Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Xoves, 26 de novembro de 2020 Páx. 46770

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de declaración, en concreto, de utilidade pública e necesidade de urxente ocupación dunha instalación eléctrica no concello de Vilagarcía de Arousa (expediente IN407A 2017/347-4).

Feitos:

Primeiro. Con data do 1 de marzo de 2019 Francisco Javier Díaz Ramos, en representación da empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., presenta ante esta xefatura territorial solicitude de declaración de utilidade pública do centro de transformación Brandariz, situado na rúa Castelao, nº 18, Vilagarcía de Arousa (expediente IN407A 2017/347-4) acompañada da relación de bens e dereitos afectados, e indica que a instalación conta con autorización administrativa de construción por Resolución do 1 de agosto de 2017 desta xefatura territorial.

Segundo. A solicitude de declaración de utilidade pública someteuse ao trámite de información pública mediante resolución do 5 de abril de 2019 publicada nos seguintes medios: DOG do 10 de maio de 2019; BOPPO do 3 de maio; xornal Faro de Vigo do 3 de maio e taboleiro de anuncios do Concello de Vilagarcía de Arousa desde o 4 de maio de 2019 ao 4 de xuño de 2019, conforme certificado expedido polo propio Concello.

Terceiro. Mediante escrito do 5 de abril de 2019, esta xefatura territorial notificou a solicitude da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica referida á Comunidade de Propietarios da r/ Castelo nº 18 e r/ Arzobispo Lago nº 17 en Vilagarcía de Arousa, que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos remitida pola empresa promotora.

Cuarto. Con data do 24 de maio de 2019 Julio de Miguel Castro, en condición de presidente de CCPP r/ Arzobispo Lago nº 17 e r/ Castelao nº 18 de Vilagarcía de Arousa, presenta escrito de alegacións ante esta xefatura territorial en relación coa solicitude de declaración de utilidade pública da instalación indicada nos antecedentes, e alega que:

1ª. A actuación administrativa non debe consolidar unha instalación en precario contraria a dereito, indicando os motivos que considera ao respecto.

2ª. A servidume de paso de tubos proposta é contra legem. Conforme o artigo 161 Real decreto 1955/2000 e os artigos 57, 58 e 60 da Lei do sector eléctrico (Lei 24/2013, do 26 de decembro) non cabe impoñer razóns de utilidade pública para gravame como o proxecto que se crea ex novo para unha instalación ata agora non autorizada (a única autorizada non excede de 250 kVA), limitando a funcionalidade como vía de evacuación dun corredor que xa existe ao tempo de iniciarse o expediente de solicitude de declaración de utilidade pública.

3ª. Insuficiencia do proxecto técnico proposto. O proxecto técnico a que remite a Resolución do 5 de abril 2019 da Xefatura Territorial de Pontevedra (...) é tecnicamente insuficiente e rexeitable.

Quinto. Con data do 4 de xuño de 2019 Francisco Javier Ramos Díaz, en representación da empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., presenta contestación ás alegacións indicando que:

1ª. UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a esta administración, de conformidade coa lexislación vixente, declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación contida no proxecto denominado Melloras no CT Brandariz, no termo municipal de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

O proxecto técnico elaborado por UFD Distribución Electricidad, S.A., obxecto de tramitación nesta delegación, cumpre con todos os requisitos formais e de carácter técnico e legais exixidos pola lexislación vixente na materia e non incorre en ningunha das prohibicións e limitacións á constitución da servidume de paso establecidas na lexislación e, en particular, nos artigos 58 da Ley 24/2013, de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 161 do mentado Real decreto 1955/2000.

2ª. Manifesta o reclamante, na súa alegación segunda, que non cabe impoñer razóns de utilidade pública para un gravame como o proxecto sobre unha instalación non autorizada, o que non é certo, tal e como quedou axeitadamente demostrado no noso expositorio segundo coa sentenza achegada.

3ª. Ao respecto, temos que manifestar que de acordo co artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de novembro, pola que se regula o sector eléctrico, se declaran «de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, (…)». No mesmo senso exprésase o artigo 140.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, tal e como vén manifestando esta Administración «o procedemento expropiatorio no sector eléctrico recondúcese a dous requisitos esenciais en que se conteñen todos os elementos necesarios para un procedemento de expropiación forzosa, a xustificación da necesidade ou conveniencia da instalación eléctrica e a determinación dos bens e dereitos afectados cuxa expropiación ou afección resulta imprescindible e ambos os requisitos deben concorrer para a declaración de utilidade pública». Pois ben, no presente caso cúmprense os dous requisitos citados.

4ª. Na súa alegación terceira o reclamante alega a insuficiencia do proxecto técnico presentado, ao respecto manifesta o cumprimento da normativa aplicable.

Sexto. Con data do 3 de novembro de 2020 emiten informe os servizos técnicos da xefatura territorial, que logo de analizaren as alegacións presentadas pola CCPP r/ Arzobispo Lago nº 17 e r/ Castelao nº 18 de Vilagarcía de Arousa e a contestación dada por UFD Distribución Electricidad, S.A., conclúe o seguinte:

1º. A compañía distribuidora UFD Distribución Electricidad, S.A. xustifica o cumprimento do artigo 140 (utilidade pública), do Real decreto 1955/2000, para a petición do recoñecemento en concreto de utilidade pública da empresa beneficiaria, xa que se xustifica segundo o indicado no obxecto do proxecto asinado polo enxeñeiro técnico industrial Alberto Jimenez Albariño, colexiado nº 4274, e tendo presentado a empresa beneficiaria a solicitude e a relación de bens e dereitos afectados.

2º. Tendo en conta o indicado por Julio de Miguel Castro en condición de presidente de CCPP r/ Arzobispo Lago nº 17 e r/ Castelao nº 18 de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), cabe indicar que non se xustifica o incumprimento do artigo 161 (limitacións á constitución de servidume de paso) do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

3º. Tendo en conta todo o anterior, non se presentan obxeccións para que se poida conceder a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG nº 18, do 25 de xaneiro de 2018) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, a resposta do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse o seguinte:

Non se xustifica o incumprimento do artigo 161 (limitacións á constitución de servidume de paso) do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Respecto da declaración de utilidade pública, e ao destinarse a instalación que nos ocupa á actividade de distribución de enerxía eléctrica, téñase en conta o indicado na sentenza da Sección 6ª do Tribunal Supremo do vinte e seis de xuño de dous mil sete, que indica no seu fundamento de dereito cuarto:

«Nestas circunstancias, a Lei 54/1997, do 24 de novembro (RCL 1997, 2821), reguladora do sector eléctrico, que se proxecta sobre as actividades destinadas á subministración de enerxía eléctrica, consistentes na súa xeración, transporte, distribución, comercialización e intercambios intracomunitarios e internacionais, así como a xestión económica e técnica do sistema eléctrico (artigo 1), regula no seu título IX a expropiación e servidumes e establece no seu artigo 52 o seguinte: «Decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso».

Trátase dunha declaración xenérica de utilidade pública das contidas no artigo 10 da LEF (RCL 1954, 1848), que, como sinala o devandito precepto, precisa dun recoñecemento en cada caso concreto por acordo do órgano administrativo competente, e a iso refírese o artigo 53 da Lei 54/1997, cando establece que «para o recoñecemento en concreto da utilidade pública das instalacións aludidas no artigo anterior, será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación». Engade o artigo 54 que «A declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa».

Especial relevancia para a resolución do presente expediente ten o parágrafo final do fundamento de dereito cuarto da sentenza da Sección 6ª do Tribunal Supremo do vinte e seis de xuño de dous mil sete, que indica:

«Pois ben, desde estas consideracións, advírtese que neste caso a entidade titular das instalacións eléctricas, Plantas Eólicas de Canarias, S.A., que solicitou a declaración de utilidade pública en xullo de 1998, non só dispoñía dos terreos para tales instalacións senón que estas estaban a funcionar con normalidade desde o ano 1992, en virtude dun título hábil para isto como era o arrendamento de tales terreos, e aínda que é certo que tal arrendamento foi posto en cuestión pola empresa pública propietaria dos terreos, ata o punto de obter unha sentenza de desafiuzamento no 23 de xullo de 1998, ditada polo Xulgado de Primeira Instancia número 5 de San Bartolomé de Tirajana, por falta de pagamento da renda, non o é menos que tal sentenza foi revogada en apelación pola Audiencia Provincial de Las Palmas en virtude de Sentenza do 29 de maio de 1999, de maneira que no momento de se ditar as resolucións impugnadas na instancia subsistía o referido arrendamento, título hábil para que a empresa solicitante dispoña dos terreos precisos para a instalación e funcionamento da explotación eléctrica, que de feito vén funcionando con normalidade, o que fai innecesario e, por tanto, inxustificado o exercicio da potestade expropiatoria para tal fin, sen prexuízo do que poida exporse para o caso de que tal título habilitante se extinga e poida invocarse a necesidade de obter a dispoñibilidade dos terreos mediante o exercicio de tal potestade expropiatoria».

Por tanto, a unha instalación prexistente e en funcionamento é posible declarala como de utilidade pública para os efectos de que poida invocarse a necesidade de obter a dispoñibilidade dos terreos mediante o exercicio de tal potestade expropiatoria, como é o caso que nos ocupa. E non cabe dúbida, debido a que así se establece expresamente no artigo 143.2 do Real decreto 1955/2000, que a declaración de utilidade pública pode pedirse ben de maneira simultánea á solicitude de autorización administrativa e/ou de aprobación do proxecto de execución (actualmente autorización administrativa de construción consecuencia da aprobación e entrada en vigor da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico), ou ben con posterioridade á obtención da autorización administrativa. Así mesmo, convén lembrar que o artigo 115 do propio real decreto, que contén as autorizacións necesarias para a construción, ampliación, modificación e explotación de todas as instalacións de produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica (autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e autorización de explotación), permite que as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción definidas nas alíneas a) e b) do presente punto poderán efectuarse de maneira consecutiva, coetánea ou conxunta.

Por outra parte, na tramitación da autorización administrativa de construción da instalación obxecto da presente declaración de utilidade pública, concedeuse audiencia á comunidade de propietarios por un prazo de 15 días para presentar alegacións ou observacións e remitiuse no dito trámite de audiencia unha copia do proxecto da instalación, sen que a comunidade de propietarios presentase alegacións ao dito proxecto. Posteriormente, notificouse á comunidade de propietarios a resolución de autorización administrativa de construción sen que tampouco presentase ningún recurso a dita comunidade, polo que a resolución da autorización administrativa de construción da instalación é firme.

Conforme todo o indicado,

RESOLVO:

Declarar a utilidade pública, en concreto, do centro de transformación Brandariz, situado na rúa Castelao, nº 18, Vilagarcía de Arousa (expediente IN407A 2017/347-4), o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 4 de novembro de 2020

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra