Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Xoves, 26 de novembro de 2020 Páx. 46779

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 16 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a revisión da autorización ambiental integrada para a planta fragmentadora de Bens de Francisco Mata, S.A., no concello da Coruña, provincia da Coruña (expediente 2019-IPPC-M-203).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro de 2016) regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro de 2013) regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– «Informe técnico sobre a adaptación das MTD aplicables á planta fragmentadora de Francisco Mata, S.A.».

Para que calquera interesado poida consultalos e, se é o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que estime oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda:

http://cmatv.xunta.gal/→medioambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO I

Memoria resumo

Clave do expediente: 2019-IPPC-M-203.

Peticionario: Francisco Mata, S.A.

CIF: A15034101.

Enderezo social: rúa San Pedro de Visma, 54-56, 15011 A Coruña.

Localización da instalación: Monte Cortigueiro-Bens, s/n, 15011 A Coruña.

Actividade: xestor de residuos non perigosos.

Descrición: o proceso levado a cabo na instalación consta dunha única liña, que se basea na clasificación de residuos non perigosos para sometelos a fragmentación, prensado, ou corte e prensado dos metais férreos e non férreos. As distintas etapas que se realizan en función das características dos residuos son: recepción, operacións previas ao proceso, fragmentación, aspiración de lixeiros, separación magnética, cribado ou triaxe manual, corte mecánico, corte térmico, almacenamento e expedición das fraccións obtidas a outros xestores autorizados.

As augas residuais fecais e de limpeza das instalacións interiores trátanse antes da súa vertedura ao terreo. As augas residuais pluviais recollidas no perímetro das instalacións e nas cubertas dos edificios vértense sen tratamento previo ao terreo. As augas residuais procedentes da limpeza do sistema de tratamento de emisións de gases residuais por vía húmida entréganse a un xestor autorizado. As augas residuais de limpeza das instalacións exteriores e da limpeza da maquinaria trátanse antes da súa vertedura ao terreo. As augas residuais de escorrega potencialmente contaminadas trátanse antes da súa vertedura ao terreo.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución 2018/1147 da Comisión do 10 de agosto de 2018 pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no tratamento de residuos, de conforme á Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello.