Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 259 Luns, 28 de decembro de 2020 Páx. 50567

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 223/2020, do 9 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construcción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020 de mellora de seguridade viaria (MSV) no contorno de treitos de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-403, puntos quilométricos 8+600 a 10+200, de clave PO/17/151.06, no concello de Ponteareas.

Antecedentes:

Primeiro. O día 30 de xaneiro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 21) o Anuncio do 10 de xaneiro de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública a separata do proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020 de mellora de seguridade viaria (MSV) no contorno de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-403, puntos quilométricos 8+600 a 10+200, de clave PO/17/151.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 29 de outubro de 2018 apróbase o expediente de información pública e posteriormente con data do 12 de novembro de 2019 aprobase definitivamente o proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020 de mellora de seguridade viaria (MSV) no contorno de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-403, puntos quilométricos 8+600 a 10+200, de clave PO/17/151.06.

O proxecto ten por obxecto definir, xustificar e valorar as obras necesarias para levar a cabo unha serie de actuacións que permitan evitar ou mitigar a accidentalidade que se vén producindo nos últimos anos no treito considerado; incluíndo como principais actuacións: mellora da intersección no punto quilométrico 8+860 coa creación dunha semiglorieta para un cambio de sentido, creación dunha glorieta no punto quilométrico 9+380 para calmar o tráfico e reordenar as saídas próximas, ampliación das beirarrúas desde o punto quilométrico 9+210 ata a nova glorieta do punto quilométrico 9+380, protección do paso de peóns do punto quilométrico 9+160, mellora da intersección no punto quilométrico 9+920, mellorando a súa visibilidade coa execución de cuñas de cambio de velocidade e dun carril central.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de decembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020 de mellora de seguridade viaria (MSV) no contorno de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-403, puntos quilométricos 8+600 a 10+200, de clave PO/17/151.06.

Santiago de Compostela, nove de decembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade