Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 11 de decembro de 2020 Páx. 48603

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 9 de decembro de 2020 pola que se determinan servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal que presta servizos de limpeza nos hospitais Clínico e Gil Casares de Santiago de Compostela, e que se desenvolverá desde o 14 de decembro de 2020 con carácter indefinido.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño de 1988), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A organización sindical CIG comunicou o día 2 de decembro de 2020 a convocatoria dunha folga de carácter indefinido, que se iniciará ás 22.00 horas do 14 de decembro e que vai dirixida ao persoal de Ilunion Clínico UTE (conformada polas empresas Ilunion Limpieza y Medioambiente e Ilunion Cee Limpieza y Medioambiente), entidade que presta o servizo de limpeza dos hospitais Clínico e Gil Casares de Santiago de Compostela, dependentes da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza.

Así pois, a citada folga afectará empresas que prestan servizos de limpeza en centros sanitarios públicos, e resulta obvio que a suspensión da dita actividade pode implicar niveis de contaminación que porían en risco a saúde tanto das persoas doentes e usuarias como do persoal deste tipo de institucións (nomeadamente, persoal sanitario), máxime nunha folga de carácter indefinido. Polo tanto, esta soa circunstancia determina per se a procedencia de fixar servizos mínimos.

Pero é que ademais cómpre subliñar o contexto en que se vai desenvolver a folga, nun escenario de crise sanitaria global que ten motivado, como é público e notorio, a progresiva adopción, evolución e adaptación de medidas preventivas, de contención, seguimento e de actuación en materia de saúde pública e asistencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da pandemia do coronavirus COVID-19.

A aparición do novo coronavirus causante da síndrome respiratoria aguda grave (SARS-CoV-2), xurdido no mes de decembro de 2019, creou un escenario mundial que está requirir a adopción de medidas e accións de seguimento da situación e o avance dos casos; o que implica para as autoridades a previsión de escenarios e o deseño de protocolos para afrontar as múltiples situacións que se están a producir, coa maior eficacia posible.

Neste sentido, o abrocho do coronavirus denominado COVID-19 motivou que en xaneiro de 2020 a Organización Mundial da Saúde o declarase como emerxencia de saúde pública de importancia internacional, dando inicio a unha serie de actividades que se puxeron en marcha en todo o Estado e nas comunidades autónomas, en canto que axentes integrantes do Sistema Nacional de Saúde, co fin de frear o avance da pandemia e preservar a vida e a saúde da poboación.

Entre esas medidas e actuacións encóntranse as pautas e protocolos definidos polas autoridades en relación coa sanidade ambiental; en particular coa limpeza, desinfección e ventilación dos centros e espazos públicos e, especificamente, das institucións sanitarias. No dito senso habilitáronse circuítos asistenciais específicos para persoas infectadas ou con sospeita de infección polo COVID-19, diferenciados das canles de atención ordinaria e nos cales cómpre extremar as medidas de limpeza das dependencias onde se atenden este tipo de casos, así como dos lugares cos que tivesen contacto (salas de espera, consultorios médicos etcétera) seguindo as recomendacións establecidas polos respectivos servizos de medicina preventiva.

Polo demais e desde que se levaron a efecto as correspondentes declaracións de emerxencia sanitaria, nos centros do Servizo Galego de Saúde e das entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade veñen adoptándose unha serie de medidas dirixidas a garantir a dispoñibilidade de profesionais, esencial para atender a carga asistencial, tanto a través de actuacións de protección daqueles como co obxecto de flexibilizar e axilizar os procedementos previstos para atender e reforzar as necesidades de persoal derivadas desta situación.

Outro tanto cabe aducir respecto aos efectivos das empresas contratadas para facilitar e prestar os servizos complementarios á asistencia sanitaria, como é o caso da limpeza; reforzando a súa realización no senso descrito e que, dubidosamente, podería levarse a efecto sen o establecemento das imprescindibles limitacións en relación co exercicio da actual folga.

Así pois, para a fixación dos servizos mínimos a través da presente orde óptase, dunha banda, por reiterar criterios de carácter xeral aplicados por esta consellería en anteriores folgas do mesmo sector. Os ditos criterios, que xa son de público coñecemento tras a publicación de sucesivas ordes no Diario Oficial de Galicia, teñen por finalidade garantir unha actividade mínima, en función do risco e as características das diversas dependencias, respecto a aquela que se realiza con carácter habitual.

E, doutra banda, establécense novos criterios reitores, específicos para esta folga, en atención á actual e extraordinaria situación de crise sanitaria e no que atinxe a concretas canles e aspectos asistenciais.

A determinación concreta dos efectivos estritamente necesarios para garantir esa actividade mínima en cada centro, e das súas horas de traballo, será realizada en cada caso pola empresa afectada pola folga no exercicio das súas facultades de dirección. Con todo, a empresa deberá deixar constancia da súa motivación.

Con base no que antecede e unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1.

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios reitores que a seguir se motivan.

Para a determinación dos servizos esenciais nesta folga, que ten carácter indefinido, deben atenderse, en primeiro termo e con carácter xeral, os factores consubstanciais á cobertura da seguridade en relación coa hixiene do medio sanitario, isto é: o risco para os/as pacientes, usuarios/as e traballadores/as derivado da realización de actividades e uso de materiais que sexan potencialmente contaminantes, a imposibilidade de demorar a prestación da asistencia e o volume de pacientes atendidos/as.

Pero é que, ademais, a excepcional situación xurdida por mor da pandemia orixinada polo novo coronavirus SARS-CoV-2 (COVID-19), e a súa evolución actual require dunha serie de medidas específicas para evitar o contaxio da enfermidade infecciosa nas dependencias das institucións sanitarias, tanto respecto aos propios profesionais como ás persoais usuarias dos servizos, así como entre aqueles e estas.

Así e no que atinxe á área de actividade afectada pola folga, por mor da actual crise sanitaria e consonte os protocolos establecidos para o efecto, cómpre extremar, en prol de evitar o contaxio da enfermidade infecciosa por COVID-19 nas dependencias sanitarias, a limpeza e desinfección daqueles espazos máis directamente relacionados coa prevención, detección, manexo e tratamento tanto de pacientes como de profesionais con patoloxía suxestiva ou confirmada de infección polo SARS-CoV-2; espazos cuxa plena operatividade e seguridade resultan arestora imprescindibles ante a evolución da pandemia.

Dentro das medidas para a prevención da enfermidade, os protocolos asistenciais de limpeza nos centros sanitarios recollen actuacións tales como:

– Unha maior frecuencia nos circuítos ou itinerarios de limpeza ordinarios.

– A realización de tarefas de limpeza periódica de superficies (pomos de portas, mesas) e espazos de uso común.

– A realización dunha limpeza rigorosa despois de cada atención sanitaria efectuada nas dependencias especificamente dedicadas á asistencia a pacientes confirmados/as ou sospeitosos/as de padecer a enfermidade provocada polo coronavirus. Neste caso, a limpeza debe facerse nun breve período de tempo despois da actividade sanitaria pois, doutro xeito, a dependencia concreta ou a correspondente superficie non estaría en condicións de ser usada por outros usuarios/as e profesionais sen poñer en risco a súa propia saúde.

Polo tanto e no contexto da actual e excepcional situación de crise sanitaria, resulta necesaria a adopción dos seguintes criterios reitores:

a) Días laborables.

1. Áreas de urxencias, laboratorio e radiodiagnóstico de urxencias; UCI, área cirúrxica, reanimación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día, diálise e unidades de hospitalización COVID: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

2. Áreas de radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización (non COVID): o persoal preciso para garantir o 70 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

3. Restantes áreas: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

b) Domingos e festivos: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais nos domingos e festivos na actualidade.

Os efectivos de servizos mínimos que resulten das ditas garantías poderán ampliarse sempre que se xustifique que resulta estritamente necesario para evitar riscos inminentes para a saúde. Nomeadamente, nos casos en que resulte precisa a realización da limpeza coa maior urxencia de salas de atención e outros espazos especificamente habilitados para a asistencia a pacientes sospeitosos/as de padecer unha patoloxía derivada do coronavirus SARS-CoV-2, así como para abordar as tarefas de limpeza adicionais ás ordinarias ou habituais nos espazos e superficies, motivadas polo cumprimento dos protocolos asistenciais de prevención de transmisión do coronavirus. Circunstancias estas que, de producirse, deberán quedar expresamente recollidas no expediente.

Artigo 2.

Nos dous hospitais do Servizo Galego de Saúde afectados pola folga, a determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores correspóndelle á empresa contratista de xeito coordinado coa xerencia da área sanitaria, debendo estar a súa fixación adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos da empresa contratista e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios dos centros con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No anexo desta orde recóllese o número de presenzas mínimas preciso para cubrir as xornadas de folga nos dous hospitais do Servizo Galego de Saúde afectados por ela.

Artigo 3.

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo de 1977).

Artigo 4.

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5.

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Área sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza

– Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (servizo de limpeza do Hospital Clínico e do Hospital Gil Casares).

Centro

Luns a venres

Sábados

Domingos/festivos

Mañá

Tarde

Noite

Mañá

Tarde

Noite

Mañá

Tarde

Noite

H. Clínico

58

58

5

54

32

5

45

28

5

H. Gil Casares

3

2

1

3

1,5

1

3

1,5

1

Nota: a unidade (1) equivale á presenza de 1 efectivo