Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 9 de decembro de 2020 Páx. 48307

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2020, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se acorda a incoación do procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Ramón Aniceto Martínez Vigo.

Ramón Aniceto Martínez Vigo, con DNI 33780020N, nado en Outeiro de Rei (Lugo) o 3 de outubro de 1930, faleceu o 18 de outubro de 2013, no lugar de Fraiz, parroquia de Taboi, municipio de Outeiro, datos que figuran comprobados, xunto co da súa veciñanza civil galega, no informe preliminar do 2 de novembro de 2020 do Servizo de Protección e Defensa Patrimonial da Subdirección Xeral do Patrimonio, emitido logo da realización das actuacións previas precisas que levan a considerar procedente a apertura de procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato do causante, pola presunta ausencia doutros herdeiros con dereito a suceder preferente ao da Administración autonómica, de conformidade co disposto na Lei 2/2006, de dereito civil de Galicia.

De acordo co referido informe preliminar, constan bens do causante nos municipios de Outeiro de Rei, Begonte, Cospeito e Castro de Rei.

Segundo o anterior, en exercicio das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio nos artigos 4 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, 4 e 7 do Decreto 30/2017, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, e de acordo co artigo 20 bis da Lei 33/2003, de patrimonio das administracións públicas,

ACORDO:

Primeiro. Incoar procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Ramón Aniceto Martínez Vigo.

Segundo. Publicar a presente resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, Área Temática de Patrimonio, Anuncios, que se pode consultar na seguinte ligazón:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

Unha copia desta resolución será remitida para a súa exposición pública, por prazo non inferior a un mes, no taboleiro de anuncios dos concellos de Outeiro de Rei, Lugo, Begonte, Cospeito e Castro de Rei, así como no de calquera outro en que durante a instrución do procedemento se detecten bens da persoa causante.

O prazo máximo ordinario para a resolución deste procedemento é dun ano contado desde a data de adopción deste acordo.

Con anterioridade á resolución do procedemento, calquera interesado poderá presentar alegacións ou achegar documentos ou outros elementos de xuízo que considere oportunos, que se dirixirán á Consellería de Facenda e Administración Pública, Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, Subdirección Xeral do Patrimonio, código expediente ABI/2015/0008, Edificio Administrativo San Caetano, bloque nº 3, 15781 Santiago de Compostela.

Contra esta resolución non se poderá interpoñer recurso, conforme o establecido no artigo 112 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as alegacións de oposición a este acto de trámite sexan consideradas na resolución que poña fin a este procedemento, contra a que se poderá presentar en tempo e forma o correspondente recurso.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

Mª Socorro Martín Hierro.
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda
e Administración Pública