Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Venres, 20 de novembro de 2020 Páx. 45853

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 19 de novembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 12 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2020, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (Diario Oficial de Galicia número 247, do 30 de decembro).

Mediante a Orde do 12 de decembro de 2019 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2020, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (DOG núm. 247, do 30 de decembro).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001 e consonte o establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2020, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 17 de outubro de 2019, en que se acordou a remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Considerando o número de proxectos subvencionados e a complexidade do proceso de tramitación e de contratación nas entidades locais beneficiarias, moi exixido no contexto da pandemia causada pola COVID-19 debido á suspensión dos prazos administrativos decretados na fase de confinamento xeral, a convocatoria foi modificada mediante a Orde do 6 de outubro de 2020 (DOG núm. 206, do 13 de outubro) para ampliar ata o 22 de novembro o prazo de execución e xustificación dos proxectos subvencionados.

No entanto, púxose de manifesto que as vicisitudes derivadas da pandemia, que obrigan á adopción de estritas medidas de seguridade sanitaria no ámbito laboral, están a ocasionar atrasos na execución das obras e afectan a finalización dos proxectos dentro do prazo establecido nas bases reguladoras para a súa execución e xustificación. Esta situación implica o risco dunha deficiente execución dos proxectos subvencionados e, xa que logo, dunha clara ineficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos que, de acordo co artigo 5.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, debe rexer tamén a tramitación das subvencións.

Por este motivo, ao abeiro do artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, dado que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra, considérase procedente ampliar o dito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 30 de novembro de 2020 co fin de fixar un prazo acorde coas exixencias da execución orzamentaria e, asemade, posibilitar o remate da execución dos proxectos.

Con base en todo o anterior e consonte a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e da Xunta de Galicia, que na súa disposición transitoria segunda determina a subsistencia da estrutura e das funcións dos órganos superiores e de dirección ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida no decreto, e o disposto na Orde do 12 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2020, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 17.1 da Orde do 12 de decembro de 2019, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 30 de novembro de 2020».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Turismo