Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Martes, 1 de decembro de 2020 Páx. 47519

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 7 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Explotaciones Guntimil, S.L. para unha explotación avícola de engorde de polos situada no lugar de Guntimil, no Concello de Xinzo de Limia (Ourense) (expediente 2019-IPPC-M-94).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

Revisión da autorización ambiental integrada.

Explotación avícola de produción, no lugar de Guntimil, concello de Xinzo de Limia (Ourense).

Para que calquera persoa interesada poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

Os documentos estarán á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela).

Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

As alegacións, suxestións ou observacións dirixiranse ao Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental,
Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2019-IPPC-M-94.

Núm. da autorización ambiental integrada: 2013-IPPC-67-268.

Categoría principal da actividade: anexo I, categoría 9.3.a) do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

Titular: Explotaciones Guntimil, S.L.

NIF: B32382533.

Localización da instalación: lugar Guntimil, s/n, 32635 Xinzo de Limia (Ourense). Referencia catastral da parcela: 32033A504012090000BH.

Actividade principal: explotación avícola de engorde de polos.

Descrición: a explotación está formada por 3 naves con capacidade para 98.832 prazas para polos broiler.

Os ciclos de produción comezan en cada nave coa entrada de poliños dun día de idade procedentes de salas de incubación e terminan uns sesenta (60) días despois cando os polos acadan un peso medio de 2,5 kg e son trasladados ao matadoiro. Ao final de cada ciclo, procédese á limpeza e desinfección das instalacións tras o cal a explotación permanece pechada durante quince (15) días ata que se introduza un novo lote de aves.

A totalidade do esterco producido na explotación é valorizado en parcelas agrícolas. A explotación conta cunha esterqueira impermeable de formigón armado e cuberta por medio dunha chapa grecada de aceiro galvanizado lacado sobre estrutura de aceiro laminado.

Verteduras: as augas de limpeza das naves non son recollidas, senón que se deixan evaporar sobre a soleira das naves. As augas residuais xeradas nos aseos e vestiarios das naves 1 e 2 son conducidas a unha fosa séptica, con arqueta de entrada, arqueta de saída e pozo filtrante. As augas residuais xeradas no aseo da nave 3 serán recollidas e almacenadas nun depósito estanco e enviadas a xestor autorizado.