Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Xoves, 3 de decembro de 2020 Páx. 47835

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Pontevedra

EDICTO de notificación de sentenza (514/2013).

Neste órgano xudicial tramítase procedemento de familia garda, custodia e alimentos de fillo menor non matrimonial C 514/2013, seguido por instancia de Lorena Carballa Barroso, contra Jacobo Sardá García, sobre familia, garda, custodia, alimentos de fillo menor non matrimonial F02 514/2013, en que se ditou sentenza, con data do 22.11.2013, en que consta o seguinte encabezamento e parte dispositiva.

Sentenza:

Pontevedra, 22 de novembro de 2013

Vistos por min, Tomás Farto Piay, maxistrado-xuíz substituto do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Pontevedra, os precedentes autos de xuízo de garda, custodia e alimentos, seguidos ante este xulgado co número 514/2013, en que é parte demandante, Lorena Carballa Barroso, representada pola procuradora Sra. Gerpe Álvarez e asistida da letrada María Elena Lino García, e como parte demandada, Jacobo Sardá García, declarado en rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal.

Resolvo:

Que debo estimar e estimo a demanda interposta pola procuradora Sra. Gerpe Álvarez, en nome e representación de Lorena Carballa Barroso, contra Jacobo Sardá García, en rebeldía procesual e con intervención do Ministerio Fiscal, debo acordar e acordo a adopción das seguintes medidas:

1. O fillo menor, Manuel, continuará baixo a garda e custodia da nai, Lorena Carballa Barroso, sen prexuízo da patria potestade compartida por ambos os dous proxenitores e do deber da nai de manter informado o proxenitor non custodio de cantas cuestións afecten de xeito transcendente o menor.

2. Establécese a favor do proxenitor non custodio o réxime de visitas e estancias seguinte:

Corresponderanlle ao pai as fins de semana alternas, desde o venres ás 20.30 horas da tarde ata o domingo ás 20.30 horas. O proxenitor deberá recollelo e retornalo no domicilio do menor. A fin de semana considerarase ampliada, de ser o caso, aos festivos contiguos, venres e/ou luns.

A metade das vacacións de Nadal, de forma alterna, sendo os períodos desde as 20.30 horas do día 23 de decembro ás 20.30 horas do día 30 de decembro o primeiro período, e desde esta data e hora ata as 20.30 horas do día 6 de xaneiro o segundo; os proxenitores elixirán sucesivamente, a nai os anos pares e o pai os impares, e deberán comunicar a elección antes do 15 de novembro ao outro proxenitor.

En canto ás vacacións de verán, en períodos quincenais, quince días en xullo e quince en agosto, desde as 11.00 horas do día 1 ata as 20.30 horas do día 15, e así nos seguintes períodos. A elección das ditas quincenas corresponderán á nai os anos pares e os impares ao pai, quen notificará ao outro proxenitor o mes concreto elixido antes do día 15 de maio.

As vacacións de Semana Santa, a metade das vacacións de forma alterna, elixindo os proxenitores sucesivamente, a nai os anos pares e o pai os impares e así sucesivamente; os períodos serán desde a saída do colexio do último día lectivo ata as 20.30 horas do mércores santo o primeiro, e desde esta data e hora ata as 20.30 horas do domingo, o segundo.

Todas as entregas e recollidas do menor efectuaranse no domicilio en que este reside coa nai, agás cando se indique expresamente outra cousa. Os períodos de vacacións interromperán o réxime de estancias de fins de semana alternos, e o dito réxime reiniciarase ao termo de cada período vacacional co proxenitor que non tivese na súa compañía o menor nese último período de vacacións.

Ambos os dous proxenitores quedan obrigados a comunicarse mutuamente calquera enfermidade que teña o menor, así como calquera problema, feito relevante ou actividade escolar, cultural ou lúdica que afecte ou en que interveña o fillo, para poderen participar nela.

Establécese o dereito de comunicación diaria non persoal entre o fillo e o proxenitor que non o teña na súa compañía, mediante telefonía ou por calquera outro medio, tal como o correo electrónico, videoconferencia, etc., dentro dun espazo temporal que non altere a súa vida diaria, de estudo e horas de sono do menor.

3. Atribúese á nai e ao fillo en cuxa compañía queda o uso da vivenda familiar e o enxoval nela existente.

4. Procede establecer unha pensión por alimentos a favor do fillo da parella e con cargo ao pai de 150 euros ao mes, que deberá satisfacer dentro dos cinco primeiros días de cada mes, mediante ingreso na conta corrente designada pola nai. Esta cantidade adaptarase anualmente conforme as variacións que experimente o índice de prezos de consumo que publica periodicamente o Instituto Nacional de Estatística ou organismo que o substitúa, tomando como base para a actualización o IPC anual do mes de xaneiro de cada ano, sen que sexa necesario o requirimento ou notificación previos.

Os gastos extraordinarios do menor serán satisfeitos ao 50 % entre ambos os dous proxenitores; en todo caso, terán tal consideración aqueles gastos médico-cirúrxicos e farmacéuticos que non estean cubertos pola Seguridade Social ou outro seguro médico concertado e os de libros e material escolar e actividades extraescolares do menor. Deberá existir acordo previo entre os proxenitores para realizar o gasto, salvo razóns de urxencia ou, noutro caso, autorización xudicial.

Dada a natureza do presente procedemento, non procede realizar pronunciamento en canto ás custas procesuais.

Notifíquese esta resolución en forma legal ás partes, que son advertidas de que contra ela cabe recurso de apelación para ante a Audiencia Provincial de Pontevedra no prazo de vinte días contados desde a súa notificación, que se tramitará polas regras establecidas na Lei de axuizamento civil.

Así, por esta miña sentenza, definitivamente xulgando nesta instancia, de conformidade coa autoridade que me confire a Constitución de 1978 e a Lei orgánica do poder xudicial, pronúncioo, mándoo e asínoo.

E para que sirva de notificación de sentenza en legal forma a Jacobo Sardá García, en ignorado paradoiro, expido o presente edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Pontevedra, 19 de agosto de 2020

O/a letrado/a da Administración de xustiza