Mediante a Orde do 12 de febreiro de 2020, a Consellería do Medio Rural regulou a tramitación de solicitudes de modificación do Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) da campaña 2020.
O artigo 22 da citada orde dispón que a resolución das solicitudes de modificación do Sixpac corresponde á persoa titular da Dirección do Fogga, que ditará a resolución correspondente que será notificada aos interesados. Conforme se indica no artigo 28 da mesma orde, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. De conformidade co establecido no artigo 45.1 da indicada lei, a notificación poderá realizarse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, cunha ligazón á páxina web do Fogga.
En relación coas alegacións ou solicitudes de modificación do Sixpac da campaña 2020, logo do informe da Subdirección Xeral de Xestión da PAC, esta dirección
RESOLVE:
Primeiro. Dar publicidade na web do Fogga ás listaxes das resolucións das solicitudes de modificación do Sixpac da Orde do 12 de febreiro de 2020 citada.
As persoas interesadas poden acceder á dita web na seguinte ligazón:
https://fogga.xunta.gal/gl/sixpac/resolucions-de-alegacions-sixpac
Segundo. Poñer á disposición das persoas interesadas as resolucións completas das solicitudes indicadas no punto primeiro mediante a aplicación para teléfonos móbiles Sga@pp dispoñible no Google Play ou na App Store, e no Portal de axudas da PAC a través da seguinte ligazón:
https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac
Neste portal, cada persoa interesada poderá acceder ao contido da súa resolución individualizada mediante certificado dixital ou DNI-e (DNI electrónico) ou emprego da Chave365. A información sobre a forma de alta da Chave365 atópase na ligazón que se indica a seguir:
https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365
Terceiro. Contra as citadas resolucións, que non poñen fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o presidente do Fogga no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación, consonte o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de interposición concluirá o mesmo día desta publicación no mes de vencemento, de conformidade no artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020
Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria