Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Xoves, 26 de novembro de 2020 Páx. 46717

V. Administración de xustiza

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Social)

EDICTO (RSU 4711/2019 CRS).

Eu, M. Asunción Barrio Calle, letrada da Administración de xustiza da Sección número 1 da Sala Segunda do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fago saber que no procedemento de recurso de suplicación 4711/2019 desta sección, seguido por instancia de Roberto Rial Guisande contra Reale Seguros Generales, S.A.; Granitos y Canteras Miñor, S.A.; Prefabricados Luis Barros, S.L.; Mapfre España, S.A.; AXA Seguros Generales, S.A.; Arquiedra, S.A.; Granitos Mopelo, S.L. e Artesanía Sestelo, S.L., sobre outros dereitos de seguridade social, se ditou a seguinte resolución:

A Sala resolve complementar a sentenza ditada por esta sala do trece de xullo do ano dous mil vinte (rec. núm. 4711/2019), no sentido de engadir o seguinte fundamento xurídico:

«Quinto. A parte demandante, ao abeiro do artigo 193.c) da LXS, denuncia a infracción do artigo 3 e concordantes da Lei 50/1980, do 8 de outubro, de contrato de seguro, considerando, en esencia, que non cabe acoller a excepción de falta de lexitimación pasiva das aseguradoras.

O motivo non prospera. En primeiro lugar, pola defectuosa técnica procesual con que foi redactado, o cal fai parcialmente inviable o seu acollemento dada a súa defectuosa formulación (o artigo 196.2 da LXS dispón que no escrito do recurso se expresará con suficiente claridade o motivo ou motivos en que se ampare, citando as normas do ordenamento que se consideren infrinxidas e, en todo caso, razoarase a pertinencia e fundamentación dos motivos), pola seguinte razón: a parte recorrente efectúa a súa denuncia citando de xeito xenérico un complexo, homoxéneo e descoñecido bloque normativo, isto é: artigo 3 e concordantes da Lei 50/1980, tal e como sucedeu no caso que ocupou unha sentenza do Tribunal Supremo do 24 de febreiro de 2005 (rec. núm. 46/2004), na cal a parte recorrente alegaba, entre outras cousas, que “o resolto pola sentenza de instancia vulnera o artigo 3 do Código civil” do cal “por certo non se cita o punto concreto, co cal non se pode saber se a denuncia de infracción se refire á interpretación das normas ou á ponderación da equidade, ou a ambas as dúas cousas á vez”, o que veu supor que “esta omisión impide ao Tribunal, dada a excepcional natureza do recurso, actuar sobre a suposición de cal pode ser o parágrafo conculcado, e substituír deste xeito a actividade procesual da parte recorrente”.

En efecto, a formulación do recurso obríganos a lembrar (entre outras, a sentenza desta sala do 26 de marzo de 2004 [rec. núm. 3166/2001]) que o recurso de suplicación non ten a natureza da apelación nin dunha segunda instancia, senón que resulta ser de natureza extraordinaria, case casacional. E iso tradúcese, entre outras consecuencias, en que legalmente se impoña (artigo 196 da LXS) a necesidade de denunciar e razoar adecuadamente a infracción dunha específica disposición legal, por canto que a parte dispositiva da sentenza contra a cal se recorre –obxecto final exclusivo do recurso de suplicación– unicamente é rectificable en virtude dunha apreciada infracción normativa que previamente se tivese sinalado e argumentado, sendo constante a doutrina xurisprudencial que afirma que a falta dunha correcta denuncia de vulneración de disposicións legais ou xurisprudencia determina que o recurso deveña estéril e deba ser rexeitado.

É máis, mesmo temos sinalado na interpretación daquel precepto que non abonda que o recurso cite a disposición legal conculcada se contén diversos artigos, senón que é preciso que se sinale o específico precepto que se entende conculcado e, se o precepto contén varios puntos, resulta igualmente indispensable sinalar expresamente cal deles se reputa infrinxido; doutrina que obedece á razoable consideración de que a Sala non pode indagar de oficio cal sexa a norma substantiva vulnerada, porque con iso se descoñecerían os principios de igualdade de partes, rogación e imparcialidade que deben presidir as actuacións dos tribunais de xustiza, e porque a tutela xudicial efectiva (artigo 24.1 da CE) non ampara a inacción da parte nin pode conducir a que a actividade procesual que a aquela lle corresponde sexa suplida polo órgano xudicial, abocado á neutralidade e a velar polo equilibrio procesual e tutela xudicial nos termos exixidos polo artigo 75.1 da LXS. Só se admitirá a iniciativa da sala cando a cita de preceptos sexa un claro erro material ou cando o defecto de cita específica non represente obstáculo ningún para sobreentender –por obvio– o precepto que se considera conculcado, e cuxa falta de referencia obedece a unha simple omisión, sen que o formalismo exixible poida chegar ao extremo de obstaculizar o éxito do recurso. E aplicada tal doutrina ao caso dos autos, é claro que debemos rexeitar a vulneración alegada dos artigos concordantes da Lei 50/1980.

E é que, en efecto, a parte recorrente limítase a denunciar a infracción de tales preceptos, sen máis concrecións, isto é, con cita xenérica dunha norma e dun número indeterminado de preceptos desta, deste modo, queda a Sala impedida para entrar na análise das hipotéticas infraccións normativas ou xurisprudenciais da sentenza de instancia, pois iso equivalería a atribuírlle a esta a construción ex officio do recurso, cando tal actividade corresponde á parte. É máis, neste caso encontrámonos, como xa se indicou, coa cita dunha norma da que non se especifica a cales dos seus artigos, ademais do seu artigo 3 refírese o motivo, polo que a súa cita xenérica impediría entrar a examinar un motivo así articulado, sen que as exixencias do artigo 196.2 da LXS se satisfagan (sequera minimamente) con tal remisión, cómpre que se cite qué punto concreto e parágrafo específico resultou infrinxido, xa que, no caso contrario, o que se está a pretender é que sexa a Sala a que, pola súa propia decisión, determine o precepto concreto a que se refire o motivo e as razóns da súa infracción, é dicir, que proceda á construción do recurso, coa quebra así dos principios de igualdade e proscrición de indefensión.

En segundo lugar, e polo que se refire á denuncia do artigo 3 da Lei 50/1980, este precepto citado como infrinxido resulta inadecuado para os efectos pretendidos no recurso, xa que a xulgadora de instancia resolve a cuestión afirmando que debe aceptarse a excepción de falta de lexitimación pasiva oposta. É dicir, que a cuestión resolta resulta ser procesual ao aceptar a sentenza de instancia a excepción procesual de falta de lexitimación. O artigo 3 denunciado, non obstante, ademais de resultar dereito material, non se refire a tal excepción, regulando temas como a documentación e subscrición das condicións xerais das pólizas, a súa relación cos particulares, o propósito de beneficiar o asegurado coa interpretación destas, a nulidade das cláusulas lesivas e a cuestión relativa ás cláusulas limitativas de dereitos do asegurado. Neste sentido, o recurso de suplicación é un recurso extraordinario que, se amparado na letra c) do artigo 193 da LXS, debe estar fundado en infracción de norma substantiva ou xurisprudencia, o que exixe non só determinar de forma clara o precepto que se cre infrinxido senón que é preciso tamén establecer, coa necesaria claridade no desenvolvemento do correspondente motivo, os fundamentos que mostren a existencia da infracción que se denuncia (artigo 196.2 da LXS); así, no marco dun recurso deste carácter, a Sala está vinculada polos motivos legais do recurso, de forma que, a diferenza do que acontece na instancia onde rexe o principio iura novit curia, non é posible aceptar o recurso por infraccións distintas das invocadas naquel. No presente caso, isto significa que a Sala só pode examinar e decidir o recurso en atención aos preceptos que denuncia a parte recorrente e de acordo cos fundamentos que, para pór de manifesto esa denuncia, se expoñen no escrito de interposición.

Nesta ocasión, a cuestión de fondo que formula este motivo de recurso refírese á excepción procesual considerada pola xulgadora de instancia, pero articúlase ao abeiro do artigo 3 da Lei 50/1980, o que obriga a este tribunal a limitar o seu coñecemento ao exame das infraccións denunciadas polo recurso e a non se formular outras. Non obstante, a sentenza acolle as excepcións procesuais formuladas polas aseguradoras e, para resolver o preito, habería que interpretar e aplicar os preceptos adxectivos que correspondan relativos á excepción procesual de falta de lexitimación pasiva, pero non os relativos ás condicións xerais e particulares das pólizas de seguro, sen que ademais ningunha das sentenzas do Tribunal Supremo que cita (todas da Sala do Civil) resulte igualmente adecuada. Por tales razóns, esta sala non pode entrar a coñecer da suposta infracción da norma invocada, porque llo impide o carácter extraordinario deste recurso, limitado á análise das infraccións que aleguen as partes, sen que este tribunal poida formularse de oficio outras cuestións porque, ao construír de oficio o recurso, violaría o principio de igualdade de partes. No recurso de suplicación exíxese non só determinar de forma clara o precepto que se considera infrinxido, senón que é preciso tamén establecer, coa necesaria claridade no desenvolvemento do correspondente motivo, os fundamentos que mostren a existencia da infracción que se denuncia, o que non sucede neste caso».

Notifíqueselles ás partes advertíndoas de que contra esta resolución non cabe recurso ningún. Non obstante, o dito no parágrafo anterior, en canto a que se debe entender que este auto se integra na resolución que aclara, corrixe, emenda ou complementa, o prazo para interpor o recurso que couber contra a devandita resolución continúa a partir do momento en que as partes sexan notificadas deste auto. Se algunha das partes interesadas nestas actuacións tiver xa presentado, preparado ou anunciado o pertinente recurso contra a resolución aclarada, corrixida, emendada ou complementada, a súa actuación repútase válida para todos os efectos, sen prexuízo dos cales, en vista deste auto, poida completala no prazo que con el se abre.

Así, por este noso auto, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.

E para que sirva de notificación en forma legal a Arquiedra, S.A., en paradoiro ignorado, expido o presente edicto para a súa inserción no DOG.

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 5 de novembro de 2020

A letrada da Administración de xustiza