A Área de Explotación e Planificación Portuaria da entidade pública empresarial Portos de Galicia redactou o documento de modificación da delimitación dos espazos e dos usos portuarios (DEUP) do porto de Santo Tomé-Tragove, instalacións portuarias situadas no termo municipal de Cambados, na provincia de Pontevedra, e adscritas á entidade pública para a súa xestión.
Este documento foi redactado e tramitado de acordo co disposto nos artigos 52 e 53 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 236, do 14 de decembro).
Na reunión do Consello Reitor de Portos de Galicia que tivo lugar o día 18 de novembro de 2020, este acordou dar a súa conformidade á proposta de modificación da DEUP do porto de Santo Tomé-Tragove, así como elevala e propoñela para a súa aprobación a través da Consellería do Mar.
Unha vez visto o informe sobre o trámite da proposta de modificación da DEUP da xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria de Portos de Galicia, do 16.11.2020, que conta coa conformidade do director da entidade pública empresarial, así como o acordo do seu consello reitor do 18.11.2020, dando a conformidade á proposta da modificación da DEUP do porto de Santo Tomé-Tragove e elevándoa e propoñéndoa para a súa aprobación, a Presidencia da entidade pública empresarial Portos de Galicia, por delegación da conselleira do Mar conferida pola Orde do 30 de marzo de 2012,
RESOLVE:
Aprobar o documento de modificación da delimitación dos espazos e dos usos portuarios do porto de Santo Tomé-Tragove (Cambados, Pontevedra), na súa última versión redactada polos servizos técnicos da dita área, asinada en agosto de 2020 polos enxeñeiros de camiños, canais e portos da entidade pública empresarial Andrés D. Cervantes Refojos, xefe do Departamento de Planificación Portuaria, e por Ana Isabel Calzadilla Bouzón, xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria.
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2020
Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia