Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 260 Martes, 29 de decembro de 2020 Páx. 50759

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2020 pola que se convoca a provisión, polo procedemento de libre designación, do posto de coordinador/a de técnicos de laboratorio.

De conformidade co establecido no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG nº 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, así como no artigo 3 da Orden da Consellería de Sanidade do 24 de maio de 2006 (DOG nº 106, do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 137/2019, do 10 de outubro (DOG nº 208, do 31 de outubro), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde; pola Orde do 22 de abril de 2020 (DOG nº 82, do 29 de abril) sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, e polo Decreto 142/2015, do 17 de setembro, polo que se crea a Axencia de Sangue, Órganos e Tecidos e se aproban os seus estatutos (DOG nº 197, do 15 de outubro),

RESOLVE:

Convocar, para a súa cobertura polo procedemento de libre designación, a provisión do posto de coordinador/a de técnicos de laboratorio da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, segundo as seguintes bases:

Primeira. Obxecto, funcións de retribucións do posto de traballo

A presente convocatoria ten por obxecto a provisión do posto de coordinador/a de técnicos de laboratorio da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, polo procedemento de libre designación.

As funcións do posto convocado serán as de organización e coordinación dos técnicos especialistas de laboratorio, á marxe das que lle puidesen ser especificamente encomendadas pola Dirección.

As retribucións serán as que correspondan en aplicación das ordes anuais da Consellería de Facenda polas que se diten as instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Segunda. Requisitos para participar na convocatoria

Poderán participar na presente convocatoria os/as interesados/as que na data de finalización do prazo para a presentación de solicitudes reúnan os seguintes requisitos, que, para o caso de resultar adxudicatario/a do posto convocado, se deberán manter ata o momento da toma de posesión:

1. Estar en posesión do título de técnico especialista de laboratorio ou técnico superior de laboratorio de diagnóstico clínico.

2. Ter a condición de persoal estatutario fixo sanitario técnico, en situación de servizo activo en institucións sanitarias do Sistema Nacional de Salud, da categoría ou especialidade que habilite para acceder ás prazas básicas do grupo C1 de clasificación do correspondente servizo.

3. Tres anos de experiencia profesional na categoría referida, como persoal sanitario técnico, nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

Terceira. Solicitudes e documentación

Os/as interesados/as en participar na convocatoria deberán presentar a solicitude, segundo modelo de instancia que se xunta como anexo II, que estará á súa disposición nos puntos de Atención ao Traballador (PAT) da Dirección de Recursos Humanos e na intranet da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Xunto coa solicitude deberá xuntarse a seguinte documentación acreditativa dos requisitos e méritos do/da interesado/a:

1. Documento de identificación: fotocopia do DNI, pasaporte ou documento que acredite a identidade, debidamente compulsados.

2. Certificación expedida polo servizo de saúde correspondente de que ostenta a condición de persoal estatutario fixo sanitario técnico en situación de servizo activo, en categoría e especialidade que habilite para o acceso ás prazas básicas da correspondente unidade.

3. Certificación expedida polo/s servizo/s de saúde correspondente/s, acreditativa dos tres anos de experiencia profesional na categoría que posúe.

4. Currículo profesional, que incluirá a documentación acreditativa dos méritos alegados. A acreditación dos méritos alegados deberá facerse mediante a presentación de fotocopia compulsada.

5. Só se terán en conta os méritos que o/a interesado/a reúna ata o día inmediatamente anterior á data de publicación da convocatoria e que sexan acreditados dentro do prazo de presentación de solicitudes.

A documentación relativa ao currículo profesional deberá ser achegada necesariamente xunto coa solicitude e deberá ser rexistrada logo do acceso ao expediente-e (expediente electrónico do profesional iniciado por Resolución do 15 de xullo de 2011, DOG nº 139, do 20 de xullo), e todos eles deberán ser validados no sistema informático.

Cuarta. Prazo e lugar de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse, xunto coa documentación para presentar sinalada na base terceira, preferentemente no Rexistro da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, sita na rúa Xoaquín Díaz de Rábago, 2-6, 15705 Santiago de Compostela, e demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Será causa de inadmisión no citado proceso de selección a presentación extemporánea da solicitude polo/a interesado/a.

Os/as aspirantes quedan vinculados aos datos que fixesen constar na solicitude. O domicilio que figure nela considerarase como o único válido para os efectos de notificacións e serán responsabilidade exclusiva do/da candidato/a tanto os erros na súa consignación como a falta de comunicación de calquera cambio de domicilio.

Quinta. Sistema de selección

A selección do/da aspirante ao posto convocado levarase a cabo, segundo o disposto no artigo 45 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatuario do Servizo Galego de Saúde, e no artigo 12.1 da Orde do 24 de maio de 2006 pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, polo procedemento de libre disposición.

Sexta. Resolución

A resolución do órgano convocante, co nomeamento do/da aspirante, de ser o caso, seleccionado/a, será publicada no Diario Oficial de Galicia e pode ser declarada deserta a convocatoria ao non concorreren aspirantes idóneos para o seu desempeño.

O profesional seleccionado para o desempeño do posto de traballo poderá ser cesado discrecionalmente pola mesma autoridade que acordou o seu nomeamento.

Sétima. Toma de posesión

O/a aspirante seleccionado/a deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.

A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.

Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do/a interesado/a, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a consideración de servizo activo e percibiranse os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular e será declarado nesa situación polo órgano competente quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

Oitava. Normas xerais

A publicación dos actos e a resolución que se dite na tramitación deste procedemento realizarase no taboleiro de anuncios da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, nos puntos de Atención ao Trabajador (PAT) da Dirección de Recursos Humanos, na intranet da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

No non previsto na presente convocatoria aplicaranse suplementariamente as disposicións contidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Novena. Recursos

Contra a presente resolución poderá interporse, nos termos previstos na lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, recurso de alzada ante a dirección xeral de recursos humanos do servizo galego de saúde, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020

María Luisa López García
Directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

ANEXO

Solicitude de participación na convocatoria do posto de coordinador/a de técnicos de laboratorio da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Resolución da Axencia:

Nº DOG:

Data DOG:

DATOS PERSOAIS:

Apelidos e nome:

NIF:

Enderezo:

Poboación:

Provincia:

Teléfonos:

Enderezo electrónico:

Data de nacemento:

Unha vez publicada a convocatoria indicada ao principio para a provisión do posto de coordinador/a de técnicos de laboratorio e reunindo os requisitos necesarios,

SOLICITO:

Que sexa admitida a presente solicitude para participar na convocatoria para a cobertura da praza convocada, e declaro que son certos os datos que figuran na solicitude.

_________________________, _______ de _________________ de 202___

Sinatura ___________________________________

Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Rúa Xoaquín Díaz de Rábago, 2-6

15705 Santiago de Compostela

Modelo de relación de documentos que se xuntan

Documentos e declaración que se xunta a esta solicitude:

□ Copia compulsada do DNI, pasaporte ou documento que acredite a identidade do solicitante.

□ Certificación acreditativa de ter praza en propiedade como persoal estatutario en situación de servizo activo e con tres anos de experiencia na categoría que posúa ou de desempeñar praza vinculada docente-asistencial cos mesmos requisitos.

□ Curriculum vitae.

□ Orixinais ou copias compulsadas da titulación e dos xustificantes dos méritos achegados.

Santiago de Compostela, ____ de ________________ de 202___

Asdo.:__________________________________

Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Rúa Xoaquín Díaz de Rábago, 2-6

15705 Santiago de Compostela