, Centro de día de Alzhéimer de Volta do Castro, Centro de día As Gándaras, Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Redondela, Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Sarria, Centro de Atención a Persoas con Discapacidade da Coruña e Centro de día de Burela para o desenvolvemento das actividades propias dos centros.
O servizo consistente na modalidade de carácter regular (dez desprazamentos por semana ida e volta, de luns a venres, que supoñen un total de 246 desprazamentos anuais) das persoas usuarias de servizos de atención diúrna aboarase en función do prezo por vehículo/día.
O servizo de carácter puntual (dous desprazamentos por semana, ida e volta na fin de semana) das persoas usuarias de servizos residenciais aboarase en función do prezo por servizo/día.
– Natureza e alcance da xestión encomendada. Esta encomenda ao Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar ten natureza intersubxectiva. Consonte o previsto polos artigos 47 e 95 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e para os efectos previstos nos artigos 6.3 e 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Consellería de Política Social.
– Prazo de vixencia. O período de execución comeza o 1 de xaneiro de 2021 e rematará o 31 de decembro de 2021.
– Finalización anticipada: esta encomenda resolverase anticipadamente nos seguintes casos:
• Cumprimento do seu obxecto antes da data establecida para a súa finalización.
• Imposibilidade de realización das actividades encomendadas.
• Incumprimento dalgunha das obrigas ou actividades encomendadas ou dos prazos previstos.
• Revogación por resolución motivada do órgano encomendante.
• As demais previstas na lexislación vixente.
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020
A conselleira de Política Social
P.D (Orde do 3.3.2016; DOG nº 54, do 18 de marzo)
María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social