Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 24 de novembro de 2020 Páx. 46382

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de declaración de utilidade pública e necesidade de urxente ocupación dunha instalación eléctrica no concello de Nigrán (expediente IN407A 2019/054-4).

Feitos:

Primeiro. O 20 de marzo de 2019, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMT GON805, CT Nadín II. Examinado o proxecto de execución, a instalación localizada no concello de Nigrán consiste:

No tendido e na posta en servizo dun novo enlace de media tensión subterránea ata a conexión co centro de transformación proxectado nos núcleos rurais de Con e A Igrexa, na parroquia de Parada.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas. A empresa promotora manifestou á súa conformidade cos condicionados establecidos.

Terceiro. O 28 de outubro de 2019, esta xefatura territorial ditou unha resolución de autorización administrativa e autorización administrativa de construción para a instalación IN407A 2019/054-4. Está resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 18 de novembro de 2019 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOPPO) do 14 de novembro.

Cuarto. O 15 de abril de 2020, UFD Distribución Electricidad solicita a declaración de utilidade pública do expediente IN407A 2019/054-4 por problemas de permisos.

Quinto. Notificouse aos descoñecidos que figuran na relación de bens e dereitos afectados mediante un anuncio polo que se notifica a afección de tres predios no DOG do 15 de xuño de 2020 e no Boletín Oficial del Estado (BOE) do 18 xuño.

Sexto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 2 de xuño de 2020 publicada nos seguintes medios:

DOG: 22 de xuño de 2020.

BOPPO: 16 de xuño de 2020.

Xornal Faro de Vigo: 15 de xuño de 2020.

Taboleiro de anuncios do Concello de Nigrán desde o 10 de xuño de 2020 ao 2 de setembro de 2020 conforme certificado expedido polo propio concello.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG nº 18, do 25 de xaneiro de 2018), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Terceiro. As características técnicas máis salientables da LMT GON805, CT Nadín II, para a que UFD Distribución Electricidad solicita a declaración de utilidade pública, son:

LMT aérea (actuación 1) a 20 kV con condutor tipo LA-30 de 2 metros de lonxitude, con orixe no apoio de celosía existente-desmontaxe XS e final no apoio de celosía existente-desmontaxe XS.

LMT aérea (actuación 2) a 20 kV con condutor tipo LA-30 de 1 metro de lonxitude, con orixe no apoio de formigón existente-instalación e final no apoio de formigón existente-instalación.

LMT subterránea a 20 kV con condutor tipo RHZ de 286 metros de lonxitude, con orixe no PAS proxectado no apoio de formigón existente (HV-630-15) e final no CT Rural proxectado Nandín II.

CT con relación 20000/400 V a 160 kVA.

As instalacións están situadas nos lugares de Con e A Igrexa, na parroquia de Parada, no concello de Nigrán (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 2 de novembro de 2020

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra