Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 27 de novembro de 2020 Páx. 47029

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 21 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a revisión da autorización ambiental integrada para a planta de tratamento e valorización de residuos de PMA Nutrigrás, S.A., no concello de Mos, provincia de Pontevedra (expediente 2019-IPPC-M-202).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro de 2013), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– «Informe técnico. Avaliación da adaptación das instalacións de PMA Nutrigrás (AAI nº 2014-IPPC-I-79-292) á Decisión de execución (UE) 2018//1147».

Para que calquera interesado poida consultalos e, se for o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda:

http://cmatv.xunta.gal/→medioambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade
e Cambio Climático

ANEXO I

Memoria resumo

Clave do expediente: 2019-IPPC-M-202.

Peticionario: PMA Nutrigrás, S.A.

CIF: A36643955.

Domicilio social: rúa García Barbón, nº 2, 6º, 36201 Vigo, Pontevedra.

Localización da instalación: avenida de Peinador, 41, 36416 Mos, Pontevedra.

Actividade: xestor de almacenamento e valorización de residuos.

Descrición: na instalación realízase o almacenamento de residuos perigosos logo de envío a xestor autorizado, de sólidos e/ou líquidos envasados e líquidos a granel, que se almacenan en pallets ou depósitos no interior da nave. Realízase o almacenamento de residuos non perigosos logo de envío a xestor autorizado, de urbanos e industriais, que se almacenan no interior da nave ou en colectores adecuados na explanada exterior. Realízase a valorización de envases que contiveron substancias perigosas mediante o seu triturado e posterior lavado antes de enviar a xestor autorizado. Realízase a valorización de aceites vexetais mediante triturado, filtración, decantación e centrifugación para obter aceite purificado. Realízase o lavado e vaporizado de cisternas, depósitos e accesorios. Realízase a limpeza de filtros de cociña e separadores de graxas, mediante o emprego dunha máquina de ultrasóns que libera a graxa, e sécanse os filtros posteriormente. Pode realizarse, de ser o caso, o almacenamento de graxas animais en depósitos.

As augas residuais do proceso de limpeza de filtros de cociña envíanse a xestor autorizado. As augas residuais das zonas de carga e descarga e da zona de almacenamento de envases van a un separador de hidrocarburos previo á súa vertedura á rede de saneamento do Consorcio de Augas do Louro. As augas residuais de proceso: augas do lavado, augas do proceso de valorización de aceites vexetais e augas da valorización de envases van ao sistema de tratamento de augas residuais da industria previo á súa vertedura á rede de saneamento do Consorcio de Augas do Louro. As augas pluviais verten, sen tratamento previo, ao terreo. As augas fecais verten, sen tratamento previo, á rede de saneamento do Consorcio de Augas do Louro.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo o recollido na Decisión de execución 2018/1147 da Comisión do 10 de agosto de 2018 pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no tratamento de residuos, conforme a Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello.