Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Xoves, 3 de decembro de 2020 Páx. 47757

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a instalación, reforma e adaptación das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración e a adquisición de elementos de envasado e empaquetado para o servizo de consumo no domicilio, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2021 (código de procedemento IG524E).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 12 de novembro de 2020 acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas para a instalación, reforma e adaptación das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración e a adquisición de elementos de envasado e empaquetado para o servizo de consumo no domicilio, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas para a instalación, reforma e adaptación das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración e a adquisición de elementos de envasado e empaquetado para o servizo de consumo no domicilio e convocar para o ano 2021 as ditas axudas, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG524E).

A presente convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %; computa como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e para implicarse en procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoio avanzados; incluír os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo e turístico, así como as peme (...).

Actuación: 3.4.1.6 - Axudas a pemes afectadas por crises sanitarias.

Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.

Liña de actuación 07: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial.

Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 28 de febreiro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Cuarto. O crédito dispoñible para concesións nesta convocatoria aboarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes:

Partida orzamentaria

Ano 2021

09.A1-741A-7701

2.900.000 €

09.A1-741A-4702

100.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo da declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous (2) meses desde a data de presentación de solicitude de axuda. Transcorrido este, a solicitude de concesión de axuda poderase entender desestimada por silencio administrativo.

Tanto o prazo para executar o proxecto coma o prazo para presentar a solicitude de cobramento e a xustificación de execución rematarán na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poidan exceder o 30 de outubro de 2021.

Sexto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas para a instalación, reforma e adaptación das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración e a adquisición de elementos de envasado e empaquetado para o servizo de consumo no domicilio, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

A situación de crise sanitaria ocasionada polo virus COVID-19 obrigou a adoptar unha serie de medidas en canto á mobilidade de persoas e ao exercicio de actividades sociais e económicas para conter o avance da epidemia, protexer as persoas do risco de contaxio e garantir na medida do posible a continuidade da actividade económica e, conseguintemente, a protección do emprego.

Na actualidade, as medidas sanitarias adoptadas para facer fronte á pandemia da COVID-19, tanto autonómicas como estatais, marcan dun xeito indubidable a actividade económica e social. Neste contexto, o sector hostaleiro, formado na súa maior parte por persoas autónomas e pequenas e medianas empresas, sufriu un forte impacto ao se lle aplicar unha serie de medidas necesarias para a prevención e contención da pandemia e que afectan de forma moi significativa a súa actividade.

Estas medidas de prevención adóptanse segundo a evolución epidemiolóxica, o que obriga a poñer en funcionamento medidas cun maior ou menor grao de restricións na hostalaría e restauración, limitando a capacidade dos seus establecementos e mesmo suspendendo ou permitindo só a súa actividade nas terrazas, en todo ou en parte da Comunidade Autónoma segundo os casos. En particular, o Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, establece restricións de acceso e de reunión de non conviventes nos concellos máis afectados pola pandemia, o cal ten un impacto directo nos locais de hostalaría.

Neste contexto de incerteza imponse unha nova realidade que é o incremento do uso das terrazas, polo que a Xunta de Galicia considera oportuno adoptar medidas dirixidas á instalación e reforma destes espazos, non só para crear espazos seguros senón tamén espazos atractivos, de calidade e confortables para o seu uso ao longo de todo o ano, integrados no contorno urbano e acordes e compatibles coas normas de prevención sanitaria, de tal forma que posibiliten na medida do posible a continuidade e o mantemento da actividade do sector hostaleiro. Todo iso con pleno respecto ás normas que en cada caso establezan os respectivos concellos, e a normativa en materia sanitaria, de espectáculos públicos e actividades recreativas, así como, de ser o caso, a normativa de protección do patrimonio.

Así mesmo, o servizo de entrega a domicilio ou de recollida no local para o consumo no domicilio configúrase como unha opción complementaria á actividade do sector da hostalaría e restauración que é cada vez mais demandada polo consumidor, polo que se require unha adaptación a esta nova realidade e se establecen axudas para a adquisición do material de envasado e empaquetado para un transporte en condicións de idoneidade e sustentabilidade.

Con carácter xeral, as presentes bases ampáranse no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Segundo o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exclúese o réxime de concorrencia competitiva no procedemento de concesión das axudas. As subvencións outorgaranse a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados, o que, de ser o caso, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover a adaptación xeneralizada das terrazas de hostalaría e restauración existentes en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que as actuacións subvencionables poidan ser atendidas en todo momento, ao se manter a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

As presentes bases reguladoras propoñen a excepción, segundo o establecido no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, do requisito das persoas beneficiarias desta subvención de estaren ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. A excepción sitúase no momento da solicitude, co obxectivo de flexibilizar ao máximo os compromisos e facilitar a reactivación da economía nestes sectores que estarán en dificultade de atender os pagamentos, pola repercusión da crise sanitaria na economía.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

Estas axudas teñen como obxecto subvencionar as seguintes actividades:

1. Instalación, reforma e adecuación das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración, sitas en espazos públicos ou privados, na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Adquisición de envasado e empaquetado para o servizo de consumo no domicilio.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. Estas axudas ampáranse no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

4. Esta convocatoria, para as actividades referidas no punto 1 do artigo 1, está cofinanciada no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, cunha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %. O cofinanciamento privado ten a consideración de importe elixible. En particular: obxectivo temático 03, prioridade de investimento 03.04, obxectivo específico 03.04.01, actuación 3.4.1.6, campo de intervención CE001 e liña de actuación 07, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular ás establecidas no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013).

5. Os indicadores do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

– Indicador de produtividade C001–Número de empresas que reciben axudas.

– Indicador de produtividade C002–Número de empresas que reciben subvencións.

– Indicador de resultado R341G–Empresas medianas (entre 50 e 249 traballadores asalariados).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas destinadas ás mesmas actuacións.

2. Antes de conceder e pagar a axuda, deberá constar no expediente unha declaración negativa sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídas as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.

2. Dada a natureza extraordinaria, tanto das actuacións subvencionables destas bases reguladoras, como da situación de estado de alarma e emerxencia sanitaria de que derivan e que provocou que a maior parte de persoas autónomas e empresas solicitasen o aprazamento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social ou á Administración da Comunidade Autónoma, ou mesmo non poidan afrontar transitoriamente a súa satisfacción puntual, de acordo co establecido no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exímense as persoas beneficiarias desta subvención do requisito de estaren ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou fronte á Administración pública da Comunidade Autónoma, no momento da concesión da axuda e do pagamento do anticipo concedido.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto de circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei e as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

4. Ademais, deberán cumprir as seguintes condicións:

Desenvolveren a súa actividade en Galicia, polo menos nun centro de traballo, dentro do sector da hostalaría e restauración, nomeadamente, restaurantes, cafetarías, bares e salóns de banquetes, cumprindo os requisitos establecidos legalmente para exercer a dita actividade.

Tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE nº 124, do 20 de maio, p. 36), empregaren menos de cincuenta (50) traballadores.

Estaren dadas de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo I.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables os gastos e investimentos, realizados entre o 1 de outubro de 2020 e a data límite de execución establecida na resolución de convocatoria das axudas, necesarios para desenvolver as actividades descritas no artigo 1, que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

2. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestacións de servizos ou adquisicións de bens, e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores independentes (do solicitante e entre si) con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

Tampouco será preceptiva a presentación das tres ofertas cando o gasto sexa realizado con anterioridade á presentación da solicitude da axuda.

As ofertas ou orzamentos de provedores deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario, a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non o IVE) e a descrición dos elementos ofertados (poderá incorporar anexos coa documentación comercial dos elementos ou as súas especificacións técnicas).

4. En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6. Condicións dos proxectos

1. Para os efectos establecidos nestas bases, terá a consideración de terraza a instalación ao aire libre formada por mesas, cadeiras e outros elementos, sitas nos espazos estremeiros ou non dun establecemento de hostalaría e restauración, en solo público ou privado, en que se desenvolva de forma complementaria a actividade propia do establecemento.

En todo caso, deberá ser un espazo non cuberto ou, no caso de estar cuberto, estar rodeado por un máximo de dous laterais.

2. En concreto, considéranse actuacións subvencionables:

a) A instalación de pechamentos estables ou instalación de elementos desmontables e móbiles que sirvan de illamento, acoutamento do perímetro ou protección, así como outros elementos móbiles que cumpran esta función nos laterais, cuberta e/ou chan, tales como toldos, biombos, cortaventos, parasoles e tarimas accesibles.

b) A adecuación estética e mellora da imaxe e funcionalidade da terraza con criterios de homoxeneización estética e integración no seu contorno, mediante a renovación do mobiliario (mesas, cadeiras e xardineiras), instalación de sistemas de iluminación e de aparellos calefactores exteriores, así como actuacións de mellora da fachada exterior do local. Para seren subvencionables, os aparellos calefactores deberán ser eléctricos ou baseados noutras opcións que non impliquen combustibles fósiles e permitan dar o servizo con enerxía de fontes renovables.

En todo caso, as actuacións previstas nas letras a) e b) deberán respectar as particularidades e/ou limitacións que se determinen na correspondente ordenanza municipal que lle sexa de aplicación e comprenderán tanto a realización das obras como a adquisición dos equipamentos subvencionables.

Recoméndase que os materiais e os acabamentos de remate dos elementos utilizados respondan a un criterio de harmonización coa edificación e co espazo público en que se sitúen. Como criterio xeral, procurarase a harmonía de cor entre os ditos elementos e as fachadas e carpintarías da edificación xunto á que se localizan. Así mesmo, evitaranse materiais que produzan brillos molestos, ou aqueles acabamentos de cor rechamante e moi contrastada susceptibles de produciren un impacto visual negativo. Como referencia desta recomendación empregaranse as pautas e criterios xerais e as específicas para cada grande área paisaxística que recolle a Guía de cor e materiais de Galicia.

c) A adquisición de elementos sustentables de envasado e empaquetado de comida e bebidas para o servizo de entrega a domicilio ou de recollida no propio establecemento.

Todos os elementos do packaging deberán ser 100 % biodegradables. No caso de ser de plástico, deberán ser compostable, que cumpran os requisitos da norma europea vixente EN 13432:2000 «Envases e embalaxes. Requisitos dos envases e embalaxes valorizables mediante compostaxe e biodegradación. Programa de ensaio e criterios de avaliación para a aceptación final do envase ou embalaxe» e nas súas sucesivas actualizacións, así como as bolsas de plástico que cumpran os estándares europeos ou nacionais de biodegradación a través de compostaxe doméstica.

Na documentación desta actuación deberá figurar a composición da solución para a cal se solicita a axuda, onde quede debidamente acreditado o seu carácter biodegradable.

3. Non se consideran subvencionables:

As actuacións en terrazas situadas no interior de centros comerciais e nos interiores dos establecementos, así como outras actuacións levadas a cabo no interior do establecemento.

A adquisición de ordenadores, dispositivos móbiles, televisores, reprodutores de son e imaxe e TPV.

Os permisos, licenzas ou cotas de colexios oficiais ou calquera outro tributo ou imposto.

A instalación de sistemas de alarma, seguridade ou similares.

Os elementos téxtiles, tales como, mantas, coxíns, manteis etc...

A publicidade, agás a rotulación do nome do establecemento nos elementos fixos ou móbiles da terraza.

Artigo 7. Contía da axuda

A contía da axuda será do 80 % dos conceptos subvencionables, cun investimento subvencionable mínimo por solicitude de 1.500 €.

Para as actuacións previstas no artigo 6.2.a) o investimento máximo subvencionable será de 14.000 €.

Para as actuacións previstas no artigo 6.2.b) o investimento máximo subvencionable será de 7.000 €.

Para as actuacións previstas no artigo 6.2.c) o investimento máximo subvencionable será de 4.000 €.

A natureza desta subvención xustifica realizar pagamentos anticipados que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a ela de ata un 50 % da subvención concedida.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No dito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

d) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

e) Que emprega menos de cincuenta (50) traballadores.

f) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

g) Que manterá os activos fixos subvencionados durante o período de mantemento dos investimentos, segundo o establecido no artigo 17 das bases reguladoras.

h) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e do aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación.

i) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

j) Declaración da súa dimensión de microempresa, pequena ou mediana empresa.

k) Declaración doutras axudas en réxime de minimis.

l) Declaración de non ter presentada ningunha outra solicitude de axuda para as mesmas actuacións.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. O formulario de solicitude incluirá unha opción para que os solicitantes poidan pedir un anticipo do 50 % da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente. A solicitude de anticipo será obxecto de motivación na resolución de concesión da axuda. Exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.

4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Entidades non inscritas no rexistro mercantil: escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa.

b) Agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: documento onde consten expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. No documento constará unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

c) Memoria detallada das actuacións para as cales se solicita subvención, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude. Para as actuacións previstas no artigo 6.2 nas letras a) e b), a memoria incluirá unha descrición pormenorizada de cada un dos elementos que se pretenden instalar, a superficie de metros cadrados que se ocupará e a súa distribución no correspondente plano.

d) Solicitude de licenza ou autorización municipal para a instalación, renovación ou acondicionamento da terraza, no caso de solicitar as actuacións previstas no artigo 6.2 nas letras a) e b).

e) De estar obrigado, as tres ofertas a que se refire o artigo 5.3.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

j) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

l) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 9.1 das bases.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://tramita.igape.es.

Artigo 12. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento na vía administrativa correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. A solicitude de axuda será revisada polos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste na súa petición e arquivarase o expediente, logo da correspondente resolución.

3. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, antes de emitir informe favorable á concesión.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, en que se indicarán as causas desta.

5. Prescindirase do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 14. Resolución

1. A Área de Competitividade do Igape ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que correspondan á entidade beneficiaria, data límite para a xustificación da execución, aprobación ou denegación do anticipo solicitado, requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, plan financeiro e calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

No caso de que se comprobe que o beneficiario non está ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou que ten pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, a resolución concederá un período de 30 días naturais para regularizar a súa situación tributaria ou fronte á Seguridade Social ou fronte á Administración pública da Comunidade Autónoma, e deberá presentar os correspondentes xustificantes no caso de que non autorizase a súa consulta. Esta condición non impedirá que a empresa adquira a condición de beneficiario e perciba o pagamento do anticipo concedido, en consonancia coa excepción establecida do artigo 4.2 destas bases.

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios Europeos do Ministerio de Facenda, co contido previsto no punto 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009. Admitiranse modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases relativas aos conceptos subvencionables e á data de xustificación do proxecto, sempre e cando estes cambios non alteren ou desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que supoñan unha maior subvención para o proxecto.

2. A solicitude de modificación deberase presentar con anterioridade á finalización do prazo de xustificación do proxecto establecido na resolución de concesión.

3. O beneficiario deberá comunicar ao Igape a modificación das condicións establecidas na resolución. Para solicitar a modificación deberá cubrir previamente o formulario electrónico sinalado no artigo 8 das bases e presentar a instancia de modificación xerada pola aplicación dirixida á persoa titular da Dirección Xeral do Igape. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Manter os investimentos, vinculados á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia, durante tres anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído dentro deste período, no caso de obsolescencia ou avaría, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante o período mencionado; esta substitución non poderá ser obxecto de subvención.

b) Xustificar a execución do proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión.

c) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realice o organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos custos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará os beneficiarios da data a partir da cal se iniciará o cómputo do prazo.

e) Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

f) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

g) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.

h) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluída unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo III), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de dez (10) días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro, incluído, de ser o caso, o anticipo recibido, e as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu Regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da dita Lei 9/2007.

5. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

6. O sistema de xustificación será a conta xustificativa simplificada prevista no artigo 51 do Decreto 11/2009, a cal formará parte do formulario de liquidación, e deberanse incluír nel os datos exixidos no dito artigo, segundo o detalle que se describe a seguir:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia. A memoria incluirá, de ser o caso, fotografías das zonas reformadas que amosen as obras realizadas obxecto da subvención, así como de todos elementos e demais actuacións de mellora de imaxe, e do material de envasado e empaquetado obxecto da subvención.

b) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, do seu importe, da data de emisión e da data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue de acordo cun orzamento estimado, indicaranse as desviacións producidas.

Aplicado a esta subvención, consiste nunha lista de facturas, en que se deberá indicar:

A actuación, das descritas no artigo 1.2 e recollidas na correspondente resolución de concesión, a que corresponde.

Data e número da factura.

Importe, IVE excluído.

Provedor: nome ou razón social e CIF ou NIF.

Descrición dos bens ou servizos proporcionados.

Forma de pagamento.

Data de pagamento.

A lista totalizarase para cada unha das actuacións descritas no artigo 1.2 e recollidas na correspondente resolución de concesión e incluirá unha comparación deste total coa cantidade recollida, polo mesmo concepto, na resolución de concesión.

c) Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

Aplicado a esta subvención, consiste en: declaración responsable de non ter solicitado ningunha outra axuda para as actuacións recollidas na solicitude de axuda. O feito de que non conste esta declaración responsable será motivo de incumprimento.

d) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

En condicións normais, este punto do artigo 51 do Decreto 11/2009 non é aplicable a estas subvencións.

O Igape poderá requirirlles aos beneficiarios a remisión dos xustificantes das finalidades dos proxectos seleccionados con base en técnicas de mostraxe; para estes efectos, o Igape comprobará un mínimo do 10 % dos expedientes.

Cando das comprobacións realizadas non se acade a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, o Igape requiriralles aos beneficiarios a totalidade dos documentos xustificativos sinalados no número 5 deste artigo.

7. Cando o Igape requira dos beneficiarios evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, esta poderá constar da seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa da execución do proxecto: documentos acreditativos dos investimentos, consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. Deberán conter información suficientemente detallada, que permita relacionar as facturas cos conceptos de gastos subvencionables especificados na resolución de concesión. Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegarse unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento se realizou efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados: a) o receptor do pagamento, que debe coincidir co emisor da factura; b) o emisor do pagamento, que debe coincidir co solicitante da axuda e c) o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

Ou

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

O beneficiario tamén deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario electrónico de xustificación os seguintes datos relativos á contabilidade, en que se reflictan os custos subvencionados, para acreditar a obriga establecida no artigo 17.g): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 9 para a presentación da documentación complementaria á solicitude.

O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. O Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo ca copia electrónica presentada.

8. No momento da xustificación, os beneficiarios deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña expresamente a que o Igape solicite as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a consta xustificativa simplificada e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

10. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de investimento aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total do investimento aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e as condicións que se tivesen en conta para resolver a concesión.

11. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 16 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que lle poidan corresponder conforme a Lei 9/2007.

Artigo 19. Aboamento das axudas

O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión. Da cantidade que corresponda aboar detraerase, se é o caso, o importe do anticipo pagado con anterioridade.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 20. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, a realización das actividades previstas e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar, no momento da xustificación da axuda, estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Cando, como consecuencia do incumprimento, o investimento subvencionable quede por debaixo do mínimo establecido nestas bases reguladoras para o acceso ás axudas ou supere os criterios para a determinación de incumprimento parcial establecidos no número 4 deste artigo.

g) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

h) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

i) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

5. No período de mantemento dos investimentos, nos casos en que se aplique o artigo 17.a), procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a seguir:

a) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

Artigo 21. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 22. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 17, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer tales feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017.

Artigo 23. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte ao do ano de presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación; o órgano concedente informará da data de inicio a que se refire esta obriga, de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº1303/2013.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) Regulamento (UE) nº 2020/460 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013 e (UE) nº 508/2014, no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao abrocho de COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

e) Regulamento (UE) nº 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1301/2013 e (UE) nº 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao abrocho de COVID-19.

f) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

g) Orde HFP/1979/2016, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

h) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

i) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

j) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica).

k) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

l) Resto da normativa que resulte de aplicación.

ANEXO I

Epígrafes do IAE subvencionables.

Agrupación 67. Servizo de alimentación.

– GRUPO 671. SERVIZOS EN RESTAURANTES.

Epígrafe 671.1. De cinco garfos.

Epígrafe 671.2. De catro garfos.

Epígrafe 671.3. De tres garfos.

Epígrafe 671.4. De dous garfos.

Epígrafe 671.5. Dun garfo.

– GRUPO 672. EN CAFETARÍAS.

Epígrafe 672.1. De tres cuncas.

Epígrafe 672.2. De dúas cuncas.

Epígrafe 672.3. Dunha cunca.

– GRUPO 673. DE CAFÉS E BARES, CON E SEN COMIDA.

Epígrafe 673.1. De categoría especial.

Epígrafe 673.2. Outros cafés e bares.

– GRUPO 675. SERVIZOS EN QUIOSCOS, CAIXÓNS, BARRACAS OU OUTROS LOCAIS ANÁLOGOS, SITUADOS EN MERCADOS OU PRAZAS DE ABASTOS, AO AIRE LIBRE NA VÍA PÚBLICA OU XARDÍNS.

– GRUPO 676. SERVIZOS EN CHOCOLATARÍAS, XEADARÍAS E HORCHATARÍAS.

Epígrafe 677.9. Outros servizos de alimentación propios da restauración.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file