Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 255 Luns, 21 de decembro de 2020 Páx. 50024

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de decembro de 2020, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Alto da Croa II como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como as disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 3 de decembro de 2020, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1ª. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Proxecto sectorial parque eólico Alto da Croa II, promovido por Greenalia Wind Power Alto da Croa II, S.L.U.

2ª. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Dumbría e Vimianzo queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial do parque eólico Alto da Croa II.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2020

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Análise da relación do contido do proxecto sectorial co plan urbanístico vixente e prazo para a adaptación.

O parque eólico que se proxecta afecta os termos municipais de Dumbría e Vimianzo (A Coruña).

Os terreos situados no termo municipal de Dumbría carecen dun instrumento xeral de planeamento e unicamente consta con 6 delimitacións de núcleos rurais, todas elas fóra da área de incidencia urbanística do parque. De acordo ao número 4 da disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, do solo de Galicia, aplicarase o réxime de solo rústico establecido na dita lei.

De acordo con esta normativa, os terreos ocupados polo parque atópanse clasificados como:

– Solo rústico de protección ordinaria.

Os terreos situados no termo municipal de Vimianzo réxense polas normas subsidiarias de planeamento do 1 de xullo de 1994. A modificación puntual 4 das ditas normas subsidiarias clasifica parte dos terreos do ámbito do parque como rústico de especial protección de infraestruturas asociado ao Proxecto sectorial do parque eólico Alto da Croa. De acordo con esta normativa, os terreos ocupados polo parque atópanse clasificados como:

– Solo non urbanizable común.

– Solo rústico de protección de infraestruturas.

– Solo rústico de protección de ribeiras e canles.

Dado que se trata de planeamentos non adaptados á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, nin á Lei 9/2002, do 30 de decembro, segundo a disposición transitoria primeira, número 2, da Lei 2/2016, aos terreos afectados aplicaráselles o réxime de solo rústico establecido na Lei 2/2016. Adicionalmente, as afeccións e determinacións do Plan básico autonómico son de aplicación directa en Dumbría e teñen carácter complementario das normas subsidiarias de Vimianzo. Acorde coa dita normativa, a clasificación dos solos ocupados polas infraestruturas obxecto do presente proxecto sectorial son:

– Solo rústico de protección ordinaria.

– Solo rústico de protección de infraestruturas.

– Solo rústico de protección das augas.

1.1. Solo rústico de protección ordinaria.

As normas de aplicación do concello de Dumbría, como se viu anteriormente, correspóndense co réxime de solo rústico establecido na Lei 2/2016, do solo de Galicia. Entre os usos permitidos atópase o de instalacións de produción e transporte de enerxía. A ocupación deste tipo de solos realízase pola gabia de interconexión.

Os terreos ocupados por esta clasificación correspóndense con aeroxeradores e as súas plataformas de montaxe, vías, gabias, así como a liña de interconexión.

Como se viu anteriormente, a normativa de aplicación no solo rústico do concello de Vimianzo correspóndese co réxime de solo rústico establecido na Lei 2/2016, do solo de Galicia. Entre os usos permitidos atópanse o de instalacións de produción e transporte de enerxía.

Os terreos ocupados por esta clasificación correspóndense con aeroxeradores, plataformas de montaxe, vías, gabias e o centro de seccionamento.

1.2. Solo rústico de protección de infraestruturas.

Como se viu anteriormente, a normativa de aplicación no solo rústico do concello de Vimianzo correspóndese co réxime de solo rústico establecido na Lei 2/2016, do solo de Galicia. Entre os usos permitidos atópanse o de instalacións de produción e transporte de enerxía.

Os terreos ocupados por esta clasificación correspóndense con gabias de interconexión.

1.3. Solo rústico de protección das augas.

Como se viu anteriormente, a normativa de aplicación no solo rústico do concello de Vimianzo correspóndese co réxime de solo rústico establecido na Lei 2/2016, do solo de Galicia. Entre os usos permitidos atópanse o de instalacións de produción e transporte de enerxía.

Os terreos ocupados por esta clasificación correspóndense con gabias de interconexión.

1.4. Conclusión.

Á vista das cualificacións-clasificacións de solo existentes, obsérvase que a clasificación actual onde se sitúan os elementos do aproveitamento eólico son adecuados para a súa futura implantación.

De acordo cos artigos 36.5 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e o 51.5 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro, en todas as categorías de solo rústico se poderán implantar os usos previstos nos instrumentos de ordenación do territorio, como é o caso deste proxecto sectorial, despois da obtención do título municipal habilitante e sen necesidade de autorización urbanística autonómica.

Desta maneira e de acordo co tipo de cualificacións do solo que se recollen na Lei 2/2016, e co tipo de infraestrutura que se pretende levar a cabo, ao abeiro do Plan sectorial eólico, débese recualificar o solo a solo rústico de protección especial de infraestruturas, e o seu uso permitido será o de parque eólico. Este solo defínese no artigo 34, número 2.e) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia:

«e. Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados á localización de infraestruturas e as súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme a previsión dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio».

Tal e como se establece na Lei 2/2016, do solo de Galicia, a nova categoría de solo rústico proposta superporase, sen desprazar sobre a que posúan os terreos nos planeamentos para o solo rústico de especial protección, aplicando os distintos réximes concorrentes de forma complementaria.

2. Regulación detallada do uso pormenorizado.

As obras contidas no presente proxecto desenvolvéronse ao abeiro do Plan sectorial eólico e aproveitan unha área de desenvolvemento eólico de especial valor enerxético. De acordo con iso, faise necesaria a articulación dunha nova categoría de ordenamento de solo dentro da normativa urbanística dos concellos por onde se desenvolve a infraestrutura.

Así, e atendendo ao que estipula a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no artigo 34, a nova cualificación do solo afecto á instalación deberá ser:

Solo rústico de protección de infraestruturas (solo rústico especialmente protexido); o uso permitido será o de parque eólico, e as infraestruturas asociadas a el.

2.1. Ámbito de aplicación.

A nova cualificación de solo proposta aplicarase ás zonas grafadas no plano de ordenación urbanística proposta deste proxecto, da seguinte maneira para os distintos elementos do parque eólico:

Parte de obra

Superficie cualificada

Aeroxeradores

200 m, distancia a partir da cal o ruído producido por un aeroxerador se confunde co vento

Liñas eléctricas

As resultantes da aplicación da fórmula A=1,5+ V(kV)/100, cun mínimo de 2 m

Edificio de control e centro de seccionamento

10 m

Edificacións secundarias

5 m

Redes de condución

3 m a cada lado do eixe da rede, e poderán eliminarse nas marxes que discorren paralelas a camiños de servizo

2.2. Condicións de uso e licenzas.

Nesta categoría de solo permítese a instalación das infraestruturas necesarias, así como as zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como fonte de produción de enerxía.

As condicións de uso para o solo afectado pola nova clasificación e cualificación serán compatibles coas recollidas na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

O proxecto construtivo do parque eólico deberá contar coa correspondente declaración ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio.

Nos terreos cualificados como solo rústico de protección especial de infraestruturas permitirase o uso agrícola e gandeiro, sempre que non exista afección ou desviación do funcionamento das infraestruturas enerxéticas. En todo caso, teranse en conta as seguintes condicións:

• As plantacións de árbores a menos de 200 m de calquera aeroxerador non poderán interferir no correcto funcionamento do parque; quedará expresamente prohibida a realización de plantacións baixo o voo do aeroxerador.

• Non se poderá realizar ningunha edificación nun raio de 200 m de calquera aeroxerador, excepto o edificio de control necesario para o funcionamento do parque eólico.

2.3. Condicións de edificación, estéticas e de servizos.

2.3.1. Condicións de edificación.

Segundo a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, «O volume máximo da edificación será similar ao das edificacións tradicionais existentes, salvo cando resulte imprescindible superalo por exixencias do uso ou actividade. En todo caso, deberán adoptarse as medidas correctoras necesarias para garantir o mínimo impacto visual sobre a paisaxe e a mínima alteración do relevo natural dos terreos».

Debido ás características das instalacións, as dimensións dos aeroxeradores fan que resulte imprescindible superar as dimensións máximas de volume das construcións tradicionais para o caso dos aeroxeradores. O edificio do centro de control do parque realízase de acordo coa volumetría de edificacións tradicionais.

2.3.2. Condicións estéticas.

As construcións e instalacións que proxecten situarse neste tipo de solo deberán adaptarse ao ambiente en que se sitúen. Para iso, a tipoloxía das construcións deberá ser congruente coas características da contorna, e os materiais empregados para cubertas de edificacións deberán harmonizar coa paisaxe en que se vaia situar.

Igualmente, as casetas prefabricadas utilizadas durante as obras serán de cores mates, non reflectoras, e retiraranse no momento en que termine a obra, así como calquera indicación, cartel, etc.

As construcións temporais de obra situaranse en zonas que reduzan o seu impacto visual.

Dado que o recurso para utilizar é o vento, turbinas e pas dos aeroxeradores que producen a enerxía, presentarán un acabado en cores mates e claros, tales como branco ou gris.

En todo caso, teranse en conta as determinacións establecidas na declaración de impacto ambiental.

2.3.3. Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 39 da Lei 10/2016, do solo de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver pola súa conta os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Saneamento.

– Enerxía eléctrica.

– Así como a dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

3. Eficacia.

As determinacións contidas no presente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente (artigo 11 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo).

Así, na primeira modificación, revisión ou redacción do seu planeamento, os concellos deberán recoller as determinacións recollidas ao longo do presente proxecto sectorial, conforme calquera dos seguintes fitos:

– A primeira revisión de carácter puntual que por calquera causa acorde o Concello, que obviamente pode ser expresamente para a adaptación que aquí se expón.

– A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

– A redacción ou adaptación do planeamento urbanístico municipal vixente á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

4. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial.

Segundo o establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 (DOG do 15 de novembro) e pola Resolución do 20 de decembro de 2002 (DOG do 3 de xaneiro de 2003) pola que se aproba definitivamente a modificación do Plan sectorial eólico de Galicia, o presente proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial as obras e instalacións do parque eólico Alto da Croa II.

Por outra banda, como se especifica no artigo 5.4 do Decreto 80/2000, «As infraestruturas e dotacións de interese supramunicipal obxecto dun plan ou proxecto sectorial serán considerados como sistemas xerais...». Por tanto, pódense cualificar como sistema xeral de infraestruturas as obras e instalacións proxectadas do parque dólico Alto da Croa II.